Medalla ao mérito de ASPRONAGA (voto a favor)
De todos é coñecido o traballo de ASPRONAGA a prol da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, a través de servizos de orientación, formación e apoio.
ASPRONAGA e o Concello colaboran en distintos proxectos de interese público con moi bos resultados, pero é que a entidade sen ánimo de lucro ten recoñecida a súa labor con importantes premios tanto na Galiza como en Europa.
Xa que logo Esquerda Unida – Os Verdes apoia que no cincuenta cabo de ano da súa fundación en 1965, a entidade reciba a Medalla ao Mérito da cidade.
Máis sen desmerecer o mérito de ASPRONAGA, gustaríame aproveitar tamén este tempo de intervención para recordarlle ao Sr. Alcalde que si temos tempo para aprobar esta xusta e merecida condecoración para ASPRONAGA, tamén deberíamos ter tempo para debater e aprobar a moción presentada polos compañeiros do BNG para revocar a distinción de Fillo Predilecto da Coruña a José Luis Méndez López. Porque si importante é recoñecer o mérito das persoas e entidades, tamén o é retirar as honras a aquelas persoas ou organizacións que pola súa actuación fanse desmerecedoras deles.
Aprobación definitiva Modificación de crédito M1/2012 (voto en contra)
De todos é coñecida a nosa oposición a utilizar os expedientes de modificación de crédito como método para desvirtuar os orzamentos anuais, porque estes deberían ser a plasmación en cifras das intencións políticas dun goberno. Non cabe dúbida que aqueles gobernos que abusan dos modificativos están a demostrar a carencia dun plan de actuación concreto e definido, é dicir amosan a incapacidade de manter a liña de actuación marcada meses atrás.
Desgrazadamente esta inaceptábel praxe política que durante anos desenvolveron anteriores gobernos municipais, permanece en María Pita. Así, coa aprobación definitiva deste modificativo, o goberno do PP executa o seu terceiro modificativo nun ano. Este mesmo partido era o que dende a oposición denunciaba os modificativos que desenvolvía o bipartito.
Dende Esquerda Unida – Os Verdes só entendemos os expedientes de modificación de crédito como unha ferramenta correctora das desviacións orzamentarias necesarias para manter a viabilidade dos orzamentos aprobados con anterioridade, nunca un cambio brusco destes.
En todo caso, como xa comentamos na aprobación inicial de este expediente no mes de xuño, rexeitamos a liña de actuación do goberno municipal reflectida nos orzamentos para o 2012, mais tamén rexeitamos o cambio de rumbo marcado no modificativo. Xa que ambos amosan a incapacidade deste goberno para desenvolver políticas activas de emprego e de reactivación económica.
Pero o máis grave deste expediente de modificación de crédito é a renuncia expresa do Goberno municipal a promover a reactivación económica local, perdendo, así, a posibilidade de facilitar a xeración de emprego. Semella fundamental que o Goberno municipal comprenda e asuma a necesidade de que os poderes públicos interveñan proactivamente na promoción da economía local ao tempo que favorezan actividades e hábitos tendentes a cambiar o modelo produtivo cara un máis sustentábel, máis eficiente enerxéticamente e menos dependente do petróleo.
Neste sentido, abraia observar como mentres durante este ano o sector industria superou en taxa de desemprego ao da construcción, mostra inequívoca que o tecido produtivo local esmorece, o goberno municipal malgasta os fondos Smart City contratando concursos internacionais, para cubrir a carencia de ideas e de plans de actuación que amosa este goberno.
Diante desta situación, este modificativo en lugar de pretender dar un xiro brusco á política municipal, segue a afondar nas mesmas eivas que os orzamentos aos que modifica, basta como exemplo a transferencia negativa de 155.000 € do plan de dinamización do comercio local, en contraposición coa suma de transferencias positivas para o IMCE de 420.000 €. É dicir, coa que está caendo, elimínanse investimentos no tecido produtivo xerador de emprego para incrementar festas e espectáculos.
Semella inaceptábel que o goberno municipal pretende agachar a súa inacción política con festas e espectáculos, así pois o PP habilita un suplemento de crédito de 700.000 € para o IMCE, dos cais 500.000 €, nin tan sequera xustifícase, aplicándoos a outros servicios diversos.
Non cabe dúbida da grave situación que estamos a vivir, obriga ao Concello a utilizar as ferramentas que ten ao seu alcance para atender a emerxencia social. Mais entendemos que a responsabilidade dos poderes públicos é encarar con valentía e decisión o problema, dotando de medios aos servizos sociais municipais para cubrir as necesidades da cidadanía dende o prisma do público, con todo este Goberno municipal delega as súas responsabilidades en entidades privadas benéficas, transformando así dereitos da cidadanía en actos de caridade.
Corrección erro material dunha parcela en San Pedro de Visma (voto a favor)
Efectivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1998 describía a parcela en cuestión como de titularidade privada, cando en realidade é de titularidade pública. Apoiamos pois esta corrección de erros, posto que a lexislación vixente permite as Administracións públicas rectificar en calquera momento de oficio os errores materiais.
Cousa distinta e o cambio de uso de parcela de equipamento público educativo, para uso de equipamento de continxencia, un cambio que se produce como consecuencia do borrador do protocolo de colaboración entre o Concello e a Federación Galega de Fútbol.
Dende Esquerda Unida – Os Verdes entendemos que o cambio de uso deriva directamente do convenio de colaboración entre o Concello e a Federación, no cal o Concello cede os terreos durante 75 anos para que a Federación Galega de Fútbol constrúa un edificio institucional administrativo e dous campos de fútbol.
O convenio fala de uso compartido dos campos de fútbol e que o mantemento correspóndelle ao Concello. Xa que logo, esiximos ao goberno municipal que aclare cales son as condicións de uso dos campos de fútbol, dato fundamental que o goberno municipal non subministrou á oposición para valorar se o devandito convenio é positivo para a cidadanía coruñesa ou si se trata dun agasallo para o ente federativo, para poder definir o sentido do noso voto, porque entendemos que efectivamente A Coruña é deficitaria en canto a instalacións de campos de fútbol e para iso so hai que ver a masificación dos campos da Torre.
Como queira que o tenente de alcalde de medio ambiente, infraestruturas e territorio que o goberno municipal expresou no propio Pleno que o uso dos campos de fútbol para o Concello, e dicir para os veciños e veciñas da Coruña, será de once meses, o voto de Esquerda Unida – Os Verdes foi favorábel porque consideramos que é beneficioso para a veciñanza.