O anuncio de que o Concello de Santiago quedaba fóra da concesión de axudas por parte da Xunta de Galicia para implementar medidas de prevención do fracaso e abandono escolar por ter presentado fóra do prazo regulamentario a solicitude demostra, unha vez máis, que o goberno do Partido Popular non só segue xogando de forma incompetente cos intereses da maioría social, senón que está prisioneiro do medo que provoca entre as súas ringleiras a cuestión xudicial posta en marcha coa Operación Pokemon.
A cidadanía ben merece unha explicación clara por parte dos responsables, e non é de recibo a xustificación de que, en certo modo, tanto ten perdela porque era unha contía reducida. As arcas municipais non están tan enchidas como para permitirse o luxo de renunciar a axudas da Xunta de Galicia para un programa educativo necesario.
Pero, ademais, detrás deste feito latexa o desgoberno local e que ten moito que ver coa, por desgraza, permanente parálise que padece este Concello (Virxe Branca, facturas falsas, Rúa de San Pedro, etc…) por mor da operación xudicial Pokemon que fai estremecer os piares da democracia local e que está erosionando a capacidade do goberno local, alimentado polas súas liortas internas. Estremecemento que se está estendendo, tal como vén de enterarse hoxe a veciñanza compostelá, ao outro partido sistémico.
A operación Pokemon fixo que saíse á luz pública o fedor a corrupción. Ángel Currás e o seu equipo son incapaces de soster coa mínima decencia un plan de goberno que non hipoteque o futuro desta corporación municipal para décadas.