Pleno extraordinairo

 

Para Esquerda Unida este pleno é tan inútil como necesario. Non cabe dúbida que a ampliación de 60 a 120 mensualidades do período de reintegro dos saldos que resultaron a cargo das entidades locais nas liquidacións da participación nos tributos do Estado no anos 2008 e 2009, tal e como recolle a disposición final décima dos orzamentos xerais do Estado, é unha boa nova. Así, o goberno central cumpre coa demanda da Federación Española de Municipios e Provincias co respaldo a nivel estatal tanto do PP como do PSOE e de Esquerda Unida.

 

Máis tamén é certo que tanto coa redacción da dita disposición como coa nota emitida pola Secretaría de Estado de Administracións Públicas, o Goberno central fomenta a burocracia nas administracións locais ao obrigar a convocar un Pleno extraordinario carente de contido para aqueles Concellos que xa teñen aprobado un Plan de Axuste,  como condición “sine quanon” para poder aprazar o dito pagamento de cinco a dez anos.

 

Efectivamente, os orzamentos xerais do Estado obrigan a acordar en Pleno un Plan de Axuste que garante o cumprimento dos obxectivos de estabilidade presupostaria e débeda pública, máis tamén indican que si xa se aprobou un Plan de Axuste e este foi valorado favorabelmente polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, xa non é necesario presentar ningún plan.

 

Un sen sentido que aparte de dificultar a xestión dos entes locais provoca un incremento de custes para aqueles Concellos que teñen que desenvolver un Pleno extraordinario.

 

Asemade, a devandita nota establece un prazo de cinco días hábiles seguintes a publicación no BOE da Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o 2012, un prazo claramente insuficiente que pode provocar a incapacidade de cumprir coa norma nalgúns Concellos pequenos con falta de recursos humanos, o que lles impediría acceder a ampliación do prazo, ou como no caso do Concello da Coruña a ter que que facer unha chapuza administrativa ao ter que convocar un Pleno Extraordinario de urxencia sen tempo suficiente de convocatoria, sen comisión informativa e recibindo a orde do día con menos de 24 horas de antelación.

 

Esquerda Unida – Os Verdes apoia a ampliación do período de reintegro, máis non pode apoiar o chantaxe do goberno central na súa intención de ter vía libre para esixir novos recortes ao Concello da Coruña.

 

En todo caso, e apesares do axustado do tempo, si o goberno municipal actuase coa dilixencia debida, podería adiantar o Pleno ordinario ao venres para evitar o sebrecusto que significa convocar un Pleno extraordinario que ademais se liquidou en cuestión de minutos. Evitando, así as dietas aos Concelleiros e os custes materiais derivados da execución dun Pleno. Isto é así porque a nota emitida pola Secretaría de Estado de Administracións Públicas ten data de 22 de xuño polo que o Goberno municipal tivo medio mes para preparar a documentación e coordinar e convocar o pleno ordinario este venres incluíndo este punto na orde do día.

 

O Voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o anuncio do alcalde de que o grupo municipal do PP renuncia ás dietas do Pleno é un mero brinde ao sol para agachar a ineficacia amosada polo goberno municipal, pois a meirande parte dos concelleiros teñen dedicación e non cobran por asistencia a plenos”. 

Relacionados