Plantón ante a tomadura de pelo

Alternativa Galega de Esquerda cualifica de tomadura de pelo o trámite parlamentario do plan demográfico da Xunta

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2013.- A Xunta de Alberto Núñez Feijóo, a través do PP, quere abortar o debate parlamentario do Plan para a Dinamización Demográfica de Galicia. Cun trámite de urxencia, comunicado aos grupos parlamentarios da oposición con apenas dous días antelación, e coa comparecencia en comisión dunha directora xeral, a dereita pretende despachar un tema central para o futuro de Galicia como é a crise demográfica. “Isto é un absoluta tomadura de pelo”, denunciou a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Eva Solla, quen, xunto ás parlamentarias Carme Adán do BNG e Carme Gallego do PSdeG, abandonou a comisión 5ª da Cámara en protesta polo “ninguneo” do PP.

Nunha rolda de prensa conxunta das tres portavoces da oposición, Solla lembrou que a procura de solucións para a demografía galega “é un tema abondo importante como para discutilo en pleno, con suficiente tempo de exposición e de debate”. AGE presentou onte unha queixa formal á Mesa do Parlamento polas formas en que o PP está a tramitar o mencionado plan. Aínda non ten resposta. “O plan demográfico, ao que presentamos 22 propostas de resolución debera ser alicerce transversal das políticas do PP [implica economía, medio rural, educación…] e mándase a debate dunha comisión só uns días despois de entrar na Cámara”, critica Solla, “e, amais, nun texto que en como horizonte 2020, nin sequera existe informa económico anexo”. “Isto amosa a falta absoluta de transparencia e democracia coa que a dereita entende o Parlamento”, engadiu

Relacionados