Plataforma Artes Escénicas

Santiago de Compostela, 22 xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda, a través do seu deputado Xabier Ron, presentou unha interpelación relativa ao uso das infraestruturas públicas para garantir o dereito de participación cidadá.

Unha das funcións máis importantes da administración pública, neste caso a Xunta de Galicia a través das súas consellerías e secretarías e outros organismos vencellados, é servir de ponte entre a política institucional e a cidadanía. Nese cometido é esencial achegar as ferramentas que sexan precisas para facilitar a construción desa ponte de diálogo, de debate, de encontro e información, asi como dar conta do dereito á participación da cidadanía nos aspectos que máis lle poden afectar no seu día.

Neste sentido, os membros de Alternativa Galega de Esquerda consideran que as diferentes infraestruturas públicas existentes deben ser postas a disposición da cidadanía para que se dea conta de dito dereito de participación. Unha circunstancia que adquire un carácter máis relevante, se cabe, cando é a sociedade civil organizada a que require da súa administración pública máis cercana a dispoñibilidade de determinadas infraestruturas apelando, ademais, ao propio funcionamento orgánico das mesmas.

Por iso, mal se pode entender a actitude da Secretaría Xeral de Cultura ao negar á Plataforma das Artes Escénicas o uso das instalacións do Salón Teatro, situado en Compostela, para que dita plataforma puidese desenvolver unha xuntanza aberta o 28 de xaneiro de 2013.

O deputado de AGE lembra que o Salón Teatro é o único espazo de exhibición de titularidade exclusiva da Xunta de Galicia, e é a sede do Centro Dramático Galego, entre os seus obxectivos de funcionamento, explicitados na súa páxina web, está o de apoiar aos creadores e profesionais artísticos.

Por todo isto, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda formulou  unha interpelación á Xunta de Galicia na que se insta a Secretaría Xeral de Cultura a explicar os motivos desta negativa e cal é a norma de uso das infraestructuras públicas galegas vecelladas a esta secretaría así como a dicir cómo garante a participación do tecido asociativo das artes escénicas na adopción das políticas culturais.

 

Relacionados