Partidismo do PSOE co elevador

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que a defensa do elevador de San Pedro a pesares de custar 370.000 € anuais aos coruñeses demostra a incapacidade do PSOE para recoñecer os erros do pasado. Agora argumentan que se fixo para aumentar o turismo, cando os datos indican claramente que iso non é así, pois a presencia de usuarios (non todos turistas) é testemuñal, cunha media de 66 ao día. Asemade a miopía dos nosos gobernantes impediu xerar un polo de actividade comercial ao redor destas atraccións turísticas, situación que impide rendabilizalas, máis ben todo o contrario porque o visitante que se achega até alí pasa practicamente medio día fora da oferta coruñesa, é dicir en lugar de incentivar o consumo dos turistas estas atraccións o desincentivan e aínda por riba cun elevado custe para as arcas coruñesas.

 

Semella que o PSOE, para maior gloria de Francisco Vázquez, prefire que se manteña este deficitario e ineficaz servizo a que se constrúa unha escola infantil municipal como demanda a veciñanza coruñesa, pois a demanda de prazas duplica a oferta actual.

 

Esquerda Unida lamenta a actitude partidista dos partidos maioritarios da corporación coruñesa PP e PSOE, o PP o ten demostrado co seu silencio cómplice ante a negativa da Xunta de Galicia de cumprir o seu compromiso de construír unha residencia universitaria pública baixo xestión da universidade coruñesa, cando calou diante do desmantelamento do IES Paseo das Pontes,  cando regalou a Xunta o edificio da fábrica de tabacos ou cando acata sen rechistar os recortes da Xunta. O PSOE o demostrou cando agachaba os desprezos do goberno Zapatero, por exemplo co porto exterior ou a rexeneración da ría do Burgo, ou cando asinaba contratos con concesionarias de servizos públicos claramente lexivos para os coruñeses e coruñesas como por exemplo coa compañía de tranvías, a grúa ou a ORA, mais agora na oposición o fai defendendo actuacións inaceptábeis de Francisco Vázquez como o elevador e miradoiro de San Pedro.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “seguiremos a informar a cidadanía das eivas cometidas tanto de uns como de outros, por moito que intenten coaccionarnos insinuando que so é de esquerdas denunciar ao goberno do PP. Que fácil é ser de esquerdas cando se está na oposición.

Relacionados