Plan asistencia a persoas sen teito

 

Os albergues privados, aínda que recoñecemos que desenvolven unha grande labor humanitaria, non poden ser a única alternativa para as persoas sen fogar. A Coruña necesita dispor de espazos neutros que se rexan so por normas de convivencia afastadas dos dogmas relixiosos, espazos onde o principio rector sexa a rehabilitación social e non a caridade. Así moitos indixentes que prefiren durmir ao frío na rúa, cambiarían os seus hábitos.  

 

Neste sentido, o voceiro de EU-V César Santiso, reiterou a proposta para que o Concello habilite un albergue municipal para axudar aos máis necesitados. “Un albergue de titularidade pública dirixido polos servizos sociais do Concello coa colaboración na xestión de ONG e outras asociacións orientadas a axudar aos necesitados.

 

Asemade, Esquerda Unida solicita que o Goberno municipal deseñe un plan de asistencia ás persoas sen teito e drogodependentes, cuxo eixe sexa o propio albergue e que inclúa o conxunto de actuacións sociais, sanitarias, formativas e laborais que sexa posible realizar, mediante a apertura de oficio dun expediente de asistencia social a cada unha das persoas que se atopan en situación extrema.

 

Non cabe dúbida que a integración social das persoas sen teito resolve un drama humano, contribuíndo na medida do posible o desenvolvemento persoal integral dos máis desfavorecidos. Pero tamén axuda a resolver un problema de saúde pública, o evitar que as persoas sen fogar cheguen a padecer enfermidades infecto – contaxiosas.

 

Por outra banda este plan axudaría a evitar que as entradas dalgúns locais comerciais utilícense como aloxamento polas persoas sen fogar, evitando así prexuízos para o pequeno comercio e mala imaxe para a cidade.

 

Semella necesario coñecer a dimensión real do problema, e dicir cantas persoas hai na cidade en situación extrema, para poder personalizar as solucións. Por iso, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes coincide co director de Cáritas na necesidade de que o Concello leve a cabo o empadroamento das persoas sen fogar, dado que existe a posibilidade de empadroar de oficio aos cidadáns que residen no municipio.

Relacionados