Plan Aluga da Xunta

 

Algunhas das medidas do Plan Aluga semellan pensadas para beneficiar ás persoas que máis teñen (máis salario; máis vivendas acumuladas), incluíndo ao respecto, e de forma previsible, a empresas privadas do sector inmobiliario.

 

Para esta secretaría un salario de case 1900 euros, sendo o que é a media salarial en Galicia, é un bo salario. E recibir unha axuda do 30% en materia de aluguer seméllanos desproporcionado se a comparamos coa axuda que recibiría unha persoa con salario base (IPREM 532,51 mes / SMI 633,30) que apenas duplicaría (70%) a do que ten un salario de case 1900 euros. Esta política é inxusta socialmente. É como se se fixese unha Lei que anunciase que lle subvencionaremos a matrícula do centro privado ás persoas que levan os seus fillos aí, mentres lle seguen recortando posibilidades aos centros públicos…O mundo ao revés! E claro, por se non fose suficiente, tamén imos pagar as reformas desas vivendas baleiras. Cantas familias poden permitirse ter unha primeira vivenda, unha segunda e ter vivendas baleiras??? A quen beneficiamos de forma encuberta???

 

Pero, con moito, a noticia máis negativa, é que “persoas xurídicas” (i.e. empresas) podan beneficiarse do Plan Aluga. Para Esquerda Unida que o diñeiro público de todos os galegos e galegas sirva para pagar a empresas do sector inmobiliario causa anoxo. Cómpre non esquecer que os milleiros de vivendas baleiras en mans de promotoras débese á cobiza, á especulación desmedida que inflou os prezos por riba da capacidade adquisitiva das persoas e alimentou a burbulla que finalmente estourou contribuíndo de xeito notable á situación de crise xeralizada que padecemos.

 

Para que as vivendas baleiras teñan uso, os promotores deben alugalas a un prezo social. Nada máis. E a Xunta debe establecer as canles oportunas para que isto sexa así… pero non co diñeiro público cando se está falando todos os días de redución de gasto público. É de supoñer que os promotores preferirán sacarlle algún rendemento a telas baleiras. O que sucede é que aínda agardan a quimera da venda a prezos aínda desorbitados. Que teña que ser o diñeiro de galegos e galegas o que subvencione esas vivendas baleiras a promotores cobizosos…causa, insistimos, anoxo.

 

Se se quere incentivar o aluguer cómpre unha bolsa pública de pisos en aluguer con prezos pensados nas condicionantes socioeconómicas. Que contempla a Xunta cos milleiros de familias galegas que viven na soleira da pobreza? Que pasa coas persoas que non teñen sequera renda? Non teñen dereito a unha vivenda digna? Que programa de acceso lle ten reservado o goberno da Xunta? Ou é que só contan as persoas con “diñeiro”??

Relacionados