Peche de laboratorios de análise

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que a Xunta, cos seus recortes, está a poñer en risco a saúde da cidadanía, ao limitar a toma de mostras de análises reducindo a capacidade de control dos laboratorios públicos en aspectos fundamentais como o control de alimentos elaborados e as augas de consumo público, así como augas de zona de baño, piscinas de uso colectivo, control sanitario de establecementos, industrias cárnicas, lácticas, salubridade dos moluscos, control sanitario das industrias lácteas (leites e derivados), pastelerías, restauración colectiva, industria alimentaria…

A Xunta de Galicia, desde fai un tempo está a reducir o orzamento o que está a provocar un descenso do traballo desenvolvido polo laboratorio nos últimos anos como se pode observar nas propia información do Sergas, incluso dende o 2010 está a impedir a acreditación de máis técnicas de laboratorio.

Esquerda Unida denuncia que a Xunta de Galicia pretende pechar o laboratorio de saúde pública da provincia da Coruña, así nun período de entre seis meses e un ano trasladará o dito laboratorio a Lugo. No centro da Coruña actualmente están a traballar 19 persoas e ten recoñecida a acreditación ENAC do Ministerio de Industria desde 1999, das diferentes técnicas analíticas/ controis que realizan, sendo un laboratorio de referencia na UE. O que supón que o laboratorio esta acreditado e recoñecido internacionalmente.

Con esta equivocada decisión a Xunta enmendase a sí mesa, pois dende fai uns anos estaba a desenvolverse unha rede integrada de laboratorios de saúde publica, racionalizando o custo dos programas de prevención e protección da saúde, en toda Galiza, sendo Lugo o laboratorio de referencia, pero mantendo en funcionamento os laboratorios da A Coruña, Ourense e Pontevedra.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indico que “o PP coa súa estratexia privatizadora pretende por en mans de empresas privadas a vixilancia do cumprimento da normativa en canto a analíticas, como xa acontece con outros servizos como a realización do carne de manipulador de alimentos que leva privatizado 10 anos, ou os análises de auga do concello da Coruña.

César Santiso indicou “Aínda quen non dubidamos da profesionalidade das empresas que desenvolven as analíticas, deixar o seu control en mans privadas e como poñer ao raposo a coidar das galiñas”.

Finalmente Santiso instou ao goberno municipal a que por unha vez defenda os intereses dos coruñeses e coruñesas e loite contra este peche, en lugar de acatar as ordes do seu partido, mirando cara outro lado como aconteceu con temas como o COF do Ventorrillo, o IES Paseo das Pontes, a residencia universitaria, a Fábrica de Tabacos ou agora coa Fábrica de Armas.

Relacionados