Plan de mobilidade

AGE presentou unha interpelación preguntando a Xunta polos incumprimentos das previsións do plan de mobilidade do transporte metropolitano e a petición de modificacións de contratos programa por parte das empresas concesionarias

Santiago de Compostela, 24 xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda, a través da súa vicevoceira deputada Yolanda Díaz, presentou unha interpelación relativa a problemática dos incumprimentos das previsións do plan de mobilidade do transporte metropolitano e a petición de modificación dos contratos programa por parte das empresas privadas concesionarias.

Desde Alternativa Galega de Esquerda aseguran que a realidade desminte que se estea a incrementar a oferta de transporte público coa implantación de novos servizos ou a intensificación dos existentes, coa conseguinte merma das previsións en materia de incremento de número de persoas usuarias.

As eivas no despliegue do plan de transporte metropolitano van contra a mellora que nos eidos social e da sustentabilidade debe achegar unha visión integral e pública no que atinxe ao desenvolvemento desta modalidade de transporte no noso país. Unhas insuficiencias que tamén atinxen ao programa para a mellora da conectividade e o da mellora nas infraestruturas asociadas ao transporte colectivo e que pesan sobre o dispar e abusivo prezo dos billetes en demasía condicionado polas concesionarias do servizo público.

A realidade sinalada evidenciase, según AGE, na demanda que presentou no outono pasado a empresa concesionaria do servizo de transporte público urbano na cidade de Ferrol, que achega unha solicitude de reestruturación da explotación concesional perante a consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia. A solicitude, como adoitan ser as das concesionarias de servizos públicos, busca aumentar a marxe dos beneficios da empresa privada mediante a redución das frecuencias das liñas na cidade onde o billete de transporte urbano é o máis caro de Galicia. Toda unha emenda á totalidade as previsións asinadas en materia de transporte metropolitano tal e como destacou Yolanda Díaz.

Alternativa Galega de Esquerda considera inaceptable a proposición da empresa privada concesionaria que busca mellorar a súa conta de resultados sobre o lombo da erosión dun servizo público xa de seu manifestamente mellorable no que atinxe as frecuencias, liñas e custo para a cidadanía usuaria.

Por isto, AGE pregúntalle a Xunta que se está a facer mal para que as previsión do contrato programa para o transporte metropolitano sexan rotundamente desmentidas en materia de crecemento do número de persoas usuarias.

Alternativa Galega de Esquerda se pregunta se non será tempo de recuperar a presenza pública protagonista no eido estratéxico do transporte público, que tería que xogar o papel central no deseño e execución da mobilidade metropolitana no noso país.

Entanto non se produce esa viraxe cara a recuperación polo sector público desta materia, o Grupo Parlamentario quere coñecer cales van ser as iniciativas da consellaría para impulsar o cumprimento rigoroso das previsións do plan de transporte metropolitano e cal vai ser a resposta que se de ás empresas concesionarias que demanden a revisión dos contratos programa xa que da resposta e iniciativas da consellaría dependen a viabilidade ou a morte súbita do plan de transporte metropolitano.

 

Relacionados