Plan de traballo para Navantia

Esquerda Unida presentara unha batería de  preguntas para instar ao goberno  central a preparar as instalacións do estaleiro para a súa volta á construción civil, cando remate o veto en 2015.  A resposta do goberno é desacougante porque di que non investirá un peso en fornecer as capacidades do estaleiro e o fía todo a conquerir ad futurum, e sen pór un peso, encargos nos mercados exteriores.

Esquerda Unida formulaba a proposta de elaboración dun plano de investimentos que permita, no tempo que resta para o fin do veto, mellorar as capacidades produtivas da factoría así como fornecer a actualmente moi reducida plantilla, elementos hoxe, os das capacidades produtivas e plantilla que hai que afortalar para que o estaleiro teña as condicións axeitadas para gañar novos encargos de traballo e producir así a riqueza social que necesita Ferrolterra.

A resposta do Goberno da a razón a Esquerda Unida, mais anuncia que non fará nada e non poñerá un euro para mellorar a vella Astano. O goberno di que hai que analizar a capacidade actual da factoría, os posibles incrementos da demanda e mercados dispoñibles, as implicación económicas dos investimentos e as propias condicións do estaleiro cando vaia rematar o veto. Pero non concreta, isto é, nega na práctica que haxa que desenvolver un plan de traballo e investimentos, como demanda Esquerda Unida. O único que anuncia o goberno e que vai reforzar a área comercial, sen dicir que nen como: fume para deixar pasalo tempo.

Nese contexto de deixación e desinterese semella desacougante que o goberno anuncie, entre liñas, que a Comisión Europea vai impor novas limitacións ás capacidades de produción do estaleiro, o que semella inaceptable.  Non pode haber, cumprido o tempo dun veto inxusto parido no goberno Aznar, ulteriores limitacións que somentes castigan a creación de emprego e a produción de riqueza social, que é o que necesita este pobo traballador. 2015 é a data que o goberno de Rajoy non ten interese algún en adiantar, dada a negativa a desenvolver calquera secuencia de actuacións en Bruxelas que permita acelerar a volta ás plenas capacidades produtivas do estaleiro de Fene.

 

Relacionados