Chegáronnos queixas veciñais da situación lamentable destes animais. O Concello non cumpre coa súa manutención alimentaria adecuada. A veciñanza da zona, conmovida pola situación, é a que está a alimentar aos animais, ou os paseantes, que lle proporcionan comida, ás veces non adecuada. Ademais as condicións sanitarias son cuestionables, existindo zonas no estanque con moita sucidade e abundantes residuos.
Dende O Consello Comarcal de EU Compostela denunciamos que o Concello non está a exercer a súa obriga de coidados e proteccións adecuadas a estes animais segundo establece a Lei 1/1993, do 13 de Abril, de Protección de Animais domésticos e salvaxes en catividade de Galicia. Na lei son consideradas infraccións non facilitarlle unha alimentación adecuada, non garantir unhas boas condicións hixiénicas e sanitarias, e mantelos nunhas instalacións non acordes as súas necesidades.
Recordámoslle ao goberno do PP que asuma as súas obrigas como posuidores de animais e que se fagan cargo da súa alimentación, así como da limpeza e mantemento do estanque e arredores.
A veciñanza denuncia tamén que o Concello, durante o mes de Abril, introduciu no estanque especies novas, sen ter en conta as características propias, provocando enfrontamentos entre os diferentes animais, dificultándolles o acceso á comida para determinadas especies e provocando unha sobre poboación no estanque. En definitiva, sometendo, aínda máis, a estes animais a unha total desprotección e vulnerabilidade. Tanto a cidadanía, como dende o Consello Comarcal, reclamamos que antes de realizar novas incorporacións debese facer o pertinente estudo técnico.
Os animais, na procura de comida, cruzan a estrada, podendo provocar accidentes. Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela recordámoslle ao goberno do PP que tamén é responsabilidade del adoptar as medidas necesarias para impedir que os animais causen situacións de perigo. Para procurar o benestar dos animais e evitar accidentes é necesaria a colocación dunha valla que circunde o espazo destinado aos patos, así como instalar sinais de aviso na estrada da existencia de animais pola zona e da prohibición de levar cans soltos.
En definitiva, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, non solicitamos máis que un trato humano e respectuoso aos animais por parte do Concello de Santiago. É vergoñento que abandone as súas responsabilidades a compaixón da veciñanza, a cal demostra unha ética e respecto aos animais carentes no Concello. O goberno do Partido Popular debe asegurar aos animais que habitan nos parques municipais unhas condicións de vida respectuosas e éticas.