Esquerda Unida vai volver a propugnar a constitución dun parque comarcal de bombeiros, que sexa cofinanciado polas tres administracións: Xunta, Deputación e os concellos. Modelo que xa funciona en Compostela e no que no seu momento sostivo tamén o propio PP. O xeito de sufragar este servizo público comarcal é a 3 bandas, entre a Xunta, Deputación e concello, en porcentaxes respectivos de 40, 40 e 10. Queremos lembrarlle ao Partido Popular que noutrora esixira do entón Goberno Municipal que involucrara no financiamento ás outras administracións, entón rexidas polo PSOE. Agora cúmprelle ao PP xogar ese papel responsable para coa cidadanía e reivindicador para coas administracións, dado que tanto a Xunta como a Deputación as dirixen os seus correlixionarios.
Esquerda Unida reclama do novo Presidente da Deputación, que compatibiliza esa responsabilidade coa de concelleiro desta Corporación, que asuma o compromiso de cofinanciamento deste servizo de bombeiros comarcalizado. Servizo público comarcalizado que semella a fórmula axeitada para prestar un servizo necesario a todas as municipalidades da comarca sen discriminación de ningunha caste.
Se o PP xa o tiña claro entón non cabe senón denunciar como renuncia que agora se nos propoña unha prórroga dun convenio que non satisface as necesidades da cidadanía e que resulta discriminatorio para Ferrol.