Penamoa

 

Esquerda Unida denuncia que Penamoa en lugar de rexenerarse estase a converter nun vertedoiro formado por refugallos, restos de demolición, zonas queimadas e a uralita das cubertas composta de amianto, material altamente tóxico e canceríxeno ao que o Real Decreto 396/2006 que regula el proceso de desamiantado obriga a retirar una compañía inscrita no Rexistro de Empresas con Risco de Amianto.

 

Mentres, o goberno municipal anuncia plans de rexeneración, envía efectivos para comezar os traballos, retira tan so a uralita con amianto das infravivendas da última demolición, pero non do resto que formaban o poboado e cando desaparece o foco mediático os efectivos desaparecen e o plan esmorécese.   

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes afirma que é necesario rexenerar o espazo degradado e reutilizalo inmediatamente para evitar que se manteñan a queimas incontroladas e a venta de drogas, por iso propón a creación dun aparcadoiro disuasorio gratuíto e un grande espazo de lecer e servizos para a cidadanía que inclúa un parque con zonas de hortas urbanas e verxeis de froiteiras para promover a agricultura ecolóxica como entretemento, deporte e, incluso, como oportunidade para que as persoas desempregadas síntanse produtivas e poidan facer achegas á economía familiar, avanzando así cara á soberanía alimentaria coruñesa. O aparcadoiro situaríase ao carón da terceira rolda para evitar a entrada de vehículos no centro da cidade, pero que tamén podería ser utilizado pola veciñanza habida conta dos graves problemas de aparcamento que padece a zona.

 

César Santiso, indicou que “temémonos que se prolongue por tempo o pesadelo que está a vivir a veciñanza, por iso solicitaremos unha xuntanza coa plataforma do Ventorrillo para analizar a situación e estudar distintas vías de actuación”. Porque co derribo das últimas chabolas o problema non está resolto. Apostamos por un plan integral de rexeneración e reutilización de Penamoa consensuado cos veciños e veciñas baseado na utilización do espazo para fins sociais e pagar, así, a débeda histórica que o Concello ten coa veciñanza, grazas aos terreos de propiedade municipal alí existentes.

 

Santiso rematou subliñando que “poñemos o noso grupo municipal ao servizo da veciñanza do Ventorrillo, A Silva, Cance, Penamoa ou A Moura para pular na procura da inmediata solución ao problema que levan sufrindo tres décadas”.

 

RESPOSTA AO ALCALDE

 

O voceiro de EU-V, logo da resposta do Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, sinalou que “entendemos perfectamente que todos os plans teñen prazos que cumprir, pero hai certas actuacións como a eliminación de refugallos e materiais tóxicos que non poden esperar, nin compartimos nin entendemos que se produza un parón cando o traballo a desenvolver a primeira instancia é claro, obvio e necesario. Semella que o Goberno municipal so actúa diante do foco mediático e cara a galería, como sucedeu co do plan de rexeneración anunciado cando Penamoa era noticia pola ocupación do edifico da Moura”.

 

“Non permitiremos que se xogue cunha veciñanza históricamente obviada polo Concello. Terán os veciños e veciñas do Ventorrillo que  esperar a que xurda unha nova ocupación ou algún tipo de desgraza para que o Goberno municipal acometa dunha vez por todas a rexeneración desta zona degradada?” preguntouse César Santiso quen recordou que o Goberno do PP non ten pensado reutilizar a zona a curto prazo o que suporá que Penamoa seguirá a ser un centro de trapicheo de droga e de queimas incontroladas, prexudicando gravemente a calidade de vida da cidadanía e degradando de novo o espazo recen rexenerado o que suporá, por outra parte, un malgasto económico inaceptábel nestes momentos de axustes orzamentarios e dificultade económica.

Relacionados