Pleno municipal A Coruña

APROBACIÓN DA DENOMINACIÓN DUNHA RÚA NA CIDADE PARA JAVIER LÓPEZ LÓPEZ (POLICÍA NACIONAL) VOTO A FAVOR

Dende Esquerda Unida – Os Verdes, apoiamos esta distinción para Javier López López, veciño do Castrillón, un dos policías heroes do Orzán que deixaron a súa vida na procura de salvar a un mozo que se estaba a afogar.

Os poderes públicos deben honrar a aqueles actos e persoas que amosen principios de solidariedade e esforzo, como este. Mais semella paradigmático que o PP se preocupe de honrar ás persoas que o teñen, mais desenténdese de retirar as honras a aquelas persoas que apoiaron o golpe de estado e o réxime franquista, como Millán Astray. Neste sentido resulta triste observar como teñen que ser organizacións privadas as que loiten pola honra da cidade e dos coruñeses diante da desidia do Concello Coruñés que argumentaba falazmente que non existía fundamento xurídico, algo que o propio Tribunal Supremo ven de desmentir aceptando o recurso da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica.

PROCESO DE INVESTIGACIÓN CASO SOMESO

Dende Esquerda Unida – Os Verdes queremos felicitar o traballo realizado pola instrutora do procedemento de investigación sobre o caso Someso, Teresa Morán, por ter desenvolvido un informe contundente e exhaustivo. Con todo, non compartimos a conclusión onde a instrutora indica que do expediente administrativo non se deduce que existe enriquecemento de ningún funcionario ou cargo público, porque poden levar a crear a falsa idea de que realmente ningún cargo público ou funcionario se enriqueceu, cando con case toda seguridade é o contrario como posteriormente explicaremos. Que non se deduza, como reza literalmente o informe non significa que non o houbese.

Tampouco compartimos o criterio de que non é posible individualizar a responsabilidade sobre as irregularidades producidas, nós cremos que si pero para elo hai que ampliar o proceso de investigación. Algo que dubidamos este disposto a facer o goberno municipal, porque temos a impresión de que máis que buscar xustiza, transparencia e responsabilidades o PP coruñés buscou sempre o rédito electoral, primeiro para desgastar ao anterior goberno municipal, agora para agachar as eivas e ineficacia na súa xestión.

O informe resultante da investigación visualiza con claridade unha deleznable maneira de entender a política e unha inaceptable forma de xestionar o público. Neste informe queda claramente ao descuberto a mafiosa xestión urbanística da era Paco Vázquez. Espero Sr. Alcalde que aqueles abrazos e declaracións de “temos intereses comúns” non fosen con certos promotores en Someso, como Fontenla porque tan pronto chegaron ao goberno xa desenvolveron actuacións que beneficiaron a este promotor, como por exemplo as modificacións do Plan Parcial do Sector-7.

Decimos isto porque en lugar de crear unha comisión de investigación, como demandaban cando estaban na oposición, rexeitaron as nosas propostas para crear a devandita comisión para utilizar un proceso de investigación interno. Sistema máis encorsetado que impide a acción directa da oposición, evita comparecencias e lles permite ter todo o proceso controlado, así como administrar os tempos mediáticos, proba disto é que o informe está asinado o 15 de xuño e están a informar del o 14 de xaneiro, 7 meses despois, tempo máis que suficiente para que algúns poidan por pes en polvorosa ou tomar as medidas axeitadas para evitar responsabilidades.

Esta actuación urbanística reúne tal elenco de irregularidades, neglixencias e despropósitos que podería converterse nunha guía de mala praxe cuxo título podería ser “como arrebatar 27,5 millóns de euros á veciñanza, hipotecar a cidade e marchar a confesarse xunto ao Papa”. Efectivamente, a consecuencia dos erros cometidos durante o tracto rexistral e na inscrición dos bens no inventario municipal, certificado do secretario falsificado incluído, o concello xa ten obrigacións de pago por 8,2 millóns de euros en concepto de indemnizacións que se incrementaran notablemente segundo se resolvan os distintos recursos pendentes. É dicir que os resultados desta desfeita farán que os coruñeses e coruñesas aínda teñamos que rabuñarnos máis os nosos castigados petos.

Neste sentido cabe subliñar que o goberno do PSOE consentiu sentenzas que non se recorreron ante o Tribunal Supremo, situación que impediu unha adecuada defensa dos intereses dos coruñeses e coruñesas. Asemade a parálise do concello durante dou o tres anos desde que se ditaron as Sentenzas, supuxo un incremento dos intereses a pagar. Tampouco se pediu aclaración das Sentenzas o que permitiría descontar canto menos as obras executadas.

Máis o prexuízo ao concello non se reduce ás indemnizacións a pagar, senón que debido a unha sucesións de eivas de difícil explicación o concello perdeu de ingresar 19,2 millóns de euros, ou que é o mesmo o goberno do PSOE presidido por Paco Vázquez regalou aos promotores máis do 7% do actual orzamento do Concello, podendo incluso chegar até o 20% dependendo das sentenzas pendentes.

O pelotazo urbanístico comezou a fraguarse dende o principio, así, o procedemento seguido para a adquisición das parcelas no respectou as disposicións legais aplicables nin tampouco o establecido no regulamento de bens das corporacións locais. O dito procedemento desenvolveuse baixo supervisión directa de Paco Vázquez co silencio cómplice dos concelleiros do PSOE que en ningún momento pronunciáronse en contra destras prácticas ilegais que adelgazaron as arcas municipais e engordaron os petos dalgúns ilustres coruñeses.

Incumpríronse as obrigacións legais co respecto ao patrimonio municipal, así as parcelas adquiridas non constan en ningún rexistro municipal, tampouco figuraban inscritas no catastro, nin no rexistro da propiedade. Debido a esta deixación de funcións o concello perdeu 9.400 m2 de terreos, o que equivale a uns 7,8 millóns de euros, segundo os prezos de venda do ano 2004. Semella paradigmático pero cos terreos perdidos polo concello poderíase construír o campo de fútbol do Relámpago que da lugar a toda esta trama urbanística xunto coa ampliación dos aceso ao polígono de Pocomaco.

Tamén foi inadecuado o procedemento para a venda de patrimonio municipal, así a xunta de goberno local acorda a adxudicación directa das parcelas, cando a Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia establece expresamente que debe ser por procedemento de concurso. Cales serían os motivos tería o goberno do PSOE para adxudicar a dedo en lugar de facelo por concurso…

Por incumprirse, incumpriuse até o PXOM do 1988 ao venderse solo que tiña que ser cedido para vivendas de promoción pública.

As interpretacións erróneas dos Convenios con particulares teñen difícil xustificación e todo apunta que se fixeron baixo intereses espurios. Por exemplo a interpretación do Convenio coa familia Yordi Catoira supuxo unha nova perdía de 7 millóns de euros para as arcas municipais ao permutar terreos por valor de 4,6 millóns contra os 11,6 millóns de euros do valor dos terreos do concello. Asemade o concello pagou indebidamente o IVE correspondente a esta permuta, outros 740.000 € de agasallo aos poderosos. Tamén resulta paradigmática a interpretación do contrato asinado cos Herdeiros Bermudez Paz polo que o concello deixo de percibir 2,4 millóns de euros polo incremento de edificabilidade da parcela 56 dende a súa ocupación.

Por último prodúcese outra eiva millonaria coa perdida por conversión do aproveitamento libre en VPO de 1,1 millóns de euros.

Logo de todo o observado, semella incrible achacar a simples erros as ganancias da familia Yordi Catoira, os herdeiros de Bermudez Pan, e a xunta de compensación do Sector 7, principalmente a Familia Fontenla Ramil. Todo indica a que nos atopamos diante dun caso de corrupción urbanística. Non cabe dúbida, como indica a instrutora do procedemento, que do expediente administrativo non se deduce que existe enriquecemento de ningún funcionario o cargo público. Pero tamén é certo que non se pode deducir porque é un expediente administrativo e a instrutora non ten capacidade para investigar os incrementos patrimoniais dos principais cargos públicos e funcionarios implicados.

A instrutora do procedemento indica tamén que non é posible individualizar a responsabilidade sobre as irregularidades producidas por ter lugar en distintos departamentos, motivo polo cal é necesario ampliar a investigación aos distintos departamentos para determinar as responsabilidades en base ao seu funcionamento, as funcións do seu persoal e os distintos regulamentos internos. Tamén débese seguir investigando para procurar a anulación das dobres vendas das parcelas adquiridas polo concello e recuperar parte do expoliado, para revisar de oficio o expedinte e iniciar as accións necesarias para resarcirnos deste roubo.

Por outra banda, si realmente non hai nada que esconder como din algúns, boto de menos que durante a etapa do bipartito non se houbese desenvolvido ningún tipo de investigación, habida conta que de que os feitos denunciados son extremadamente graves. Semella paradigmático que teña que ser un goberno do PP o que de o primeiro paso para esclarecer o caso, digo o primeiro porque isto non pode quedar así, non chega con dar traslado á fiscalía. O concello debe proseguir coa investigación, xa que logo, dende Esquerda Unida – Os Verdes demandamos a creación dunha comisión de investigación non remunerada para depurar responsabilidades, aclarar aspectos onde o informe no profundiza e que a cidadanía coñeza os nomes e apelidos de todos os que participaron nesta estafa millonaria. Por outra banda entendemos que a devandita comisión crearía un espazo de diálogo entre as distintas forzas da corporación para habilitar as ferramentas necesarias que impidan que nunca máis poida acontecer un suceso como este.

 

Relacionados