Plan seguridade refinería

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera unha desidia en canto á seguridade cidadá o feito de que o goberno local non dispoña dos plans de emerxencia da refinería. Logo da alarma social producida polo espectacular incendio do pasado mes de outubro na refinería, rexistramos unha solicitude para ter acceso aos ditos plans. A resposta do goberno local foi tremendamente preocupante, pois recoñeceu que non dispón dos devanditos plans. O interno porque di que é responsabilidade de Repsol e ao ter a instalación interese estratéxico está en poder da Secretaría de Estado e Seguridade. O externo porque di que é competencia da Xunta.

Esquerda Unida esixe ao goberno municipal que realice as xestións necesarias para dispoñer dos plans de emerxencia da refinería. No complexo industrial de Repsol hai líquidos combustibles, gases inflamables e produtos tóxicos, polo que as explosións e os incendios son accidentes probables. Debido a esta situación existe a obriga legal de elaborar un Plan de Emerxencias que ten que ser actualizado cada cinco anos, definindo todas as hipóteses de incidentes susceptibles de xerar accidentes con posibles vítimas e danos materiais, así como determinar a zona de intervención e de alerta e os sistemas de actuación e coordinación en caso de accidente grave. Xa que logo, instamos ao Concello a desenvolver unha campaña informativa sobre os riscos que ocasiona a refinería e como se debe actuar en caso de catástrofe. Principalmente na zonas de maior perigo, como o núcleo urbano de Nostián, o polígono industrial da Grela e os centros comerciais Marineda City e Ikea, que se atopan no radio de 2,2 kms. Onde unha explosión podería producir queimaduras de primeiro grao as persoas, así como danos en estruturas, madeiras e cristais dos edificios.

César Santiso, indicou que “como pode velar o concello pola seguridade da veciñanza, cando nin tan sequera dispón dos plans. Diante dun accidente, necesítase máxima celeridade e transparencia,así como máxima coordinación entre as distintas administracións”.

Por outra banda Santiso subliñou que “os coruñeses vivimos baixo un polvorín. Si verdadeiramente Respol está comprometida coa cidade como publicita, debe trasladarse ao porto exterior. Repsol xa acadou grandes beneficios a consta de por en risco a seguridade dos coruñeses e coruñesas coa súa actividade no porto coruñés e o poliducto que atravesa a cidade, chegou o momento de que os reverta na sociedade coruñesa.

 

Relacionados