Esquerda unida vota en contra do modificativo de crédito e do estudo de detalle do parrote, apoia o inventario de bens históricos artísticos do Concello e abstense na modificación da ordenanza fiscal da ORA e na modificación dos estatutos do IMCE.
Expediente Modificación de crédito M2/2011
Esquerda Unida – Os Verdes non presentou reclamacións ao expediente de modificación de crédito porque entendíamos que non se producían as condicións taxadas na lexislación, moito máis restrinxidas tanto para a aprobación de orzamentos anuais como modificativos de crédito, onde non se admiten suxestións, achegas ou valoracións de tipo político como sucede no resto dos procedementos, como por exemplo nas ordenanzas municipais.
Opuxémonos con rotundidade a aprobación inicial deste modificativo porque considerábamos que supoñía recortes en educación, en políticas activas de emprego ou en dotacións para os barrios.
Ao Goberno municipal enchéselle a boca falando de austeridade, con todo, semella que confunde dous termos: austeridade e recorte. Pero non se preocupen, dende Esquerda Unida – Os Verdes faremos, hoxe aquí, un exercicio de didáctica para que non lles volva a pasar: Austeridade supón reducir custos superfluos como por exemplo os gastos de representación e protocolo, o número de altos cargos e o seu salario ou aforrar enerxía. Austeridade significa reducir custes de xestión, incorporando, por exemplo, a administración electrónica, mellorando as tecnoloxías da información e os fluxos de traballo para gañar eficacia na administración municipal o que permite reducir as externalizacións, a grande lacra económica deste Concello. Austeridade é desenvolver unha eficiente xestión centralizada dos contratos para aforrar custes mediante unha economía de escala ou fomentar a competencia dos subministradores municipais incrementando a concorrencia e a transparencia para abaratar prezos.
Polo contrario recorte significa eliminar investimentos para escolas infantís, en políticas activas de emprego ou en dotacións para os barrios.
Unha vez dito isto, queda claro que eliminar os 500.000 euros destinados a creación dunha escola infantil de Pedralonga, retirar os 300.000 euros para a construción do polideportivo do Castrillón, ou suprimir 300.000 euros destinados a impartir cursos de formación para desempregados non é austeridade, son recortes sociais.
Pero o máis grave deste expediente de modificación de crédito é a renuncia expresa do Goberno municipal a promover a reactivación económica local, perdendo, así, a posibilidade de facilitar a xeración de emprego.
En definitiva nada cambiou neste expediente dende a súa aprobación inicial, xa que logo, o sentido do noso voto é negativo.
Xa o dixemos en infinidade de ocasións, máis non deixaremos pasar unha sen repetilo: semella fundamental que o Goberno municipal comprenda e asuma a necesidade vital de que os poderes públicos interveñan proactivamente na promoción da economía local ao tempo que favorezan actividades e hábitos tendentes a cambiar o modelo produtivo cara un máis sustentábel, máis eficiente enerxéticamente e menos dependente do petróleo.
Agora o Goberno municipal terá que explicar aos 21.646 coruñeses e coruñesas desempregadas porque non quere investir para capacitarlles na procura dun posto de traballo ou porque non inviste en promover a reactivación económica. Tamén terá que explicar á veciñanza de Pedralonga e do Castrillón porque lles retira instalacións comprometidas.
Esquerda Unida – Os Verdes, a diferencia do Goberno municipal, considera que construír escolas infantís, polideportivos e desenvolver políticas activas de emprego non é gastar senón investir no futuro e na calidade de vida dos cidadáns, porque todos os habitantes da Coruña deben ter os mesmos dereitos de acceso á educación e as instalacións deportivas. Con todo, o Goberno municipal coarta a materialización dos devanditos dereitos.
Ordenanza ORA
Resulta curioso observar o alto nivel de improvisación con que o PP está a desenvolver a súa acción de Goberno, en outubro traíase a Pleno a aprobación inicial das ordenanzas fiscais, en aquel momento a ordenanza da ORA non se modificaba, agora 73 días despois necesítase modificar para dar cobertura ao aparcadoiro expres.
Argumenta o Goberno municipal que esta nova modalidade de aparcadoiro regulado, ten por misión reducir a dobre fila, posibilitando unha nova opción legal á cidadanía. Esquerda Unida comparte a devandita argumentación, mais ao noso entender resulta ineficiente ter que retirar ticket para unha estancia tan curta, podendo chegar nalgunhas ocasións ao absurdo de que o automóbil permanece máis tempo na zona reservada durante a xestión do pago do ticket que durante o estacionamento obxecto do pagamento.
Xa que logo, Esquerda Unida – Os Verdes apostaría por un sistema de vixilancia automática sen cobranza. Así os aparcadoiros expres serían moito máis dinámicos e eficientes.
En todo caso, non nos opoñeremos a unha iniciativa que pretende reducir a dobre fila e consecuente mellorar o caótico tráfico da nosa cidade, independentemente de que ao noso entender a iniciativa é claramente mellorábel.
Estudio de detalle do Parrote
Esquerda Unida – Os Verdes, ao igual que todos os coruñeses e coruñesas, desexa que se atope unha solución para O Parrote. É innegábel que o burato do Parrote ofrece unha pésima imaxe da Coruña e afecta directamente ao sector turístico e a fiabilidade da nosa cidade como foco de desenvolvemento económico.
Que pensarán os milleiros de turistas que visitan a nosa cidade cando se atopan con semellante monumento a ineptitude? que concepto se formarán dos poderes públicos coruñeses e galegos os emprendedores que pretendan desenvolver negocios na nosa cidade, cando coñezan que levan anos sen atopar solución?
Non cabe dúbida que urxe acadar unha solución, máis esa urxencia non da pe para a súa resolución a calquera prezo e de calquera maneira. Temos nestas cidade experiencias negativas dabondo en materia urbanística, como para permitirnos o luxo de cometer outra nova chapuza que co paso do tempo pode hipotecar o futuro da nosa cidade. Acaso non aprenderemos nada dos casos como o edificio Fenosa ou o caso relámpago en Someso, chapuzas urbanísticas que están a poñer en xaque as contas municipais?
O estudo de detalle que se trae a aprobación neste pleno presenta, cando menos, unha clara inseguridade xurídica, da documentación achegada semella que a legalidade atópase seriamente cuestionada, no só polas catro alegacións presentadas ao documento do estudio de Detalle correspondente, sino polas numerosas contradicións, indefinicións e rectificacións dos variados informes emitidos por diferentes organismos e institucións oficiais. Xa que logo, Esquerda Unida – Os Verdes non pode nin quere ser partícipe da aprobación dunha nova chapuza urbanística.
O estudo non fai referencia ao aparcadoiro soterrado, orixe da discutidísima actuación construtiva varios años interrompida polas razóns arqueolóxicas xa sobradamente coñecidas. Unha actuación que amosa notables dificultades constructivas que presenta a súa construción como a abundancia de auga salgada, superior aos 400 metros cúbicos ao día que é necesario extraer, canalizar e evacuar ou a reposición da comunicación entre os dous niveles: Paseo e explanada inferior.
En definitiva non consideramos razoablemente viábel a execución do aparcadoiro soterrado, así como tampouco dos locais o superficies comerciais, pois non chega con destinar no planeamento uns metros cadrados, sino que, loxicamente habería que determinar cómo se distribúen estes, e os seus usos pormenorizados e determinados, tipos de comercio, etc. Ademais, cabería preguntarse si no área portuaria necesítanse máis tenda so locais de ocio. Dende Esquerda Unida – Os Verdes entendemos que xa existe unha saturación das mesmas no rebautizado “Cantones Village”.