Esquerda Unida lamenta que o resto de grupos municipais non poñan empeño en acadar a tan necesaria transparencia na xestión, así o voceiro de EU-V, César Santiso declarou “os coruñeses e coruñesas teñen dereito a coñecer a realidade contábel do concello e a que se depuren responsabilidades”.
Dende Esquerda Unida – Os Verdes entendemos que o expediente de modificación de crédito M1/2011 ten dúas partes ben diferenciadas: unha correspondese a un axuste presupostario que se pode considerar máis ou menos normal e que non é froito de ningunha irregularidade e outra, o recoñecemento extraxudicial de obrigacións, que deriva dunha mala praxe na xestión dos fondos públicos.
No caso que nos ocupa, o recoñecemento extraxudicial de obrigacións supón, de feito, o recoñecemento da existencia de deficiencias na xestión dos fondos públicos, ben por presupostar incorrectamente, ben por contratar servizos ou suministros de maneira irregular.
Dende Esquerda Unida – Os Verdes tan so podemos chegar a entender o uso deste recurso con facturas de importes menores e de maneira ocasional e extraordinaria, sempre que sexa para afrontar unha situación de urxencia. Pero non podemos avalar que se aplique este concepto en cuestións tan previsíbeis como por exemplo os custos de correos derivados das notificacións dos servizos tributarios ou o servizo de seguridade das instalacións de urbanismo.
En definitiva preténdese legalizar unha chapuza por importe de máis de 5 millóns de euros. Por iso rexeitamos o uso habitual de este tipo de práctica que ven a significar opacidade na contratación, motivo polo cal o noso sentido do voto non é favorábel.
Evidentemente bloquear o pagamento das facturas mal orzamentadas ou xestionadas non é para nos unha opción xa que suporía facer recaer sobre a economía das empresas subministradoras os erros da Administración municipal, afogando máis ao tecido produtivo local.
Mais o posíbel apoio de Esquerda Unida ao pagamento das facturas non é un cheque en branco que impida depurar as responsabilidades de quen xestionou mal os fondos públicos. Neste sentido gustaríanos saber cales son as medidas que vai a tomar o Goberno municipal para depurar as responsabilidades que puidesen derivarse das devanditas actuacións.
Entendemos que estas medidas non se poden limitar a dicir que esta situación non se va a repetir, xa que a cidadanía da Coruña está cansa de ver como en distintas áreas repítense comportamentos afastados dunha xestión pública honesta sen consecuencias nin penalizacións para os protagonistas dos mesmos.
Na documentación que estudamos pódese observar outro síntoma de mala xestión dos fondos públicos: a necesidade de desembolsar cartos destinados a intereses de demora por non ter afrontado en tempo o pagamento dalgunhas facturas.
Para evitar este tipo de situacións, propoñemos ao Goberno municipal que faga un diagnóstico en profundidade do problema e desenvolva as medidas correctoras oportunas, as cales sen dúbida contarán co noso apoio.
Tamén observamos que medio millón de euros dedícanse a paliar o mal funcionamento do tratamento de residuos sólidos da cidade. Entendemos que este tamén é un problema custoso, grave e sostido no tempo, polo que demandamos do Goberno local a confección dun plan que permita reconducir a situación da planta de Nostián.
Dado que queremos facilitar a gobernabilidade do Concello e tendo en conta que o actual Goberno municipal non é responsábel deste erro de xestión, o sentido do voto de Esquerda Unida – Os Verdes será a abstención. En todo caso, fieis ao noso compromiso de control e fiscalización adquirido coa cidadanía, insistimos na esixencia de depurar as responsabilidades dos protagonistas desta chapuza administrativa.