Plan racionalización de Defensa

En datas recentes, tivemos coñecemento que o Ministerio de Defensa, a través do seu Plan de racionalización e utilización eficiente do patrimonio inmobiliario de Defensa (Prepidef), pretende privatizar e especular co Patrimonio público a través do sistema de poxas públicas de libre acceso. En Ferrol veríanse afectadas catro instalacións, a Oficina Delegada de Defensa na Rúa do Instituto, a Factoría de Subsistencias na Estrada do Porto, o Parque de Automóbiles na Avenida do Rei e Intendencia, na Rúa da Terra.

Nun comunicado de prensa do propio Ministerio cifran o aforro en 231.865 €, pero, nun alarde de opacidade que agocha prácticas especulativas, práctica intrínseca á ditadura financeira da dereita que nos desgoberna, esa cifra non inclúe (cita literal): “la valoración económica del terreno liberado. Debido a la situación actual del mercado inmobiliario, resulta prematuro hacer previsiones sobre los posibles ingresos por la venta de inmuebles y propiedades”

Os 25.265 metros cadrados do chan urbano liberado en Ferrol, segundo Javier Galán, non poden ser obxecto dunha actuación unilateral propia dun militarismo rancio máis propio doutra época escura que parece reverdecer.  Resulta obsceno e abusivo que a débeda xerada por Defensa, cun déficit superior aos 30.000 millóns de euros, pretenda ser saldada pola cidadanía; temos ante nós un símil do rescate bancario pagado polo pobo.

Suso Basterrechea, concelleiro de EU, manifesta que non é de recibo que coa crise que golpea duramente á xente de Ferrolterra, as propiedades públicas que lexitimamente pertencen á cidadanía sexan consideradas mercadoría especulativa, e máis cando o fin é seguir financiando intervencións militares disfrazadas co eufemismo de misións humanitarias,  que a nosa organización sempre vai combater, partidaria de postulados pacifistas e de respecto ás soberanías e as democracias internas.

Polo tanto, o Grupo Municipal insta ao alcalde a unha posición firme (esixencia utópica per se, xa que quedou demostrado co Naval) fronte a Defensa nos seguintes puntos:

1.- Instar ao Ministerio de Defensa para a reversión dos inmobles afectados polo Prepidef á titularidade municipal.

2.- Establecer un Plan de inventariado e actuación para a devolución inmediata das propiedades usurpadas sen título por Defensa (como é o caso dos Cuadros de Esteiro)

3.- Esixir do Ministerio de Defensa a sinatura dun convenio paralizado, que mantén en estado de ruína e infrautilizadas instalacións como o cuartel de Sánchez Aguilera e incorporación doutros inmobles como pode ser o Cuartel de Dolores e anexos (casa do coronel). Ou a parcela do INVIFAS na Avda. de Esteiro.

4.- Implantar un Plan de usos sociais e de estímulo económico para ás propiedades de chan urbano recuperado.

Javier Galán considera, por último, que xa é hora de que Defensa deixe de considerar Ferrol no seu conxunto como unha praza militar onde exerce o dereito de pernada, sen custo algún polo exercicio dun dubidoso dereito á propiedade que o resto de cidadáns respectan escrupulosamente

Relacionados