Plan dinamización demográfica

O grupo parlamentario lamenta a pouca transparencia e democracia da que fai gala o goberno galego con este tipo de comportamentos.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda presentou unha queixa formal polo procedemento seguido na tramitación do “Plan para a dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020”. O grupo parlamentario non comprende como é posible que O Plan para a Dinamización Demográfica de Galicia, que supostamente a Xunta entende coma alicerce das políticas sociais do seu Executivo, pode ser debatido nunha Comisión Parlamentaria e tan só uns días despois de ser remitido á Cámara.

A deputada Eva Solla sostén que non debería proceder admitir polo trámite de urxencia un Plan que debera someterse ao estudo rigoroso por parte dos Grupos Parlamentarios para poder facer todas as aportacións precisas, sobor de todo cando falamos dun descenso da natalidade impulsado aínda máis por unha gravísima crise socioeconómica. En troques disto, a Mesa do Parlamento permite que algo que debera ser fondamente discutido pase “de puntas” sen posibilidade de enriquecelo nin confrontalo coa sociedade civil. Así mesmo, a Mesa da Comisión 5ª aprobou a súa inclusión na orde do día do venres día 5 de abril, a sabendas desta problemática e enviando a documentación con menos de 48 horas de antelación.

Alternativa Galega de Esquerda lamenta a pouca transparencia e democracia da que se fai gala con este tipo de comportamentos e que fan fraco favor á percepción da limpeza e honra das institucións.

 

Relacionados