Planificación do territorio

 

A área de medio ambiente de Esquerda Unida manifesta, unha vez máis, que o que se precisa é unha rede ferroviaria vertebradora e integradora, que non se fai co tren de alta velocidade, senón coa planificación de un transporte ferroviario axeitado, que cohesione o territorio mediante trens de proximidade modernos e rápidos, que articulen un tecido comunicativo tanto no eixo norte sur, como no interior e de este a oeste.

 

Unha vez máis, EU quere ratificarse no seu posicionamento de que non son precisas novas autovías, nin os seus desdobramentos, non só polos motivos medio ambientais de aumento de CO2 ó propiciar como medio de transporte o vehículo privado, co máis que probable incremento dos accidentes, senón porque esas boas comunicacións ferroviarias por todo o territorio, coas necesarias previsións de conexións intermodais que fomenten o benestar e o decrecemento sostible no ámbito do transporte, son máis que suficientes.

 

Dende Esquerda Unida tamén se propón, como medida lóxica medioambiental e economicamente sostible, que para Galicia so haxa un aeroporto, o de Santiago de Compostela, ben comunicado con infraestruturas terrestres con todo o territorio, e que se utilicen os outros dous aeroportos como solo industrial para o asentamento, se é necesario, de novas industrias e centros loxísticos que leven a cabo unha labor coherente co decrecemento.

 

Por todo isto, dende a área de medio ambiente de Esquerda Unida defendemos, dentro da nova proposta racional de distribución que facemos  con un só aeroporto, a intermodalidade do transporte, esixindo a mellora e construción de novas infraestruturas que permitan a interconexión dos tres medios de trasporte, terrestres, marítimos e aéreos incentivando ós desprazamentos a pé e/ou en bicicleta.

 

Compre acadar un sistema de transporte sostible e social que permita a mobilidade en iguais condicións de tódalas persoas independentemente da súa idade, condición sexual, poder adquisitivo ou de onde vivan, traballen ou estuden. Por iso no deseño da rede necesaria para garantir a cohesión social, ambiental e territorial, dende o punto de vista da mobilidade sostible, é preciso camiñar cara a redución da necesidade de mobilidade da poboación, mediante unha redistribución territorial dos bens e servizos ós que accede a poboación, que actualmente presentan un déficit importante para o rural galego.

Gabinete de Prensa

Secretaría de Comunicación

Executiva Nacional de Esquerda Unida


 

Relacionados