O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe autocrítica ao goberno municipal en relación aos datos do paro cun incremento do 4,15% na Coruña, cun total de 23.736 persoas inscritas no INEN, sen incluír aos parados que xa desisten de facer os trámites necesarios para estar nas listas, e que de seguro aumentan considerablemente o número arriba sinalado. Esta situación pon en evidencia as políticas municipais do PP, incapaces de xerar emprego, mais aló da rede clientelar de enchufismo creada por Negreira e executada polos seus tenentes de alcalde: Julio Flores e Ana Fernández, como está a relevar o sumario da Pokémon.
Esquerda Unida esixe ao goberno municipal a creación dun plan de emprego e reactivación económica diante do incremento do paro. Un plan que ten que ter como alicerce fundamental o apoio a autónomos, PEME e cooperativas de traballadores, facilitándolles o acceso a locais, a través de créditos brandos, a creación da xanela única e o Servizo Integral de Apoio a Emprendedores (SIAME) que a través dunha taxa que cubra custos de xestión permitirá acceder a oficinas, comunicacións, loxística, servizos administrativos e asesoramento contábel, laboral e tributario.
Asemade EU anima ao goberno local a dar un xiro ás medidas de apoio ao pequeno comercio, que están a ser infrutuosas como os propios comerciantes denuncian. O apoio ao pequeno comercio pasa por crear unha bolsa se alugueiro de baixos comerciais baleiros xestionada polo concello, políticas fiscais que fomenten o alugueiro, así como a aplicación do propio SIAME, en lugar de malgastar os cartos públicos con medidas ineficaces que so pretenden enganar aos comerciantes para transmitirlles a falsa idea de que se está a facer algo por el, porque facer análises de análises ou decorar locais como as que o PP publicita so serven para enganar.
O voceiro de EU-V, César Santiso, sinalou que “resultan pouco apropiado tirar de datos interanuais e sinalar, coma fai o goberno municipal para maquillar os datos do desemprego. Esa estratexia non axuda en absoluto, e pon de novo sobre a mesa a nefasta xestión en materia económica e de emprego e a escaseza de miras para lle atopar unha solución por parte do executivo de Negreira”.