Participación nas ordenanzas fiscais

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presentará alegacións ás ordenanzas fiscais e prezos públicos, con propostas alternativas e socialmente xustas que beneficien as familias traballadoras coruñesas diante da aprobación inicial, co voto encontra de EU, dunhas ordenanzas fiscais que retroceden na máxima constitucional de que pague máis quen máis ten, acadada o ano pasado grazas as nosas propostas aceptadas nas ordenanzas do 2012.

Esquerda Unida desenvolverá un proceso de participación cidadá para elaborar as alegacións as ordenanzas fiscais, no que constitúe un novo paso cara ao empoderamento da cidadanía, cumprindo así unha vez máis cos compromisos acadados nas eleccións municipais de 2011 nos que apostábamos por converternos en correa de transmisión da veciñanza co Concello. Esta nova iniciativa, xunto co desenvolvemento de Asembleas de Barrio onde a veciñanza propón democraticamente iniciativas que posteriormente presente e defenda EU-V no Peno do Concello, demostra que, a diferenza da maioría, facemos o que dicimos.

O proceso participativo consistirá en desenvolver asembleas abertas a toda a cidadanía con convite expreso aos distintos movementos sociais, para explicar de maneira sinxela, clara e transparente o impacto que terán as ordenanzas fiscais na vida dos coruñeses e coruñesas, para despois de maneira democrática decidir as alegacións que presentará o grupo municipal, proceso este último que terá que ser validado pola asemblea local de afiliados de Esquerda Unida na Coruña.

César Santiso subliñou “o PP pretende enganar aos coruñeses, aínda que afirmen unha e mil veces que conxelaron os impostos a realidade é teimuda e os datos non admiten lugar a dúbidas, so ordenanzas inxustas, insolidarias e antisociais”. Así mentres o goberno local insiste constantemente en que se baixou o recibo da auga a realidade é ben distinta, rebaixa a minorías privilexiadas, e grandes consumidores a consta de subir á preto do 90% dos coruñeses e coruñesas, é dicir un novo castigo para as familias traballadoras coruñesas e aos pensionistas, aos que se lles incrementa 10 € o recibo trimestral, debido por unha banda a unificación da tarifa dos dous servizos existentes na actualidade o caudal de 1,5 m3/hora que se incrementa en 5,1 € por recibo (pasa de 12,2 a 17,3) e o de 2, m3/hora que se reduce en 5 € (pasa de 22,3 a 17,3). Neste sentido temos que ter en conta que as vivendas que dispoñen de caudal de 1,5 m3/hora son as vivendas máis antigas, e moitas dos barrios periféricos, mentres que as de 2,5 m3/hora son todas as modernas e as luxosas. Asemade o goberno municipal aplica unha suba lineal de 5 € para repercutir o custo da nova depuradora de Bens, 4,1 en concepto de vertido (incrementando 5,5 veces a súa carga impositiva ao pasar de 0,9 a 5) e de rede de sumidoiros 0,9 (duplicando a súa carga de 0,9 a 1,8). Suba que no caso de gobernar Esquerda Unida nunca repercutiría na cidadanía en tempos de crise, senón que a cubriría eliminado gasto superfluo, certas subvencións e investimentos que supoñen malgasto, porque non hai que esquecer que se estima que o custe de explotación e mantemento para A Coruña e área metropolitana da nova EDAR de Bens estímase en 5 millóns anuais pero que segundo datos do Concello o incremento impositivo suporá un superávit de 200.000 €.

Santiso subliñou que a redución no prezo por consumo anunciado polo PP, reponde a unha simple lavada de faciana para disimular este atraco aos coruñeses e coruñesas, porque na praxe, non ten ningunha influencia sobre a tarifa da auga, concretamente reduce un 3% nos primeiros 18 m3 de consumo e 1,5% no resto do consumo. Esta medida supón realmente 0,1 € de aforro trimestral, e dicir 3 centimos ao mes para as persoas que teñan un consumo medio, pois se estima que o consumo medio por habitante é día rolda (sen chegar) aos 200 l/día, o que precisamente supón 18 m3 trimestrais. Polo tanto esta medida tan so favorece as empresas que son grandes consumidoras de auga, así a sen razón do goberno municipal lévalle a ditar normas que promoven o consumo de auga en lugar do seu aforro, precisamente agora que por mor do cambio climático estamos a vivir unha crise medioambiental e hídrica que produce que incluso na Galiza e na Coruña, teñamos tempadas en situación de alerta por falta de recursos hídricos ao estar os nosos embalses semibaleiros.

 

Relacionados