Paso peoníl no Paseo Marítimo

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia a falta de adecuación dunha zona segura para o paso de peóns nas obras do Paseo Marítimo, así a veciñanza ten que utilizar a zona reservada para as vías do tranvía, unha calzada que ten o inconveniente de ter os buratos propios da vía o que sumado a súa estreiteza pon en perigo a seguridade viaria dos peóns. Asemade o dito paso supón unha incomodidade para os viandantes que teñen que pasar por unha zona embarrada que se conserva en moi mal estado.

 

Esquerda Unida demanda que o Concello habilite temporalmente un adecuado espazo peonil no Paseo Marítimo, a solución podería ser un entarimado de madeira enriba da estreita calzada que ten as vías do tranvía, así evitaríase o perigo dos buratos, a incomodidade do barro e ganaríase un espazo uniforme para que os peóns poidan pasear con seguirdade. A dita actuación, que debería obrigarse a desenvolver a empresa que está realizando a pavimentación do Paseo Marítimo, é sinxela e económica ao tempo que práctica e estética, pois se iría montando e desmontado por tramos segundo avance a obra e o resultado final sería semellante aos paseos de táboas dos que dispoñen moitas praias galegas.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a situación que se vive no Paseo Marítimo dende Riazor até o Orzán é propia de países en vías de desenvolvemento, semella inaceptábel que se este poñendo en risco a seguridade da cidadanía ao tempo que se da unha imaxe tan penosa da nosa cidade”.

 

Santiso preguntouse “como é posíbel que o Goberno local non repare neste problema e na súa fácil solución? acaso prefiren molestar a cidadanía antes que demandar a empresa construtora que asegure a seguridade da veciñanza?

Relacionados