Plan inviable

Javier Galán, voceiro municipal de Esquerda Unida considera o plan papel mollado, do que só poden extraerse unha conclusión: as gradas continuarán baleiras, e as responsabilidades políticas pasarán impunes, mentres os traballadores pagarán, cando menos co seu salario, a deriva de deterioro e privatización dos estaleiros públicos.

Resulta sorprendente un plan que non e só que non aclare de onde van vir os investimentos, obviamente do goberno austericida non, senón que focaliza o futuro da compañía no axuste, cando o que se debe fomentar é o investimento. Dende Esquerda Unida seguimos a insistir que o último baluarte do tecido industrial da comarca se está a deixar caer, e reivindicamos un investimento masivo en tecnoloxía que non nos faga depender de patentes estranxeiras e nos faga máis competitivos, a inmediata construción do dique flotante, sen esperar respostas de Bruselas a preguntas tardías e opacas, a apertura ao  mercado do eólico e off-shore en Navantia Fene e a negociación real e rigorosa con potenciais países contratantes como Venezuela, vetados por motivos políticos. Unha vez máis a alta diplomacia imponse ao futuro dos traballadores e traballadoras, utilizados a conveniencia dos acordos transnacionais por intereses políticos e das multinacionais.

Javier Galán manifesta que segregar é privatizar, é abrir a porta a fondos voitre que especulen co capital da compañía, que acabará por precarizar o emprego e utilizar os terreos para crear un estaleiro de ficción, como Reganosa é unha planta de gas ficticia convertida en mera intermediaria, así acabarán os estaleiros coa segregación, dominados por grandes compañías que antepoñen o beneficio económico e a economía financeira fronte á economía produtiva e a función social da producción.

Esquerda Unida esixe a retirada dun Plan que non é máis que a xustificación para o recorte laboral, para reflotar a compañía a base de axuste salarial, no canto de tratar de buscar diversificación industrial e captar mercados, incluído o interno, que sería, xunto coa inversión tecnolóxica, a única solución de viabilidade para garantir a supervivencia da empresa, dos miles de traballadores directos e indirectos que dependen dela e da comarca de Ferrolterra.

Relacionados