Pleno extraordinario de A Coruña

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes, que xa votara en contra na comisión informativa, rexeita un PXOM que incide no modelo urbanístico especulativo do PSOE baseado en favorecer aos promotores e a permisividade coas ilegalidades. Aínda que efectivamente o número de vivendas descende debido a actual coxuntura económica e o plan incorpora criterios de sustentabilidade ou de mellora da calidade de vida da cidadanía, desgrazadamente séguese a incidir no caduco modelo do ladrillo e o formigón, máis aínda logos das modificacións do PP ao plan aprobado inicialmente.

Por outra banda, aprobar un PXOM sen definir un plan estratéxico de cidade nin un plan de mobilidade sostíbel, semella un grande erro político. Dende EU-V apostamos por desenvolver os tres plans conxuntamente para aproveitar sinerxías”. Esta situación ven a demostrar que o goberno municipal nin tan sequera está a valorar o que acontecerá coas máis de 50.000 persoas que ocuparan as 25.000 vivendas que o plan contempla, en que traballarán? Que plan de reactivación económica ten pensado o goberno municipal para que a cidade sexa atractiva diante de semellante oferta urbanística?, como asegurará o goberno municipal os servizos básicos e a oferta comercial necesaria?, como resolverá os problemas de mobilidade derivados da incorporación de 50.000 novos veciños a unha cidade que xa se caracteriza polo seu grave déficit en mobilidade? Até que punto é rendíbel definir un PXOM sen ter definido previamente un Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel (PIMUS)?

O PXOM incorpora diversos puntos escuros que son susceptíbeis de incidir en presuntas ilegalidades, temas que amosaremos á opinión pública no mes de setembro para que os poidan coñecer a meirande parte dos coruñeses e coruñesas, xusto o contrario do que fixo o PP.

Esquerda Unida esixe ao goberno municipal que explique á cidadanía as razóns polas que convocou un pleno tan transcendente de maneira escurantista e precipitada. O PXOM é un elemento vital para definir o tipo de cidade que queremos para o futuro, é dicir en que Coruña viviremos durante as próximas décadas. Precisamente debido a dita importancia, semella fundamental acadar un grande consenso, político e social, así, un fito tan importante para a vida municipal non se pode liquidar na semana grande do único mes inhábil que ten o Concello, nunha clara mostra de escurantismo e falta de espírito democrático, como o demostra o feito de entregar  a información no ultimo momento á oposición ou limitando a participación cidadá nun documento fundamental para a cidade.

Este goberno municipal, está a facer bos a aqueles que nos gobernaron tan mal durante décadas, así en pouco máis dun ano de (des)goberno xa nos ten acostumados a convocar Plenos extraordinarios de grande importancia para a cidade en datas de vacacións coa intención de que as súas erróneas políticas pasen desapercibidas para a cidadanía. O fixeron aprobando o 26 de decembro, o día despois do Nadal, os orzamentos do 2012 o acto político máis relevante de cada exercicio pois plásmanse en cifras económicas as intencións políticas dun goberno e repetiron a xogada aprobando o Plan de Axuste que hipoteca a nosa cidade para os vindeiros anos o 30 de marzo, un día despois da Folga Xeral, Pleno para o cal entregaron a información horas antes, concretamente na tarde do 29 M, cercenando o dereito á folga dos membros da corporación. Pero o peor é que acoden a vericuetos legais para arrebatar o dereito da cidadanía a participares no proceso impedindo a presentación de alegacións e tempo de espera, alegando que o PXOM xa se aprobou inicialmente e esquecendo que logo desa aprobación o documento definitivo sufriu cambios que a veciñanza ten dereito a alegar.

César Santiso, indicou que “a actitude do PP foi desleal, convocando un pleno a traizón a sabendas de que algúns voceiros da oposición non podíamos asistir nesas datas como así o indicamos con antelación, no meu caso indiquei que tan so estaría inoperativo a semana do xoves 2 até o 8, polo que solicitei que non se convocase Pleno nesa semana, a resposta do PP foi clara, non so convocou o Pleno dentro dos únicos cinco días do ano que non podería asistir, senón que tamén o fixo coas dúas comisións. Por sorte puiden facer as xestións oportunas para poder acudir as comisións, mais lamentabelmente foime imposíbel acudir ao pleno. No cabe dúbida que con esta actitude o goberno municipal excluíu expresamente a Esquerda Unida do debate.

Santiso afirmou sentirse fondamente decepcionado e doído coa actitude do goberno municipal “o PP convoca plenos extraordinarios coa intención de agachar temas á cidadanía e ao mesmo tempo castigar aos concelleiros da oposición impedíndolles organizar vacacións como pode facer calquera outro cidadán. Semella unha canallada insinuar desidia por parte dos membros da corporación que no puideron acudir ao Pleno, lémbrolle ao goberno municipal que eu non vivo da política, que renunciei a dedicación exclusiva e non cobro mensualmente do erario público preto dun millón das antigas pesetas como o fai a meirande parte dos concelleiros do PP.

 

Relacionados