Pikachu ao pleno

Esquerda Unida segue coa súa cruzada contra a corrupción municipal e volve a levar a Pikachu ao pleno con catro iniciativas. O alcalde non pode mirar cara outro lado cando ten parte do goberno e do seu aparato imputado e o caso Pokemón acredita un modus operandi dun PP, máis propio da mafia que dun goberno municipal. Diñeiro negro, información privilexiada, trapicheo na contratación, facturas falsas e enchufes a familiares, amigos e membros do partido… Con este tipo de actuacións inmorais non é de estrañar que o concello da Coruña lidere o ranking de imputados na operación Pokemon, entre os que destacan o voceiro do goberno municipal e man dereita de Negreira, o seu asesor, a asesora da tenente alcalde de cultura, así como diverso persoal de confianza nomeado a dedo polo PP que está a dirixir diversas áreas do concello.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes leva ao pleno tres preguntas orais nas que interpela ao alcalde en relación coa trama de corrupción da Pokemon e unha moción para garantir o apoio á xustiza que propón:

Primeiro.- O Concello da Coruña amosa o seu total apoio e vontade de colaboración coa labor da xustiza, presente e futura.

Segundo.- O Concello da Coruña comprométese a enviar de oficio e de inmediato toda a información dos asuntos investigados pola xustiza, tanto a que obra en poder do Concello como a que obra en poder das empresas municipais.

Terceiro.- O Concello da Coruña considera inaceptable que os membros da corporación, persoal de confianza ou empregados públicos ataquen a labor da xustiza, polo que os que actúen desa maneira serán publicamente amoestados.

Cuarto.- O Concello da Coruña esixe que os membros da corporación, persoal de confianza ou empregados públicos chamados a declarar, contesten ás preguntas que se lles faga en sede xudicial de boa fe, de forma clara e coa argumentación suficiente. No caso de non facelo serán publicamente amoestados a fin de que non se repitan estas actitudes de obstrución á xustiza.

Quinto.- O Concello da Coruña comprométese a confeccionar coa participación da cidadanía, un código ético de conduta dos representantes do concello na súa relación coa xustiza.

En canto as preguntas orais, este é o seu enunciado:

1.- Sr. Negreira, a que puntos concretos da moción de Tolerancia cero á corrupción presentada polo noso grupo no anterior pleno se opón?

2.- Sr. Negreira, ata cando ten pensado o Goberno municipal manter a súa actitude de obstrución á xustiza?

3.- Sr. Negreira, ten a cidadanía coruñesa o dereito a coñecer a relación de agasallos que os membros do goberno municipal recibiron durante toda a súa etapa como cargos públicos, así como a listaxe dos agasallos devoltos e por quen? En caso afirmativo e dado que fai sete días que sabe que formularíamos esta pregunta, pode relatar o detalle neste pleno para que conste en acta?

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “esiximos a Negreira a que de explicacións en sede plenaria sobre a corrupción municipal ao tempo que esperamos que non teña a cara dura de rexeitar de novo unha proposta nosa contra a corrupción e a prol da ética e a transparencia”.

Relacionados