Pleno de xuño

 

Aquí tes o video do Pleno da Opinión en livestream

 

Disolución Mancomunicade de municipios (voto a favor)

Esquerda Unida – Os Verdes apoia a disolución da mancomunidade de municipios, un ente que nunca funcionou e xa que logo, mostrouse claramente ineficaz para artellar políticas comúns e servizos mancomunados entre os distintos concellos da comarca, como así o demostra o feito de que a ultima sesión celebrada pola referida mancomunidade corresponderon ao 10 de agosto de 2000. Non en vano a propia asemblea da mancomunidade acordou por maioría a súa disolución.

 

Por tal motivo non ten sentido manter vivos entes que xa naceron mortos, dende Esquerda Unida consideramos moito máis eficiente mancomunar servizos directamente entre Concellos, sen que polo medio existan entes que o único que supoñen son incremento de gastos e burocracia pero que non resolven os problemas reais da cidadanía.

 

Apostamos por unha reorganización eficaz da Administración pública para brindar mías e mellores servizos a cidadanía sen incrementar os custos de xestión, precisamente esta disolución da mancomunidade que se trae a aprobación do Pleno é o principio dun longo camiño a percorrer ao que todos e todas estamos chamados a colaborar.

 

Non debemos esquecer que uns servizos públicos de calidade son alicerce do estado do benestar. Dende Esquerda Unida apostamos por incrementar a Administración e reducir os órganos de goberno, é dicir, menos políticos e asesores e máis servizos a cidadanía. Isto conséguese eliminado entes supérfluos e a mancomunidade de municipios é un deles.

 

Expediente Modificación de crédito M1/2012 e IMCE (votos en contra)

Como temos dito en anteriores ocasións, os expedientes de modificación de crédito deberían chamarse expedientes de modificación do orzamento, porque de facto modifican a ferramenta máis poderosa que ten o Goberno municipal a súa disposición para plasmar en cifras a súa liña de actuación política na cidade.

 

Aínda que somos coñecedores de que é unha practica habitual, consideramos os modificativos de crédito unha mala praxe política que ven a reflectir a incapacidade do goberno municipal para executar o plan de goberno deseñado para o exercicio en curso, si se necesita un modificativo é porque non se soubo ou non se puido executar correctamente os orzamentos, ou polo contrario que os orzamentos realizáronse sen intención de cumprirse, o que é aínda máis grave. En todo caso, semella curioso observar o dobre discurso do PP, cando  estaba na oposición rexeitaba os modificativos de crédito e agora que esta no goberno os utiliza e defende, até o punto de que en menos dun ano atopámonos diante do terceiro modificativo.

 

Dende Esquerda Unida – Os Verdes entendemos que a liña de actuación do goberno municipal, reflectida nos orzamentos para o ano 2012 é errónea, tano é así que os definimos como os orzamentos do paro, vaticinio por outra parte estase a cumprir moi ao noso pesar. Así, os datos do paro non deixan lugar a dúbidas: no que vai de ano o desemprego na Coruña incrementouse en 2.454 persoas do paro até chegar a un total de 23.849 parados e paradas, e dicir incrementouse un 11,47% mentres que a media provincial foi do 7,64% e galega do 7,12%, sendo a nosa comunidade unha das que rexistrou maior desemprego no ano en todo o Estado.

 

Abraia observar como durante este ano o sector industria superou en taxa de desemprego ao da construcción, mostra inequívoca que algo vai mal, moi mal na nosa cidade. Efectivamente o noso tecido produtivo esta nunha profunda depresión mentres o goberno municipal é incapaz de aplicar políticas de reactivación económica.

 

Diante desta situación, este modificativo en lugar de pretender dar un xiro brusco á política municipal, segue a afondar nas mesmas eivas que os orzamentos aos que modifica, basta como exemplo a transferencia negativa de 155.000 € do plan de dinamización do comercio local, en contraposición coa suma de transferencias positivas para o IMCE de 420.000 €. É dicir, coa que está caendo, elimínanse investimentos no tecido produtivo xerador de emprego para incrementar festas e espectáculos, viva a eficacia e a austeridade.

 

Precisamente falando do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) semella inaceptábel que o goberno municipal pretende agachar a súa inacción política con festas e espectáculos, así pois o PP pretenda habilitar un suplemento de crédito de 700.000 € para o IMCE (), máis se cabe cando a meirande parte deste malgasto, 500.000 €, nin tan sequera xustifícase pois aplícase á partida 338/227.99 outros servicios diversos.

 

Esquerda Unida – Os Verdes aposta por outro tipo de políticas en relación a festas e espectáculos, unha política baseada na austeridade, porque hai que saber priorizar, que permita, desenvolver espectáculos e festas dignas na Coruña sen facer grandes investimentos.

 

Por iso propoñemos renunciar a subvencionar custosos espectáculos a cambio de fomentar aos artistas locais e aos novos talentos autóctonos, promovendo así a este sector económico local e aforrando cartos para cubrir necesidades máis perentorias.

 

O máis grave deste expediente de modificación de crédito é a renuncia expresa do Goberno municipal a promover a reactivación económica local, perdendo, así, a posibilidade de facilitar a xeración de emprego. Semella fundamental que o Goberno municipal comprenda e asuma a necesidade de que os poderes públicos interveñan proactivamente na promoción da economía local ao tempo que favorezan actividades e hábitos tendentes a cambiar o modelo produtivo cara un máis sustentábel, máis eficiente enerxéticamente e menos dependente do petróleo.

 

Non cabe dúbida da grave situación que estamos a vivir, o risco de exclusión social cabalga inexorablemente cara ao 20% na nosa cidade, e dicir 1 de cada 5 coruñeses e coruñesas atópanse no limiar da pobreza, situación que obriga ao Concello a utilizar as ferramentas que ten ao seu alcance para atender esta emerxencia social, mais temémonos que se utilicen os convenios cas entidades sociais como coartada para sacar adiante o modificativo, é dicir que se pretenda lavar a cara dun expediente de modificación de crédito ineficaz e ineficiente. Porque o incremento dalgunhas partidas non terá efecto práctico ao ter demostrado o goberno municipal a súa incapacidade para executalas na súa totalidade como se demostrou na liquidación do 2011 e no estado de execución do 2012.

 

Aínda que dende Esquerda Unida, comprendemos e apoiamos a inxección económica que o Concello aplica ás entidades benéficas, entendemos que ese non é o camiño correcto. Cando as achegas das ONG son tan necesarias para manter un mínimo de cohesión social aceptábel nun estado social democrático e de dereito, algo está a faiar no funcionamento dos poderes públicos e do propio Estado, apostamos decididamente por políticas sociais públicas baseadas en outorgar dereitos a cidadanía non beneficencia, apostamos por delimitar o ámbito das entidades socias privadas ao circustancial, deixando o ámbito xeneralista aos servizos sociais do Concello, máis entendemos que este goberno municipal prefire actuar a golpe de talonario e foco mediático, non cabe dúbida de que é moito más sinxelo porque non hai que xestionar, pero precisamente os coruñeses e coruñesas confiaron mairoritariamente en vostedes para que xestionaran non para que delegasen responsabilidades en entidades privadas benéficas.

 

Fábrica de tabacos (voto en contra)

En Esquerda Unida – Os Verdes somos os primeiros en defender a lealdade institucional entre Administracións para prestar servizos a cidadanía con maior eficiencia e eficacia.

 

Non cabe dúbida que unha correcta coordinación entre os distintos poderes públicos redundan nunha mellora para a cidadanía, máis lealdade e coordinación non ten nada que ver coa sumisión que amosa o goberno municipal diante das directrices do goberno central e da Xunta de Galicia.

 

Precisamente este punto que se trae ao Pleno ven a demostrar a actitude sumisa deste goberno local que pretende aprobar a cesión permanente por parte do Concello, da titularidade da antiga fábrica de tabacos segundo as condicións asinadas o nove de setembro nun protocolo entre Xunta de Galica e Concello da Coruña. No devandito convenio establécese que a execución das obras de rehabilitación e reforma correrán a cargo da Xunta de Galicia sobre os 14.000 m2 destinados a dependencias xudiciais, máis non establece esa obrigatoriedade para os 3.000 m2 restantes que quedan en reserva para necesidades futuras determinadas de común acordo entre Concello e Xunta.

 

Compartimos a necesidade de optimizar recursos, e darlle uso a unhas instalacións que estaban inutilizadas, máis isto non se pode facer a calquera prezo, que é o que fai este Goberno municipal agasallando á Xunta de Galicia, por intereses partidistas, cun patrimonio que pertence a todos os coruñeses e coruñesas. Que dúbida cabe que o uso xudicial deste inmoble beneficia a nosa cidade, pero tamén é certo que ese é un servizo que ten que desenvolver a Xunta, polo que o normal e razoable é que o goberno municipal fose quen de acadar algunha contrapartida. En definitiva con este protocolo o Concello da Coruña perde 17.000 m2 dun inmoble céntrico que podería ser utilizado para outorgar servizos a cidadanía básicos para o Concello, como por exemplo converterse na sede do Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME) que estamos a propoñer dende Esquerda Unida – Os Verdes. Un servizo que reactivaría a economía local e xeraría emprego, as principais necesidades dos coruñeses e coruñesas que ven como mes tras mes a nosa cidade encabeza o ranking de incremento de desempregados.

 

E que por acadar, o goberno municipal, non foi que de acadar o compromiso da Xunta de Galicia para que o uso dos 3.000 m2 restantes sexan para o Concello, ni que a obra de rehabilitación destes 3.000 m2 sexa a cargo da Xunta de Galicia. É dicir o goberno municipal non conseguiu nada de nada, ningunha vantaxe para a cidadanía coruñesa.

 

Dende logo, non conten co apoio de Esquerda Unida – Os Verde para facer agasallos aos seus compañeiros da Xunta, porque a pesar de entender a necesidade de darlle uso ás instalacións non podemos apoiar a perdida patrimonial de facto que está a sufrir a cidade da Coruña, e xa que logo, os coruñeses e coruñesas.

 

En todo caso, queda claro que este goberno municipal é un pésimo negociador, porque non soubo defender os intereses da cidadanía coruñesa.

Relacionados