Plan Urban

O plan Urban, ao contrario do que pensa o goberno municipal non é un plan de obras e , tamén por contra do que se cren, obriga a compartir a toma de decisións coa cidadanía, e non darlle un uso interesado que pretenda suplir as carencias do programa político que está a aplicar o partido popular en Ferrol: nula preocupación polo emprego, desprezo á veciñanza, servizos sociais ineficaces.

Resulta obsceno politicamente, que un proxecto comunitario sexa empregado polo goberno municipal para convocar aos medios de comunicación e presentalo como propio sen rubor nin escrúpulos, ademais de unha indecencia política é un acto irresponsable que pon en perigo a subvención mesma do Urban, xa que o requisito de participación veciñal e esencial para o seu desenvolvemento.

O mesmo goberno debe ser coñecedor da súa neglixencia, cando el mesmo constrinxe o dereito dos partidos da oposición a reunirse cos técnicos da oficina do Plan Urban, solicitada polo grupo municipal de Esquerda Unida vai facer  un mes, e aínda sen resposta polo concelleiro Langtry, quizais máis ocupado na sinatura de convenios que favorecen á empresa familiar que en facer partícipes á oposición, e as entidades veciñais e sociais do desenvolvemento do Urban.

Javier Galán esixe a inmediata convocatoria do Consello da Veciñanza e da Comisión do seguimento do Urban, que é onde se deberían decidir todos os aspectos relacionados co Urban, e non o alcalde,  baixo a luz dos focos con paneis informativos, presentándose como o adalid da cidade de Ferrol. Se o goberno municipal non cumpre de xeito inmediato este requirimento, EU dirixirase ás institucións europeas para elevar unha queixa formal, e para que o Plan Urban sexa o que marcan os seus principios programáticos:

O obxectivo da iniciativa comunitaria URBAN é a rexeneración social e económica das cidades e dos barrios co fin de promover un desenvolvemento urbano sostible a través de modelos innovadores, concedendo unha forte énfase ao proceso de cooperación e á participación dos axentes locais.

Por outra banda, EU permanecerá vixiante a que o plan de mobilidade non sexa outro engano, e que pola porta de atrás se introduzan elementos de distorsión para favorecer a empresas amigas, como moito nos tememos que vai acontecer co parking da Praza de Armas. O obxectivo de EU dunha cidade consolidada pasa pola necesaria rehabilitación de Ferrol Vello, Canido e   A Magdalena, pero non só a través do Urban coa rexeneración de rúas e a potenciación do comercio, senón por un proxecto ambicioso de rehabilitación de vivendas, a través de compra de inmobles, fomento do emprego cooperativo na súa rehabilitación e usos públicos e sociais da inxente cantidade de edificios abandonados.

Relacionados