Esquerda Unida considera que o goberno municipal está a dilapidar os cartos que chegan de Europa en documentos de difícil execución. A UTE formada por Eptisa e Ineco será a encargada de elaborar un documento que custará as arcas municipais preto de medio millón de euros. Un documento que o actual goberno local non poderá executar no seu mandato pois quédanlle dous anos de goberno e o plan non estará listo até finais de ano, polo que ten tan so un ano para executar un traballo de grande envergadura. Quen lle asegura que o seguinte goberno non faga o mesmo que este e tire ao lixo o dito plan e con elo os cartos que custou o seu desenvolvemento?
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que o plan de mobilidade debería realizarse en base aos documentos existentes, contando coas achegas veciñais e a participación da universidade e os colexios técnicos como o de enxeñeiros e arquitectos. O concello perde unha grande oportunidade de promocionar aos técnicos e especialistas coruñeses e potenciar o cluster do coñecemento e a investigación, mentres moitos técnicos e investigadores coruñeses están no paro o concello contrata con empresas de fora da cidade. Unha auténtica magoa porque esta UTE non reverterá os seus beneficios na Coruña, algo que si acontecería si se desenvolvesen convenios de colaboración coa universidade e colexios técnicos.
Asemade perdese a posibilidade de establecer relacións sinerxias cara ao desenvolvemento doutros proxectos de investigación e desenvolvemento necesarios para que a nosa cidade comece o necesario cambio do modelo produtivo.
EU lembra que o propio alcalde, fai pouco máis de ano e medio, valorou moi positivamente os plans de mobilidade desenvolvidos por estudantes e técnicos locais que gañaron o concurso convocado polo colexio de enxeñeiros. Proxectos que agora quedan esquecidos nun caixón, nunha demostración de ineficacia e mala xestión da cousa pública
O voceiro de EU-V, César Santiso, salientou “plan de mobilidade, proxecto Coruña Futura, dubidosos proxectos do Smart City… O goberno local é unha máquina de malgastar cartos en informes e plans que sabe que non poderá desenvolver nesta lexislatura e mentres a xente pasa fame”.