Plan de axuste

 

Esquerda Unida esixe que o Plan de axuste do Concello non supoña recortes nin en servizos á cidadanía nin en salarios dos empregados públicos. O Goberno municipal ten múltiples ferramentas para asegurar a devolución do crédito a 10 anos, sen cercenar dereitos da cidadanía nin investimentos relacionados coa reactivación económica.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que os 7,6 millóns deben devolverse en base ao incremento recadatorio e a redución dun 25%  dos emolumentos dos cargos públicos e persoal de confianza.

 

EU lembra que segundo datos da liquidación do orzamento municipal correspondente ao exercicio 2010, o Concello ten 70 millóns de débedas pendentes de cobro polo que coa cobranza dun 11% dos impagados cubriríase a totalidade da débeda adquirida para o pagamento de facturas pendentes a provedores.

 

Como xa denunciamos no pasado mes de agosto onde afirmábamos que era intolerábel que dende fai anos estivesen pendentes de cobro cotas de urbanización de promocións inmobiliarias por valor de varios millóns de euros, cando as familias traballadores pagan puntualmente os seus impostos e no caso de non facelo o concello embárgalles de inmediato. O propio Goberno municipal, recoñeceu a eiva e comprometeuse no Pleno de setembro a mellorar a eficacia recadatoria do Concello.

 

Por outra banda no Pleno de xullo Esquerda Unida propuxo, sen apoio de ningunha outra forza política por certo, a redución dun 25% dos emolumentos de cargos públicos, altos directivos e persoal de confianza ata que finalice a crise, o que produciría unha economía aproximada de 300.000 € anuais, o que ao cabo dos 10 anos do préstamo suporía uns 3 millóns de euros, o 40% da débeda contraída.

 

César Santiso indicou que “o Concello ten capacidade dabondo para cubrir o crédito sen aplicar ningún recorte social. Que cobre as débedas pendentes e baixe os salarios aos cargos públicos”.

 

Santiso lembrou que el mesmo, nun exercicio de coherencia doou o 25% dos ingresos anuais que recibiu en concepto de asistencia a Plenos e Comisións como concelleiro de Esquerda Unida – Os Verdes.

Relacionados