Pleno extraordinario 26/12

E o fai sabedor de que son datas onde a cidadanía non presta atención aos asuntos municipais.

Algo inaudito, esperpéntico e de difícil explicación a non ser que nos poñamos a razoar en clave do PP: tirar a pedra e esconder a man, como fan os covardes.

Con estas actuacións determinantes para toda a lexislatura a sorte está botada, tanto para os coruñeses e coruñesas como para o goberno municipal.

O PXOM é un claro exemplo desta triste e vil política das agachadas: en agosto durante a semana grande das festas da cidade apróbase provisionalmente xustificouse nun compromiso adquirido de facelo antes do verán, mais debido as súas eivas un goberno amigo como o da Xunta mandouno de volta. Agora, cal e a escusa para forzar a súa aprobación durante o Nadal? Por que non esperar dúas semanas mais, logo de máis dun lustro de espera, para presentar un documento maduro en lugar de traelo a Pleno tras 15 días de recepción polo equipo redactor? Non cabe dúbida de que esta actitude responde ao escurantismo, segredo, medo e o ocultamento cara a opinión pública.

O resultado de forzar ao equipo urbanístico a unha carreira contra o reloxo, non podería ser outro que unha chapuza sen precedentes, un documento cheo de erros e eivas: que si en Durmideiras poderían construírse 8 andares, que si os usos terciarios deberían alcanzar alturas equivalentes aos bloques de uso residencial… Os coruñeses e coruñesas tivemos que pasar estes días pasados o bochorno de ser o “faime rir” do Estado, coa conseguinte falta de credibilidade do Concello e a consecuente repercusión para a economía da cidade, porque os empresarios que teñan en mente instalarse na nosa cidade, pensaralo dúas veces logo da incompetencia manifesta deste goberno municipal.

Outra vez máis PP e PSOE amosan as súas coincidencias, antano o fixo o PSOE co PXOM do 1998 que nos levou ao período de maiores barbaridades urbanísticas da historia da cidade. Agora o fai o PP que baixo o falaz argumento de que a flexibilidade do PXOM facilitará o desenvolvemento da cidade, presenta un plan á carta dos especuladores, onde o 65 % do chan urbanizable queda pendente de clasificación fiándose moito a posteriores plans especiais para así responder con maior facilidade aos intereses das grandes inmobiliarias “amigas” que seguiran enriquecéndose a costa das familias traballadoras coruñesas..

Moitos son os exemplos nos que se pode observar que o principio rector do PXOM consiste en favorecer aos especuladores e manter a cultura do pelotazo na Coruña. Así a modo resumo podemos citar a reclasificación de máis de 1,5 millóns de m2, o aumento da edificabilidade e alturas que se traduce en 35.000 novas vivendas, agasallos aos promotores incrementando a edificabilidade do seus solares en Mesorio ou Martinete, reclasificando solares urbanos non consolidados a consolidados na zona de Marineda City,  reducindo a superficie destinada a espazos libres nun 10% ou a dedicada a equipamentos nun 15%. Asemade é relevante observar como o documento aposta por ceder a actuación nos desenvolvementos da cidade á iniciativa privada, cando precisamente por confiar na promoción privada no ámbito da construción, atopámonos na situación actual, cun desemprego escandaloso e con máis do 25% das persoas en risco de excusión social.

Pero ao noso entender o máis grave é que se pretende legalizar o ilegal, así o Executivo en contra do informe técnico inclúe no PXOM unha disposición que permite legalizar inmobles segundo a normativa vixente cando se construíron a pesar de que a lexislación obriga a que sexa coa normativa actual.

Mención especial ten o pelotazo que está a fraguar o goberno municipal en Durmideiras, onde o PXOM habilita 37.767 m2 para edificar 330 novas vivendas nun mamotreto de cinco alturas que supón un atentado paisaxístico e unha aberración tanto dende o punto de vista medioambiental como dende de a mobilidade. Con esta medida o PP pretende achegar preto de 1000 veciños e veciñas a unha das zonas de maior densidade de Europa que xa sufriu distintas aberracións urbanísticas nas útlimas décadas.

Non é consciente o goberno municipal que este PXOM, no que tamén recoñecemos moitos aspectos positivos, naceu fai un lustro antes de estalar a burbulla inmobiliaria cando imperaba un modelo fracasado do que debemos fuxir? non entende o PP que na situación económica actual o ladrillo e o formigón non activaran a economía? non é capaz de visualizar o goberno local que o sector da construción non rexurdirá e, xa que logo, todo o investimento tanto de tempo como en cartos está chamado ao fracaso porque non será rendible?

Un goberno intelixente, un goberno que pensa no futuro, en lugar de tirar para diante cos ollos pechados, recapacitaría porque nun momento no que a construción está parada, pódese aproveitar a oportunidade para redactar un Plan que teña en conta a todos os axentes sociais para definir o proxecto de cidade que queremos para o futuro. Que sentido ten aprobar un PXOM antes de rematar o proxecto Coruña Futura onde se supón que temos que definir o plan estratéxico que guíe a nosa cidade nas próximas décadas? Que sentido ten aprobar un PXOM cando se está desenvolvendo un plan de mobilidade? Non sería máis lóxico e razoable rematar o plan de mobilidade para logo trazar as liñas mestras do PXOM? Porque non se traballa con sentidiño?

Dende Esquerda Unida – Os Verdes apostamos decididamente por un PXOM participativo baseado nos ecourbanismo e cuxo principio rector sexa a humanización da cidade en base a criterios de sustentabilidade.

Consideramos premisa fundamental desenvolver un PXOM pensado por e para os veciños que realmente permita avanzar nun modelo de cidade máis xusto e mellor para os veciños? Porque non nos enganemos, non se contou coa Escola Técnica Superior de Arquitectura, non se Contou co Colexio de Arquitectos, non se contou co Colexio de Enxeñeiros de Camiños, e por suposto non se contou coa cidadanía, de feito o PP tan so xuntouse con asociacións afíns a súa ideoloxía para dar a sensación de consenso social, polo que foi un mero trámite que non supuxo enriquecemento algún ao plan.

Reclamamos unha Coruña para os coruñeses e coruñesas e non para os especuladores, en base a recuperar zonas verdes para convertelas en zonas de lecer, non se trata de poñer catro arbores aquí e uns bancos alá, trátase de acadar espazos públicos transcendentais que actúen tanto de pulmóns da cidade, como de axentes socializantes. Neste sentido compre lembrar que debemos ser cautelosos coa recuperación dos espazos rurais, xa que o seu valor é, precisamente ese. Non podemos permitir que se produza un crecemento descontrolado que leve á desaparición dos núcleos pseudo-rurais para fomentar a súa inclusión no tecido urbano, porque non é necesario nin desexable converter en cidade o que hoxe é campo. Xa que logo apostamos por comunicalos correctamente co centro urbano e dotalos dos equipamentos e infraestruturas necesarias para garantir a equidade en relación co resto dos coruñeses e coruñesas, mais mantendo e resaltando o seu espírito rural, convertendo os espazos baleiros e abandonados en hortas urbanas autoxestionadas e parques naturais que lle outorguen valor engadido a estas zonas, incrementando así a calidade ecolóxica da nosa cidade na procura de converternos en referente mundial en canto a oferta ecoturística.

APROBACIÓN DEFINITIVA ORDENANZAS FISCAIS 2013 (VOTO EN CONTRA)

No pleno de aprobación inicial das ordenanzas fiscais e prezos públicos, votamos en contra por considerar que o goberno municipal, en lugar de optar por criterios de xustiza social, como defende Esquerda Unida, propoñía unhas ordenanzas fiscais inxustas, insolidarias e antisociais porque o conxunto de modificacións repercutían negativamente sobre a calidade de vida dos coruñeses e coruñesas que ven como unha vez máis as políticas do PP fan recaer sobre as costas das familias traballadores as consecuencias dunha crise da que nada tiveron que ver.

A pesares de presentar unha proposta factible, real e coherente no seu conxunto, ningunha das nosas alegacións foi aceptada apesares de que resolvían este déficit social mantendo o equilibrio económico, incrementando as taxas a grandes empresas con beneficios e bancos para poder retirar as subas nas taxas que afectan a maioría social.

Efectivamente, nin tan sequera aquelas alegacións que supoñían incrementar a recadación do concello a consta de incrementar a presión fiscal aos máis podentes foron aceptadas. Diante desta situación anunciamos o noso voto negativo, non sen antes recoñecer que aínda que no computo xeral estas ordenanzas son inaceptables, vemos con agrado como algunha das alegacións presentadas ás ordenanzas do ano pasado por Esquerda Unida – Os Verdes e que o goberno municipal desestimou, este ano tomáronse en conta. Concretamente:

– Consideramos positivo o incremento do tipo do gravame no IBI para do 1,1 ao 1,3 para os Bens e Inmobles de Características Especiais (BICE) destinados a producción de enerxía eléctrica, gas, refinado de petróleo, e centrais nucleares. Mais lamentamos que non se incrementase 0,6 ao 1,3 % para os BICE destinados a aeroportos e portos comerciais, como solicitábamos na alegación desestimada.

– Tamén valoramos positivamente o incremento de bonificacións no ICIO para as obras de acceso a discapacitados e na instalación de placas solares, tal e como demandábamos nas alegacións do ano pasado.

– Asemade coincidimos na necesidade de incrementar o esforzo fiscal dos bancos, os verdadeiros causantes da crise, mais estimamos que o goberno municipal o fai de maneira morna e pouco efectiva pois incrementa a taxa por caixeiro un exiguo 1,3% pasando 185,73 € a 210 €, cando nos propuxemos chegar aos 525 para poñernos ao nivel doutras cidades do Estado, e dicir apostamos por facer pagar aos bancos un 250% máis que o goberno  local.

Apesares de que o documento recolle demandas de Esquerda Unida que mesmo non foron aceptadas nas alegacións ás ordenanzas do ano pasado, como por exemplo o incremento de taxas a grandes empresas como a refinería e aos bancos estimamos que o incremento é insuficiente.

Con todo o goberno local non so desperdicia a oportunidade que lle brindan as ordenanzas fiscais e os prezos públicos para avanzar cara a xustiza social, senón que as utiliza para crear maior diferencia social e esquilmar ás familias traballadoras, incrementando as taxas que afectan por igual a toda a cidadanía como as relacionadas cun ben de primeira necesidade como o auga, as de instalación deportivas e culturais ou os 51,18 por copia de atestados policiais, taxas que afectan directamente a economía das familias traballadoras, o fai incluso coas relacionadas coa canceira municipal (85-110 € incineración de animais). Tamén o fai cos prezos para as hortas urbanas que ao incluír un pago inicial de 50 € e un aluguer mensual de 25 €, converte unha ferramenta de inclusión social e apoio as familias traballadoras, nunha actividade elitista de dubidoso éxito e quasi-nulo interese social.

Ao mesmo tempo que perpetua estas agresións sociais, benefícia aos especuladores, aos ricos e aos poderosos, así na ordenanza fiscal 11 do Outorgamentos de Licenzas de Nova Ocupación establécese un límite superior de 947 € o que supón unha desgravación encuberta para as licenzas de grande importe, por exemplo unha mansión con un millón de euros de base impoñible debería cotizar oito veces máis que ese máximo establecido, até chegar aos 8.000 €.

O goberno municipal con estas ordenanzas está a favorecer a unha élite minoritaria, o podemos observar até nas prestación de servizos e instalacións onde a taxa dun deporte tan popular como a natación custa 1/3 máis que un curso de golf (45,63 € por curso de natación trimestral dous días á semana, contra 28,94 € polo mesmo curso de golf).

Lamentamos que o goberno local non fose quen de comprender o seu erro nas ordenanzas.


–XXX–

Caso de especial mención é o suministro e utilización de auga potable, na que se pode observa con claridade como nunha taxa dun elemento fundamental para o mantemento da vida humana o PP aplica unha enorme carga ideolóxica e provoca un beneficio para os máis podentes e os grandes consumidores a consta de castigar as familias traballadoras coruñesas que dispoñen de vivendas máis antigas e aos pensionistas, aos que se lles incrementa 10 € o recibo trimestral, debido por unha banda a unificación da tarifa dos dous servizos existentes na actualidade o caudal de 1,5 m3/hora que se incrementa en 5,1 € por recibo (pasa de 12,2 a 17,3) e o de 2, m3/hora que se reduce en 5 € (pasa de 22,3 a 17,3). Neste sentido temos que ter en conta que as vivendas que dispoñen de caudal de 1,5 m3/hora son as vivendas máis antigas, e moitas dos barrios periféricos, mentres que as de 2,5 m3/hora son todas as modernas e as luxosas. Asemade o goberno municipal aplica unha suba lineal de 5 € para repercutir o custo da nova depuradora de Bens, 4,1 en concepto de vertido (incrementando 5,5 veces a súa carga impositiva ao pasar de 0,9 a 5) e de rede de sumidoiros  0,9 (duplicando a súa carga de 0,9 a 1,8).

Suba que no caso de gobernar Esquerda Unida nunca repercutiría na cidadanía en tempos de crise, senón que a cubriría eliminado gasto superfluo, certas subvencións e investimentos que supoñen malgasto, porque non hai que esquecer que se estima que o custe de explotación e mantemento para A Coruña e área metropolitana da nova EDAR de Bens estímase en 5 millóns anuais pero que segundo datos do Concello o incremento impositivo suporá un superávit de 200.000 €.


APROBACIÓN DEFINITIVA ORZAMENTOS 2013 (VOTO EN CONTRA)

O goberno municipal trae a aprobación definitiva os orzamentos do 2013 por un importe de 238 millóns de euros, o que representa un 5,77% máis respecto ao ano anterior en base a un aumento das previsións de ingresos.

Un aumento que ao noso entender é irreal e enganoso, pois ninguén no seu san xuízo estima que durante o ano máis duro da crise, segundo están a avanzar diversos organismos internacionais, incrementarase os ingresos; un 3,82% nos recursos propios e un 1,1% no caso dos impostos cedidos como IVE ou IRPF, cando o consumo caerá estrepitosamente ao igual que o emprego e os salarios baixan constantemente. Non podemos compartir co goberno municipal a estimación dun incremento recadatorio do 6,72% no IAE, Imposto sobre a Actividades Económicas, cando o tecido produtivo coruñés está a esmorecer día a día sen que este goberno municipal faga nada para evitalo. Noutros impostos como plusvalía e ICIO o propio informe da intervención xeral indica que “non se pode asegurar e garantir a viabilidade dos ingresos”. A serie da recadación do ICIO desmonta con claridade a enxeñería económica do PP: no 2011 recaudaronse 7,36 millóns, mentres que a mediados de novembro do 2012 levábanse liquidados tan so 2,44 millóns. Con todo para o 2013 orzase 5,2 millóns, é dicir o goberno municipal estima duplicar os ingresos dun sector paralizado como o da construción.

Cabe subliñar a advertencia da intervención en relación as incertezas que poderían comprometer ao principio de prudencia na orzamentación de ingresos sobre as previsións do capitulo V referentes aos ingresos patrimoniais que se incrementan nun 60,38%. Tamén semella excesiva a previsión de ingresos por intereses en depósitos bancarios pois os 1,5 millóns para o 2013 contrasta cos 956.000 € recoñecidos no 2011.

Tampouco semella aceptable estimar que se manterá a previsión nos tributos da Comunicade Autónoma nun momento de decrecemento económico.

Asemade debemos salientar a incerteza legal existente sobre a posibilidade de solicitar o préstamo de 11,45 millóns necesario para dar cumprimento ao principio legal de equilibrio orzamentario.

O goberno municipal publicita uns orzamentos triunfalistas, máis o estudo científico dos datos económicos amosa unha realidade ben distinta, como demostra o feito de que no 2012 o goberno local rectificou en tres ocasións os orzamentos debido a que os realizou baixo premisas irreais, como xa informara no seu momento a Intervención Xeral. Asemade este goberno é tremendamente ineficaz como amosa o feito de que non foi capaz de executar o 83% das inversións.

Con todo, non debemos esquecer que os orzamentos reflicten en cifras a vontade política dun goberno. Lamentamos que o PP sexa incapaz de afrontar a situación de excepcionalidade que vivimos, e aposte por uns orzamentos continuistas nos que o gasto corrente, lonxe de diminuír para incrementar as inversións, aumentan un 4% respecto ao 2012 chegando a máis de 189 millóns, un incremento de máis de sete millóns de euros o que demostra a ineficiencia deste goberno.

Apesares de incrementar as cantidades económicas, estes orzamentos non serán quen de loitar contra o desemprego pois carecen de ferramentas que permitan reactivar a economía e adoecen de propostas encamiñadas a promover o cambio do modelo produtivo. Xa que logo estes orzamentos son impopulares porque non achegan solucións aos problemas primordiais da cidadanía: o desemprego e a situación económica

Falábamos de vontade política, pois a do PP consiste en investir máis en festexos que en políticas de emprego, utiliza máis cartos para campañas publicitarias e propaganda que para reactivar a económica. Así mentres dedica 4,6 millóns ao IMCE, 3 millóns ao Consorcio da Música ou 1 millón para soterrar o tráfico no Parrote, dedica tan so 180.000 € para apoiar a emprendedores durante todo o 2013, apesares de que autónomos, PEME e cooperativas son a base do noso tecido produtivo e os auténticos xeradores de emprego.

Dende a chegada ao poder do Sr. Negreira o paro incrementouse un 16,2%, diante dos 3239 novos dramas familiares abraia observar como o goberno municipal da case a mesma importancia ao sotorremento do Parrote que a investir en políticas activas de emprego.

Por outra banda o PP orza maior inversión en obras de urbanización de infraestruturas e rehabilitación que en promover a economía e o emprego. Con esta actitude o goberno municipal amosa a súa incapacidade para reactivar a economía local e cambiar o modelo produtivo cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo, para xerar emprego.

Esquerda Unida – Os Verdes lamenta que o goberno municipal persista no erro de centrar o investimento no caduco modelo do ladrillo e o formigón, como así se desprende do estudo dos datos económicos que mostran con claridade como diante da falta de ideas e dun plan concreto. Situación esta que levará a ruína a nosa cidade e condena a pobreza a miles de coruñeses e coruñesas a consta de manter os privilexios dunha limitada casta de poderosos. Así é como entende o Partido Popular a xustiza social e o servizo público.

Por outra banda, semella paradigmático observar como case a metade do orzamento para reactivar a economía e xerar emprego destínase a turismo, concretamente serán 3,5 millóns os que o Concello transfira ao consorcio de Turismo, cando de todos é coñecido que o retorno económico non compensa ese investimento, sobre todo a curto e medio prazo, mentres que os coruñeses e coruñesas necesitamos solucións inmediatas que pasan pola recuperación do tecido produtivo.

Orzamentos irreais porque se basean en estimacións partidarias, orzamentos impopulares porque se confeccionan de costas a cidadanía, xestión ineficaz pola manifesta incapacidade para executalos, ineficiencia na xestión por incrementar o gasto corrente coa que está a caer, falta de plans e ideas para reactivar a economía e xerar emprego, investimentos centrados no ladrillo, os festexos e o turismo.

VIVA A CORUÑA DAS PANDEIRETAS!!!

Grupo municipal Esquerda Unida – Os Verdes

Concello da Coruña

 

Relacionados