Plan de austeridade

 

O consello comarcal de EU Coruña diante da manifesta ineficiencia do concello e a necesidade de reactivar a economía local e cambiar o modelo produtivo propón unha administración eficaz e austera.

 

Non cabe dúbida que para poder desenvolver as devanditas medidas é necesario dotalas orzamentariamente. Por iso, Esquerda Unida propón un plan de austeridade e reorganización administrativa que permita aforrar ao concello máis de 9 millóns de euros ao tempo de ampliar novos servizos á cidadanía, para destinalos a reactivar a economía local.

 

Neste sentido, o coordinador comarcal de EU e candidato á alcaldía, César Santiso, indicou que “as nosas propostas non son meras declaracións de intencións senón que responden a unha viabilidade económica baseada nun equilibrio orzamental derivado de aplicar criterios de eficiencia, ética, transparencia e austeridade institucional. Apostamos por unha Administración eficaz que sexa quen de multiplicar os servizos prestados a cidadanía sen un aumento significativo de custos para que estes sexan equilibrados mediante unha radical redución de custos institucionais superfluos”.

 

Así destacou as seguinte reduccións:

   Evitar sentenzas condenatorias por irregularidades urbanísticas. 3.650.000 €.

   Redución do 50% do orzamento do IMCE (espectáculos). Eliminando a subvención as touradas a vez de apostar por espectáculos menos custosos até o remate da crise. 2.350.000 €.

   O plan de eficiencia enerxética aforrará o 50% do consumo eléctrico. 2.200.000 €.

   Reducir concellerías e asesores, asemade de baixar un 25% os emolumentos de cargos públicos e altos cargos de confianza. 400.000 €

   Redución dun 75% dos custos en protocolo e relacións públicas. 300.000 €.

   Redución do 50% en dotacións para os grupos políticos. 200.000 €.

 

O actual goberno coruñés ten manifestado en multitude de ocasións a súa ineficacia, falta de planificación e incapacidade organizativa. Situación que está a supoñer que a Administración local coruñesa, a pesares de contar cun cadro de persoal cualificado e profesional que supera con creces o milleiro de traballadores e traballadoras, non sexa capaz por si mesma de dar cobertura aos servizos a cidadanía que a constitución obriga. Deixando vía libre a masiva externalización de servizos co elevadísimo custe que esta práctica ten para as arcas municipais.

 

Por iso, Esquerda unida propón un Plan de Reorganización da Administración Coruñesa (PRAC) que permita optimizar recursos, gañar en eficacia e mellorar a  productividade do persoal, mediante unha mellor e máis flexíbel organización do traballo na que se fomente o cooperativismo e o traballo en grupo en lugar da actual estrutura baseada nunha perversa pirámide invertida de mando que é sinónimo de ineficiencia e individualismo.

 

EU leva meses traballando no desenvolvemento do devandito PRAC que permitiría a creación de novos servizos para a cidadanía coruñesa, ao tempo que suporía un aforro de custos mediante a reducción paulatina de servizos externalizados. Proximamente o presentará ás distintas organizacións sindicais para que o dean a coñecer aos traballadores e traballadoras do concello, para que estes dende a súa visión da praxes diaria desenvolvan achegas que o enriquezan. 

Relacionados