O Plan Xeral de Ordenación Urbanística (PXOM) é un elemento vital para definir o tipo de cidade que queremos para o futuro, é dicir en que Coruña viviremos durante as próximas décadas. Precisamente debido a dita importancia, semella fundamental acadar un grande consenso, político e social, así un fito tan importante para a vida municipal non se pode liquidar na semana grande do único mes inhábil que ten o Concello. Xa que logo, O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia a actitude escurantista do PP e o seu pouco espírito democrático, entregando a información no ultimo momento á oposición ou limitando a participación cidadá nun documento fundamental para a cidade.
O goberno municipal afirmou publicamente que entregou a información con tempo suficiente, algo que non é real pois non estivo dispoñíbel até o martes, e dicir catro días hábiles antes do Pleno, o que confirma que apurou ao máximo o prazo legal da entrega dunha extensa información que na súa parte troncal ocupa máis de catro gigabytes (con posterioridade aínda houbo máis entregas), é dicir uns seis CDs de datos. Non cabe dúbida de que tal volume de información técnica e imposíbel estudala coa profundidade suficiente como para facer unha valoración política seria en tan pouco marxe de tempo e como, por outra banda non existe ningunha urxencia en aprobar un plan que leva anos desenvolvéndosue, por todo isto consideramos que o vindeiro Pleno constitúe un fraude de lei, un engano á cidadanía, un acto de cara a galería dos que tanto gusta o PP igual que a reunión de onte con Joan Busquetes, porque como é obvio e apesares da boa vontade do arquitecto, en hora e media non se pode liquidar un tema transcendental para o futuro da nosa cidade.
Este goberno municipal, está a facer bos a aqueles que nos gobernaron tan mal durante décadas, así en pouco máis dun ano de (des)goberno xa nos ten acostumados a convocar Plenos extraordinarios de grande importancia para a cidade en datas de vacacións coa intención de que as súas erróneas políticas pasen desapercibidas para a cidadanía. O fixeron aprobando o 26 de decembro, o día despois do Nadal, os orzamentos do 2012 o acto político máis relevante de cada exercicio pois plásmanse en cifras económicas as intencións políticas dun goberno e repetiron a xogada aprobando o Plan de Axuste que hipoteca a nosa cidade para os vindeiros anos o 30 de marzo, un día despois da Folga Xeral, Pleno para o cal entregaron a información horas antes, concretamente na tarde do 29 M, cercenando o dereito a folga dos membros da corporación. Agora volven a facelo convocando o Pleno Extraordinario en plena semana grande das festas coruñesas.
Pero o peor é que acoden a vericuetos legais para arrebatar o dereito da cidadanía a participares no proceso impedindo a presentación de alegacións e tempo de espera, alegando que o PXOM xa se aprobou inicialmente e esquecendo que logo desa aprobación o documento definitivo sufriu cambios que a veciñanza ten dereito a alegar.
O goberno municipal exclúe expresamente a Esquerda Unida do debate do PXOM convocando pleno por sorpresa nun mes inhábil, así o transmitiu o único concelleiro da formación quen informou con grande pesar que non poderá acudir ao Pleno do vindeiro luns debido a que ten compromisos ineludíbeis relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral, precisamente así o fixo saber ao goberno municipal persoalmente e con tempo suficiente, mais o goberno municipal fixo oídos xordos apesares de facer unha convocatoria tan extemporánea, cando ademais tiñan indicado que non convocarían en agosto, proba de elo é que outros membros da corporación atópanse nunha situación similar.
César Santiso afirmou sentirse fondamente decepcionado e doído coa actitude do goberno municipal por non atender a súa petición de atraso do Pleno habida conta do caso especial do noso grupo municipal xa que ao ter un so concelleiro a súa falta de asistencia supón que os 10.000 coruñeses e coruñesas que apoiaron a EU-V quedan sen voz na casa do pobo. “Semella que o PP convoca plenos extraordinarios coa intención de agachar temas á cidadanía e ao mesmo tempo castigar aos concelleiros da oposición impedíndolles organizar vacacións como pode facer calquera outro cidadán. Xa o fixeron o ano pasado convocando pleno extraordinario en agosto o que me impediu gozar duns días de vacacións coa miña familia, o volveron a facer en decembro.
Propoñemos que se establezan 15 días no mes de agosto e unha semana en decembro onde non se poidan convocar plenos extraordinarios para que todos os membros da corporación poidan conciliar a súa vida laboral e familiar, e non so os do PP como está a acontecer até o de agora.
Santiso, indicou que “semella unha enorme pobreza política, falta de miras e ineficacia na gobernanza pretender aprobar un PXOM sen definir un plan estratéxico de cidade nin un plan de mobilidade sostíbel. EU-V aposta por desenvolver os tres plans conxuntamente para aproveitar sinerxías”. Esta situación ven a demostrar que o goberno municipal nin tan sequera está a valorar o que acontecerá coas 50.000 persoas que supostamente ocuparan as máis de 20.000 vivendas que o plan contempla, en que traballarán? Que plan de reactivación económica ten pensado o goberno municipal para que a cidade sexa atractiva diante de semellante oferta urbanística?, como asegurará o goberno municipal os servizos básicos e a oferta comercial necesaria?, como resolverá os problemas de mobilidade derivados da incorporación de 50.000 novos veciños a unha cidade que xa se caracteriza polo seu grave déficit en mobilidade? Até que punto é rendíbel definir un PXOM sen ter definido previamente un Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel (PIMUS)?
En definitiva son moitas as dúbidas que xorden diante dun PXOM, e todo iso sen entrar a estudar polo miúdo a parte técnica. Algo que xa están a facer os compañeiros da área de territorio de Esquerda Unida, xa que logo comprometémonos a analizar punto por punto, folla por folla todo o PXOM para que a cidadanía teña un coñecemento exhaustivo das súas virtudes e as súas eivas algo que obviamente non se pode facer en catro días como pretende o goberno local”.