O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes vota a favor da ordenanza de emerxencia social que incorpora a nosa alegación que avanza na xustiza social e facilita o traballo dos técnicos
O voceiro de EU-V, César Santiso, afirmou sentirse decepcionado, abraiado, consternado e indignado pola falta de transparencia e espírito democrático amosado polo goberno municipal en relación co plan de axuste e o intento de cercenar o dereito de folga dos concelleiros
Os distintos grupos municipais, logo dun receso de 15 minutos para que negociasen os voceiros, acadaron un consenso para apoiar por unanimidade unha moción sobre a protección das persoas afectadas polas participacións preferentes.
O Voceiro de EU-V aproveitou para saudar aos veciños e veciñas da Torre nº 1 da Praza de Laxes de Orro no Birloque e aos traballadores e traballadoras do Circo de Artesáns que acudiron ao Pleno convidados polo noso grupo municipal que presentou dous mocións en defensa dos intereses dos ditos colectivos, mocións que lametábelmente o Goberno municipal negouse a debater.
Asemade aproveito para felicitar aos case 100.000 coruñeses e coruñesas que encheron as rúas de indignación e rexeitamento diante dunha reforma laboral inxusta e ineficaz.
Ordenanza axuda a domicilio (voto en contra)
Dende Esquerda Unida – Os Verdes non compartimos que o Concello da Coruña acate o plantexamento da Xunta de Galicia polo cal se trae a modificar a ordenanza municipal de asistencia a domicilio. Non compartimos a proposta de eliminar as listas de espera existente ata o de agora para que as persoas dependentes reciban asistencia.
E o rexeitamos porque creemos que non existen razóns, nin legais nin de peso, para eliminar as listas de esperas municipais. Si ben e certo que, en teoría, o argumento da Xunta semella lóxico, no sentido que quen ten recoñecida a condición de dependentes, ten un dereito subxectivo ao servizo, tamén o é que coa supresión o que se pretende é ocultar a aqueles dependentes que por calquera tipo de eivas administrativas non están a gozar do seu “dereito subxectivo”, o acaso a supresión da devandita lista ten algún tipo de vantaxe para os dependentes? Ou mellora dalgunha maneira o servizo a dependencia? A resposta é clara e rotunda NON, mais non o é tanto as preguntas: que pasará cos dependentes que non podan ser atendidos por calquera eiva administrativa, como por exemplo que o Concello non dispoña temporalmente de fondos para facerse cargo dos dependentes?
Por outra banda, tampouco compartimos a recomendación da Xunta de Galicia no sentido de suprimir o parágrafo do artigo 8 a) que di “Cuando se necesiten dos auxiliarers al mismo tiempo para la realización del Servicio, se computará el tiempo de atención de cada una de las profesionales”. A Xunta argumenta que a orde ditada pola Vicepresidencia de igualdade e benestar no ano 2009, establece que os casos de servizos realizados por dous auxiliares terán carácter excepcional e estarán xustificados no proxecto polo técnico responsábel.
Precisamente da lectura da propia orde extraese que, aínda que con carácter excepcional, contémplase a devandita posibilidade do traballo de dous auxiliares ao mesmo tempo. Así pois a eliminación do parágrafo en lugar de mellorar a ordenanza o único que crea e inseguridade normativa ao suprimir a concreción do computo de tempo deixando o dito computo a interpretación do órgano competente, e dicir trocamos obxectividade por subxectividade.
Esta modificación supón a aceptación por parte do Concello da Coruña dunha estrataxema deseñada por parte da Xunta de Galicia para agachar a realidade e eliminar a súa responsabilidade social, da que Esquerda Unida – Os Verdes nin pode nin quere ser participe. Así pois, anunciamos o noso voto negativo.
Ordenanza Emerxencia Social (voto a favor)
A crise que estamos a vivir dificulta a inclusión social e segrega do mercado de traballo ás persoas con menos habilidades e acreditación profesional, por outra banda as perversas políticas neoliberais, baseadas en privatizar as gáñanas e socializar as perdas, que tanto dende Goberno central como dende a Xunta de Galicia estanse a desenvolver, provocan que, unha vez máis recaian sobre as costas dos menos favorecidos os esforzos para saír da crise, ou dito doutra maneira recortes para a clase traballadora disfrazados de austeridade.
Baixo este contexto, cada vez son máis as familias traballadoras nas que un dos seus membros perde o seu posto de traballo, pasando a unidade familiar grandes dificultades, incluso para manter a súa vivenda.
A dita situación obriga aos poderes públicos a actuar con rapidez e contundencia para manter a cohesión social, neste sentido saudamos a iniciativa dos servizos sociais do Concello da Coruña que, en resposta as nosas chamadas á reacción institucional logo do incremento de persoas en risco de exclusión social na nosa cidade, propoñen incrementar as axudas para emerxencia social, o dobre no caso das de subsistencia, ao tempo que resolven unha eiva existente nas anteriores ordenanzas, que de maneira incongruente incorporaban unha axuda menor para a subsistencia, cuxo fin é cubrir as necesidades básicas para a vida como alimentación, vestiario, aloxamento, ou gastos sanitarios que para outros conceptos, aínda que importantes non vitais.
Inclusión na orde do día polo mecanismo de urxencia o Plan de axuste para facer fronte ao crédito solicitado para pagar as facturas pendentes a provedores e aprobación do devandito Plan (voto en contra)
Decepcionado, abraiado, consternado e indignado pola falta de transparencia e espírito democrático amosado polo Goberno municipal en relación co plan de axuste:
Como é posíbel que non apareza na orde do día este punto estratéxico e vital para a política municipal na que temos que decidir como facer fronte a débeda de 7,6 millóns de euros?
Como é posíbel que tampouco se levase o devandito punto a comisión informativa?
Como é posíbel que se de acceso á información aos grupos da oposición con tan so 19 horas de antelación ao desenvolvemento do Pleno?
E o que é máis grave. Como é posíbel que se pretenda cercenar o dereito de Folga, un dereito constitucional que ten toda a cidadanía, incluído por suposto os Concelleiros.
O Goberno municipal, coa súa actuación, excluíu ao grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes deste importante debate, xa que como ben sabía o Goberno local, Esquerda Unida apoiaba a Folga Xeral e todos os membros da organización secundan a dita Folga Xeral. Así, Santiso explicou que se negaba a participares nun debate no que o Goberno municipal entregou a documentación na tarde do día de Folga, precisamente “por coherencia coa Folga Xeral, negueime en rotundo a estudar o documento, porque a folga é de 24 h. durante todo o xoves. Se pedimos aos traballadores e traballadoras que secunden a Folga Xeral, como vou a traizoalos e poñerme a traballar durante a Folga?”.