Pleno concello de marzo

 

A de cal correspondeu a unha moción a prol das persoas con enfermidades raras, presentada e aprobada polos tres grupos parlamentarios. Esquerda Unida saúda este tipo de iniciativas nas que se busca o consenso na procura de mellorar as condicións de vida da cidadanía.

 

O resto da sesión plenaria, como xa nos teñen acostumados os partidos políticos con representación no concello, transcorreu entre insultos e descualificacións. Esquerda Unida lamenta que o goberno municipal evitase debater a moción presentada por EU para solicitar a derrogación da lei de augas de Galiza polo seu afán recadatorio e privatizador. Situación que semella paradoxal cando en outros concellos, como Ferrol, tanto o PSOE como o BNG apoiaron mocións similares presentadas por EU. Queda claro pois, que o Goberno municipal non quere dar voz a Esquerda Unida en María Pita, e con elo a cerca do 6% de simpatizantes que está a amosar a súa intención de voto cara a nosa alternativa de esquerdas. Así pois, EU convida a expresarse nas urnas a todos os coruñeses e coruñesas de esquerdas que queiran transformar a sociedade e ter voz no concello, porque outra política é posíbel.

 

Cabe destacar tamén, a falta de espírito democrático amosado polo alcalde nos momentos previos a votación dunha moción presentada polos grupos municipais PSOE e BNG, relativa ao mantemento dos postos de traballo na empresa EMESA. O voceiro do PP solicitou votar por separado a moción para conquerir o maior consenso posíbel máis o alcalde negouse de plano alegando que o seu grupo vota as mocións segundo o seu espírito sen importarlle preámbulos ou críticas. Semella que o alcalde esquece rapidamente o acontecido nos plenos pois, como xa denunciara Esquerda Unida no seu momento, fai dous meses o grupo municipal do PSOE votou en contra dunha moción en apoio a flota de arrastre debido a reducción do número de capturas, alegando que non podían aceptar as críticas e acusacións contra o Goberno central, e dicir abandonado o espírito da moción para centrarse no anecdótico, a pesares do ofrecemento a consensuar a devandita moción.

 

O consello comarcal de EU Coruña apoia as mocións a prol das persoas con enfermidades raras e a relativa ao mantemento dos postos de traballo na empresa EMASA e acusa ao grupo municipal do PP de non defender aos traballadores por atender a criterios partidistas. Xa que negaron o seu apoio a devandita moción por incorporar críticas á Xunta de Galicia. É dicir, pesou máis na balanza do PP o partidismo que a defensa á cidadanía, pois como se desprende da solicitude do seu voceiro no caso de votar por separado apoiarían a parte da moción a prol do cadro de persoal de EMASA.

 

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, que participou na concentración diante do concello para amosar o apoio aos traballadores e traballadores,  solicita a Xunta de Galicia que desestime o ERE da empresa EMESA.

Relacionados