Estatutos Rede Española de cidades intelixentes
A grave situación que estamos a vivir demanda dos poderes públicos unha actitude proactiva para desenvolver accións tendentes a promover a reactivación da economía produtiva. Gran parte do éxito da acción de goberno dependerá da efectividade e o número de medidas tomadas.
Dende Esquerda Unida – Os Verdes lamentamos o pobre bagaxe do Goberno municipal neste sentido, proba de elo o temos no escaso contido da orde do día deste Pleno, algo que se ven repetindo mes tras mes. Por iso, demandamos maior e mellor gobernanza para a nosa cidade, porque os nosos veciños e veciñas o merecen.
Precisamente, a adhesión á Rede de Cidades Intelixentes pode ser o punto de partida para cambiar a parálise resolutiva que padece este Goberno municipal.
A participación no proxecto e o desenvolvemento de medidas tendentes a cumprir os principios rectores que emanan dos seus estatutos, constituiría a primeira pedra na construción dun novo modelo produtivo local. Así, grazas á aposta polas novas tecnoloxías conséguese reducir o gasto público e mellorar a calidade dos serivzos a cidadanía. Por outra banda o coñecemento e as sinerxias adquiridas permitirían incrementar a prosperidade e competitividade local, ao tempo que se avanza cara a sustentabilidade ambiental e social.
O proxecto semella ilusiónante, ambicioso e necesario, mais até que punto o Goberno municipal cree nel? Pódemos acadar aquí e agora un compromiso serio de que se potenciara este tipo de políticas e se procurará a súa transversalidade? Comprométese o Goberno municipal a desenvolver estas accións con verdadeira transparencia, creando por exemplo un espazo na web municipal na que se de cumprida información das iniciativas e o seu estado de execución? Será un proxecto aberto e participativo ou escurantista e pechado, como ten por costume o Goberno municipal?
Importantes dúbidas como poden observar, porque moito nos tememos que esta sexa unha máis desas moitas iniciativas de cara á galería, un mero brinde ao sol que nunca chega a plasmarse na realidade.
En todo caso, o tema que se trae hoxe a Pleno ten unha obvia ligazón co proxecto samartCity para aplicar novas tecnoloxías aos servizos públicos dotado de 11,5 millóns de euros, 8 achegados dende Europa. Un proxecto do que pouco sabemos do seu desenvolvemento, nunha nova mostra de opacidade por parte do Goberno municipal. SmartCity, si se fai un uso eficiente e racional dos fondos, supón unha formidábel ferramenta para cumprir os principios da Rede Española de Cidades Intelixentes.
No obxecto, as actividades e os fins da Rede de Cidades Intelixentes, promóvense accións como: utilización das novas tecnoloxías para facer unha cidade máis amigábel e sustentábel, aproveitamento das TIC para optimizar o funcionamento da Administración e así poder prestar máis servizos a cidadanía, fomentar o emprego e o desenvolvemento do sector produtivo, asesoramento especializado ao emprendedor, involucrar á cidadanía na construción da cidade.
Iso e o que procura a Rede Española de Cidades Intelixentes, e iso é o que levamos propoñendo unha e outra vez neste mesmo salón de plenos dende Esquerda Unida – Os Verdes e o goberno nunca actúo, é dicir levamos un ano perdido, que pena, inaceptábel, o goberno en parálise permanente en plena crise.
Mentres 23.449 coruñesas e coruñeses atópanse en situación de desemprego e cabalgamos cara ao 20% da poboación en risco de exclusión social, o Goberno municipal dedica o seu tempo a buscar subterfuxios para manter as touradas, a deseñar obras faraónicas carentes de sentido nestes momentos como o soterramento do tráfico do Parrote, ou a desfacer o realizado por anteriores goberno como no caso do carril bus, ou a mediana da Avda. de Oza.
Anunciamos, como non podía ser doutra maneira, o noso voto favorábel mais estaremos vixilantes con ambas as dúas iniciativas: as controlaremos, as fiscalizaremos, denunciaremos calquera tipo de eiva o ineficiencia. Pero ao mesmo tempo ofrecemos toda a nosa colaboración na procura de obter os mellores resultados posíbeis.