–comprende, aínda que non comparte en termos políticos, o enfado de determinados sectores da nosa pequena burguesía comercial hiperdependente das subvencións e que -nin -sequera-chega-a-industrial, pola situación que se arrastra dende que Gonzalo Trenor, último director, cesou para irse ao Parlamento de Galicia.
–comprende o interese, pero non comparte, dos grupos políticos que teñen a tendencia a asociar subliminalmente o plan Ferrol con certa forma de defensa da honestidade personal e política dos homes e mulleres que gobernaron con Touriño,principal impulsor do plan.
–comparte a idea, lóxica, de que para administrar subvencións é máis cómodo dispoñer dunha oficina. Aínda que ,con oficina e todo, a posibilidade de que o tecido empresarial da comarca poida acceder ás axudas cumprindo coas novas condicións (avais etc) é practicamente nula. Aquí hai que ser moi claros: banca pública ao servizo da produción económica. O crédito é diñeiro e o diñeiro é unha cousa tan seria que os poderes públicos téñense que encargar da súa emisión, circulación , restrición e demais. Cambiar a mirada sobre isto só fará que continuemos no desastre.
–considera un delirio a nota do ministerio de Industria, disque de España, onde se fala de axudas que van “incentivar novas implantacións industriais, aumentos de capacidades de produción e relocalización na zona primando os investimentos que incorporen tecnoloxía”. Excusámosnos do máis mínimo comentario.
– considera total e absolutamente necesario proceder a unha rigorosa auditoría do conxunto das subvencións outorgadas así como a exposición pública das súas conclusións e das contas das empresas beneficiadas, os empregos creados no seu momento e a situación actual.
– considera de enorme interese e potencialidade para o futuro de Ferrol e da súa comarca moitos dos contidos programáticos e liñas estratéxicas do coñecido como plan Ferrol, á marxe da xestión realizada e do sustento político que hai detrás deste, e de calquera, plan económico. Neste sentido,
–considera que só mediante inversións públicas masivas e sostidas no tempo é posible cumprir determinados obxectivos económicos. E só mediante unha decidida acción política que poña os recursos materiais e inmateriais de todo tipo e condición, públicos e privados, ao servizo do interés xeral pode darse algo parecido a un “plan”.
–considera un fraude á cidadanía e aos traballadores a vacía e continua verborrea das autoridades incompetentes e ineptas nos temas propios do plan: a consecución de carga de traballo para os estaleiros, o regreso de Astano á construcción naval convencional, a potenciación da área de Turbinas, o aproveitamento industrial dos terreos ociosos da que fora a antiga Imenosa etc.
Por último se nos empeñamos en atopar un ou unha culpables do fiasco no que acabou convertido o Plan Ferrol entón hai que buscalo por elevación alí onde tamén está a culpable do naufraxio tanto do rancio rexeneracionismo económico-social do PP como, por extensión, do bipartidismo dinástico: a realidade. Xa o dixo Rajoy: “quien me ha impedido cumplir mi programa es la realidad”. Amén.