Pleno ordinario de setembro

 

Millán-Astray

En Esquerda Unida – Os Verdes atopámonos fartos de que se utilice a Millán-Astray como cortiña de fume por parte do Goberno Municipal para desviar a atención dos verdadeiros problemas da cidadanía.

 

Cando temos que falar sobre creación de emprego aparece Millán-Astray, cando toca falar sobre o carril-bus e mobilidade sostíbel aparece Millán-Astray, cando hai que decidir sobre o parque Ofimático, volve a aparecer Millán-Astray; e así unha e outra vez.

 

Esquerda Unida – Os Verdes considera que Millán-Astray foi un traidor que baixo ningún concepto pode representar os valores dunha cidade aberta e plural como A Coruña.

 

Un fascista do século pasado non pode roubar o protagonismo a veciñanza, sobre quen verdadeiramente deben de xirar os eixes de traballo da política municipal. Xa que logo, os protagonistas son os milleiros de persoas desempregadas que están a buscar desesperadamente un traballo que permita manter as súas familias, os máis de 10% de veciños e veciñas que se atopan en risco de exclusión social, os dependentes, os rapaces que comezan agora o curso, os traballadores e traballadoras verdadeiros xeradores da riqueza que permite o mantemento desta grande cidade, os comerciantes que loitan por manter os seus negocios a flote, os emprendedores, os autónomos, as PEME que loitan por reactivar a economía local.

 

Eles deben acaparar toda a nosa atención e ser o obxetivo dos nosos esforzos, e non un franquista que está morto, enterrado, e tíñamos esquecido ata a chegada de este Goberno.

 

Esquerda Unida – Os Verdes considera que se debe recorrer a sentencia, máis aínda se cabe, sabedores da existencia de sentenzas contraditorias. Pero en todo caso o Pleno ten potestade para retirar as honras de fillo predilecto sen necesidade de apelar a Lei da Memoria Histórica, como ven recolle a propia sentenza e o informe dos servizos xurídicos. Propoñemos que se activen os mecanismos necesarios para avanzares nesta vía.

 

As posturas dos grupos políticos da oposición aquí representados están claras. O BNG e Esquerda Unida estivemos sempre en contra de honrar aos fascistas. O PSOE tolerou durante décadas a súa honra e agora parece que renega da súa postura anterior.

 

Só queda que o Partido Popular mostre as súa verdadeira faciana neste tema. Non vale escudarse na legalidade, porque esta non é unha decisión legal senón de salvagarda dos principios desta cidade. Os concelleiros do PP teñen maioría absoluta e coñecen perfectamente o sentir da oposición. A partires deste momento sobre eles recae toda a responsabilidade. Van a deixar que sexa fillo predilecto da Coruña un personaxe que defendía o “morra a intelixencia”?

 

Modificación Plan parcial do Sector S-6 “Parque de Eiris”

O Goberno local tráenos ao Pleno a modificación puntual para as parcelas 9 a 18 sobre Plan parcial do Sector S-6 “Parque de Eiris” aprobado o 8 de novembro de 1999. A dita modificación propón a substitución da ordenación dos bloques en forma de “U” invertida por outra en forma de “I” para adaptalas a topografía do terreo existente. 

 

Para Esquerda Unida – Os Verdes a devandita modificación non atende a ningunha razón de interese público nin a ningunha causa de forza maior detectada tras a redacción do plan. De feito consideramos que a argumentación esgrimida carece de sentido pois cando se aprobou o plan a topografía do terreo era a mesma.

 

Asemade, a modificación proposta xerará un grave impacto visual ao incrementarse a altura total das edificacións que salvan a pendente incorporando estruturas a modo de peanas.

 

Si ben é certo que non se incrementa a edificabilidade, tamén o é que esas estruturas a modo de peanas son incorporacións a maiores ao conxunto construtivo.

 

Esquerda Unida – Os Verdes considera unha mala praxe a aceptación de modificacións puntuais sobre plans urbanísticos que so benefician aos promotores. Mais cando a dita modificación non responde a un imprevisto que non contemplara o plan inicial. O promotor coñecía perfectamente a topografía do terreo e a disposición do Plan parcial, xa que logo, aceptar a modificación proposta podería considerarse como posíbel trato de favor si a actuación se visualiza no seu conxunto baixo a premisa de que o promotor podería partir con avantaxe en relación ao resto de competidores si este era coñecedor de que o Concello podería aceptar a modificación que hoxe se nos trae a Pleno.

 

Traer ao Pleno esta modificación constitúe a constatación de que a intención deste Goberno en materia urbanística é a de dar continuidade á política do amigismo desenvolvida polos anteriores gobernos municipais, algo que por outra banda xa non sorprende a cidadanía pois en todos os ámbitos económicos PP e POSE coinciden en actuar como correa de transmisión dos poderosos.

 

Modificación do 2º texto refundido doe Modificación do Plan Parcial do Sector -7, Recinto Ferial, Zona-II parcelas P.II2, P.II3, P.II.4 y P.II.5

A solicitude de modificación do 2º texto refundido de Modificación do Plan Parcial do Sector -7, Recinto Ferial, Zona-II no referente ás parcelas P.II2, P.II3, P.II.4 y P.II.5 que estamos a tratar data do 16 de xuño de 2010, dos antecedentes de interese chama poderosamente a atención a prema e insistencia con que a parte solicitante pretende que se lle conceda a dita modificación en base ao silencio administrativo.

 

Aínda que a modificación puntual non cambia o aproveitamento máximo, non cabe dúbida que o seu obxeto so se explica dende o punto de vista de reducción de custes da promotora, quen argumenta a súa proposta de modificar a ordenación dos volumes propostos no Plan Parcial, cambiando 3 bloques de 23×23 m. por 2 de 41,6×21,1 m. En razóns estéticas para equiparala aos bloques existentes na parcela P.II1.

 

De novo atopámonos diante dunha situación na que si se acepta a modificación solicitada se estará a favorecer os intereses económicos dun promotor mais en ningún caso favorecese aos coruñeses e coruñesas.

 

Esquerda Unida – Os Verdes entende que o aparato administrativo debe empelarse para mellorar a calidade de vida da veciñanza, non a conta de resultados de determinadas empresas. Algo que non parece compartir o novo Goberno local, pois nas súas accións de Goberno antepoñen diante dos intereses colectivos da cidadanía, os intereses económicos das empresas e os intereses partidistas da Xunta de Galicia.

 

Neste sentido podemos citar nos poucos días de Goberno do PP uns cantos casos clamorosos: a paralización das obras de urbanización do Ofimático, o regalo da fabrica de tabacos a Xunta de Galicia, ou agacharse diante do incumprimento da Xunta do convenio coa Universidade da Coruña en canto a construcción da residencia do Campus de Elviña, polo cal a xestión da devandita residencia sería pública e xestionada pola propia Universidade, mais o 13 de xuño a Xunta anunciou de maneira unilateral que a súa construción e xestión sería privada.

 

Mención especial ten o caso do IES Paseo das Pontes onde unha decisión da Xunta está a supoñer graves trastornos a ducias de familias coruñesas. A Xunta, de costas á comunidade educativa, decidiu eliminar o dito Instituto de Educación Secundaria que contaba con 250 alumnos para dotar 44 prazas de Formación Profesional, a pesares de haber espazo dabondo para poder facer a transformación de maneira non traumática. Mentres o Goberno municipal miraba para outro lado e o alcalde nin estaba nin se lle esperaba diante deste atropelo as familias traballadoras coruñesas.

 

Modificación do 2º texto refundido doe Modificación do Plan Parcial do Sector -7, Recinto Ferial, Zona-II parcelas P.V.4

Atopámonos nun caso similar ao anterior, onde se repite o mesmo promotor e a súa mesma prema e insistencia para que se lle conceda a modificación en base ao silencio administrativo. Neste caso a solicitude é de modificación do 2º texto refundido de Modificación do Plan Parcial do Sector -7, Recinto Ferial, Zona-II refírese a parecela  P.V4 e  data do 21 de xuño de 2010.

 

Neste caso o Plan Parcial propón dúas posibilidades unha como torre illada e outra como torre con zócalo, ocupando este a totalidade da parcela. Mais o documento do Plan Parcial so reflicte a opción de torre con zócalo de 20×30, cun aproveitamento de 10.500 m2.

 

O promotor propón construír unha torre illada de 20×35 en lugar da torre con zócalo de 20×30. Aínda que a modificación puntual non cambia o aproveitamento máximo, manténdose en 10.500 m2 non cabe dúbida que o uso do zócalo é distinto, eminentemente dedicado a locais comerciais. O promotor xustifica a solicitude  pola mellora que supón para o espazo libre de titularidade pública, mais a realidade semella ser ben distinta, non terá nada que ver que o promotor pretende transformar espazos para locais comerciais en espazos para vivendas no temor que a competencia do centro comercial construído nas proximidades reduza o valor deses locais e, xa que logo, os seus propoios beneficios.

 

De novo atopámonos diante dunha situación na que si se acepta a modificación solicitada se estará a favorecer os intereses económicos dun promotor mais en ningún caso favorecese aos coruñeses e coruñesas.

 

Esquerda Unida – Os Verdes propón ao pleno non entrar en xogos especulativos e, como norma, negar as modificacións dos plans urbanísticos salvo que se demostre con claridade o beneficio que suporía para a cidadanía a súa modificación. 

 

Para rematar gustaríame facer unha reflexión: dos seis puntos que o Goberno local trae ao primeiro Pleno ordinario para que o Pleno do Concello se pronuncie, catro son de urbanismo e dous sobre as polémicas sentenzas sobre Millán Astray. Ningún sobre creación de emprego. Este dato pon ben as claras cales son as verdadeiras intencións do Goberno do PP e a importancia que lle concede aos verdadeiros problemas da veciñanza. En termos futbolísticos especulación 4 cidadanía 0.

 

Dende Esquerda Unida – Os Verdes esiximos ao Goberno municipal máxima dedicación a medidas que fomenten a reactivación da economía local que sexan quen de crear emprego estábel e de calidade e que permitan o cambio do modelo produtivo local cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo e que permita as nosas empresas ser máis competitivas diante da crise enerxética que estamos a vivir.

 

En múltiples ocasións brindamos o noso apoio para traballar neste sentido, incluso facendo propostas en firme como  o Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME) que pretende cubrir as necesidades básicas as que se enfrontan cooperativas, autónomos e PEME. Mais sempre recibimos a callada por resposta, esperamos que o Goberno municipal de un xiro inmediato a súas políticas polo ben da nosa cidade.

 

Ordenanza Municipal

O Goberno Municipal somete a este Pleno un texto refundido da Ordenanza Municipal de Conservación e Rehabilitación de Inmobles. Parécenos correcta a intención de reunificar nun único corpo normativo o texto da ordenanza anterior e das tres modificacións que sufriu ao logo dos anos. Pero resúltanos curioso que este Goberno Municipal, no mesmo Pleno no que aproba varias modificacións da normativa urbanística promovendo a especulación e a concentración do negocio da construcción de vivendas en unhas poucas mans amigas, someta a votación un texto de ordenanza que ven encabezado por unha mención ao artigo 47 da Constitución Española, o dereito a unha vivenda digna.

 

Na Coruña o Concello leva trinta anos contradicindo o dito artigo da Constitución na procura de encher os petos dalgúns especuladores. E parece que o novo Goberno Municipal vai continuar con esta labor.

 

Semella que a pinza PP-PSOE non so limitase a modificar a Constitución Española en termos que limitan os mecanismos de xustiza social, se non que na cidade da Coruña tamén traballa para limitar a xustiza social que supón un acceso igualitario a vivenda.

 

Adentándonos nos detalles da Ordenanza botamos de menos medidas que contribúan a paliar uns dos grandes problemas que ten en este momento a cidade: a cantidade de locais e vivendas que están baleiros, a pesares de que a meirande parte da mocidade non pode independizarse e os emprendedores desenvolver a súa actividade por falta de locais dispoñíbeis a prezos xustos.

 

Non compartimos que a ordenanza non regule a penalización dos locais e vivendas que unha vez recibida a subvención permanezan valeiras sen incorporarse ao mercado da vivenda a prezos razoables.

 

Opoñémonos a que os beneficiarios de axudas para a rehabilitación de locais comerciais non teñan límite de renda. Tampouco aceptamos que un rentista propietario de varias vivendas en réxime de aluguer poda beneficiarse das axudas escudándose en que os inquilinos dos seus pisos son mais humildes e non os superan. En definitiva rexeitamos que os que máis teñen se beneficien dun incremento patrimonial a costa do erario público, que paguen a rehabilitación do seu propio peto e non dos traballadores e traballadoras que ademais lle están a pagar un aluguer.

 

Consideramos que a cantidade de documentación que un inquilino dunha vivenda ten que achegar se quere denunciar o mal estado da mesma. Semella unha estrataxema para defender aos rentistas a costa da indefensión dos seus inquilinos?

 

Por outra banda, a ordenanza non busca a transparencia tan demandada pola cidadanía, por exemplo en lugar de regular a publicación dos resultados da avaliación de solicitudes na web municipal regula a súa publicación no taboleiro de anuncios do Concello, algo inconcibíbel en pleno século XXI, na chamada sociedade da información.

 

En definitiva semella que esta ordenanza é un exemplo que ilustra perfectamente a diferencia entre unha dereita que favorece aos rentistas e aos especuladores e unha esquerda que defende as familias traballadoras.

Esquerda Unida – Os Verdes presentaría unha ordenanza inspirada verdadeiramente no predicamento do artigo 47 da Constitución Española, favorecendo o dereito a vivenda dos máis necesitados, impedindo a especulación e penalizando as vivendas valeiras ou os locais sen actividade económica, mentres daría todo o acceso legalmente posíbel a cidadanía a través da web municipal, obrigando ao Concello a publicar na web toda a información utilizada para valorar as solicitudes de subvención, para que toda a veciñanza puidese comprobar a inexistencia de tratos de favor.

 

O Partido Popular saberá porqué non propón este nivel de transparencia que esiximos e o PSOE saberá porqué tampouco o propuxo cando lle tocou gobernar.

Relacionados