Aínda que os impostos locais non teñen en conta as circunstancias persoais do suxeito pasivo ao ser de carácter obxectivo, non cabe dúbida que a lexislación permite ao Concello aplicar criterios de progresividade en bonificacións e tarifas.
Desgrazadamente o goberno municipal, en lugar de optar por criterios de xustiza social, como defende Esquerda Unida, propón unhas ordenanzas fiscais inxustas, insolidarias e antisociais porque o conxunto de modificacións repercuten negativamente sobre a calidade de vida dos coruñeses e coruñesas que ven como unha vez máis as políticas do PP fan recaer sobre as costas das familias traballadores as consecuencias dunha crise da que nada tiveron que ver.
Por unha banda increméntanse as taxas que afectan por igual a toda a cidadanía como as relacionadas cun ben de primeira necesidade como o auga, as de instalación deportivas e culturais ou os 51,18 por copia de atestados policiais, taxas que afectan directamente a economía das familias traballadoras, o fai incluso coas relacionadas coa canceira municipal (85-110 € incineración de animais).
Mentres que por outra benefíciase aos especuladores, aos ricos e aos poderosos, así na ordenanza fiscal 11 do Outorgamentos de Licenzas de Nova Ocupación establécese un límite superior de 947 € o que supón unha desgravación encuberta para as licenzas de grande importe, por exemplo unha mansión con un millón de euros de base impoñible debería cotizar 8.000 € en lugar dos 947 de tope máximo establecido.
O goberno municipal con estas ordenanzas está a favorecer a unha élite minoritaria, o podemos observar até nas prestación de servizos e instalacións onde a taxa dun deporte tan popular como a natación custa 1/3 máis que un curso de golf (45,63 € por curso de natación trimestral dous días á semana, contra 28,94 € polo mesmo curso de golf).
Apesares de que o documento recolle demandas de Esquerda Unida que mesmo non foron aceptadas nas alegacións ás ordenanzas do ano pasado, como por exemplo o incremento de taxas a grandes empresas como a refinería e aos bancos estimamos que o incremento é insuficiente.
Xa que logo, apostamos por equilibrar a economía do Concello incrementando as taxas a grandes empresas con beneficios e bancos para poder retirar as subas nas taxas que afectan a maioría social.
Esperamos podamos facer comprender ao goberno municipal que se está a confundir coas ordenanzas fiscais que trae a aprobación inicial e que acepte as nosas alegacións que buscarán, sen perder a prespectiva da situación que nos toca vivir, mellorar a calidade de vida dos coruñeses e coruñesas. Pode estar seguro o goberno local que presentaremos unha proposta factible, real e coherente no seu conxunto.
Caso de especial mención é o suministro e utilización de auga potable, na que se pode observa con claridade como nunha taxa dun elemento fundamental para o mantemento da vida humana o PP aplica unha enorme carga ideolóxica e provoca un beneficio para os máis podentes e os grandes consumidores a consta de castigar as familias traballadoras coruñesas que dispoñen de vivendas máis antigas e aos pensionistas, aos que se lles incrementa 10 € o recibo trimestral, debido por unha banda a unificación da tarifa dos dous servizos existentes na actualidade o caudal de 1,5 m3/hora que se incrementa en 5,1 € por recibo (pasa de 12,2 a 17,3) e o de 2, m3/hora que se reduce en 5 € (pasa de 22,3 a 17,3). Neste sentido temos que ter en conta que as vivendas que dispoñen de caudal de 1,5 m3/hora son as vivendas máis antigas, e moitas dos barrios periféricos, mentres que as de 2,5 m3/hora son todas as modernas e as luxosas. Asemade o goberno municipal aplica unha suba lineal de 5 € para repercutir o custo da nova depuradora de Bens, 4,1 en concepto de vertido (incrementando 5,5 veces a súa carga impositiva ao pasar de 0,9 a 5) e de rede de sumidoiros 0,9 (duplicando a súa carga de 0,9 a 1,8).
Suba que no caso de gobernar Esquerda Unida nunca repercutiría na cidadanía en tempos de crise, senón que a cubriría eliminado gasto superfluo, certas subvencións e investimentos que supoñen malgasto, porque non hai que esquecer que se estima que o custe de explotación e mantemento para A Coruña e área metropolitana da nova EDAR de Bens estímase en 5 millóns anuais pero que segundo datos do Concello o incremento impositivo suporá un superávit de 200.000 €.
REXISTRO DE FACTURAS (VOTO EN CONTRA)
Observamos con perplexidade como o goberno municipal trae a aprobación definitiva das Bases Reguladoras do Rexistro Central de Facturas e Utilización da Sinatura Electrónica Recoñecida nos Procedementos de Xestión de Documentos Contábeis, e da Fiscalización Electrónica no Concello da Coruña sen modificar o texto inicial apesares das serias advertencias que Esquerda Unida indicou na aprobación inicial no referente, entre outras cousas, á presunta ilegalidade que supón a incorporación de referencias explícitas a marcas comerciais e empresas privadas na norma que vulneran o principio de concorrencia ente subministradores, logo de admitilo no Pleno e manifestar a intención de subsanalo, precisamente este foi o motivo polo que Esquerda Unida non presentase alegacións, pois entendiamos que non procedía sacar rédito político dun erro recoñecido polo propio goberno municipal.
Mais a nosa lealdade institucional contrasta coa miopía e incapacidade do goberno municipal, quen lonxe de rectificar, reafirmase na súa chapuza inicial, non so obviando a corrección do erro inicial, senón dando unhas explicacións esperpénticas diante dunha alegación presentada neste sentido polos compañeiros do BNG. Semella incrible que se equipare a inclusión de nomes de empresas nun texto normativo coa publicación do nome de empresas nas adxudicacións. Mais que incrible é unha traxicomedia, comedia pola sen razón argumentativa, tráxico porque o goberno municipal chegue a tal aseveración. Parece mentira que un goberno non saiba distinguir entre o que é a norma e os actos de aplicación da norma
Asemade o devandito informe realiza unha interpretación interesada da lexislación para defender o indefendible e xa que nos poñemos legalistas, como é que o informe non está asinado? por outra banda descoñece o goberno municipal que o artigo 1 da Lei 5/1988 de uso do galego como lingua oficial na Administración Local de Galicia, no seu artigo 1 di que as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das Comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia redactaranse en lingua galega.
Evidentemente dispor dun Rexistro de Facturas é unha medida básica e imprescindíbel, mais é unha magoa que non podamos apoiar unha medida tan necesaria e que durante tanto tempo demandamos, pero o certo é seguro é que o texto final convertese nunha chapuza chea de inseguridades xuerídcas.
É evidente que o Concello da Coruña, como calquera outra institución, promoveu no seu momento un procedemento de contratación do sistema informático de xestión contábel, concurso gañado pola actual empresa subministradora. Mais iso non é obice para que as bases reguladoras consagren a esa ou a outra empresa como o único subministrador posíbel das aplicacións de xestión contábel para o Concello da Coruña, adaptando o texto das bases ás características dun produto concreto dunha marca concreta.
Por outra banda as bases reguladoras obvian unha vella reivindicación dos autónomos e pequenos empresarios das cidade e da bisbarra: que o Concello publique na súa web as facturas que vai pagando, co obxectivo de que os subcontratistas lle podan exixir o pago dos seus servizos aos grandes empresarios, que poñen como desculpa a falta de pago por parte das administracións para atrasar ou non cumprir coas obrigas contractuais contraídas cos autónomos ou as pequenas empresas. Medida que solicitamos que se incluíra no texto final pero o goberno local fixo caso omiso, en todo caso serán os autónomos e PEME coruñesas as que xulguen o desprezo amosado polo goberno municipal as súas xustas reivindicacións, así como a alarmante falta de transparencia do PP e a súa aposta decidida polo escurantismo municipal.
Tampouco compartimos o afán que ten o Concello en incluír a posibilidade de destruír a información contábel, tanto en papel como en dixital, inmediatamente despois de que finalice o período de prescrición da responsabilidade contábel.
Nas bases vixésimo segunda e vixésimo terceira, se di que transcorrido un prazo de seis anos, período de prescrición da responsabilidade contábel, poderá procederse a destrución dos documentos contábeis, tanto os soportados en papel, como os documentos e rexistros electrónicos. Cal é o motivo que ten o Goberno Municipal paa deixar aberta esta posibilidade? Considera tan desafortunada a súa xestión como para considerar a posibilidade de ter que destruíla o antes posíbel?
En definitiva, creemos que o procedemento correcto sería redactar unhas bases que describan as características de xestión que require o Concello para a xestión electrónica e logo buscar un produto que se adapte ás características decididas ou esixir ao actual subministrador que adapte o seu produto a elas.
EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CRÉDITO M3/2012 (VOTO EN CONTRA)
O Goberno municipal trae a este pleno a aprobación inicial do expediente de modificación de crédito M3/2012. Un modificativo que se sustenta na eliminación da paga extra do Nadal aos empregados públicos, un dos moitos recortes antisociais e inxustos que está a impoñer o Goberno de Mariano Rajoy.
Porque o PP, non so comete un abuso social metendo as mans nos petos dos traballadores públicos, senón que comete un grave erro económico, pois este recorte da renda dispoñible das familias traballadoras do sector público vai ter unha repercusión moi grave na súa capacidade de consumo no próximo Nadal, afundindo máis ao pequeno comercio coruñeses e, xa que logo, xerando máis paro e pobreza na nosa cidade.
Si o goberno central amosa a súa ineptitude con este tipo de medidas, a posición do goberno municipal tennos abraiados: en lugar de utilizar estes cartos para reforzar a economía local, o tecido produtivo, o pequeno comercio ou para tecer unha rede pública para loitar contra a exclusión social, transfire as rendas das familias traballadoras cara a grandes conglomerados empresariais, aumentando a brecha existente entre os ricos e o resto da cidadanía, facendo crecer a distancia económica existente entre rendistas que viven a todo luxo a costa do traballo alleo, e as familias que teñen que loitar con uñas e dentes para dar de comer aos seus fillos.
Do total do importe do expediente de modificación de crédito, o Goberno Municipal vai transferir 216.000 euros a empresas de telefonía, 404.000 euros a unha multinacional de tratamento de residuos e 700.000 euros a empresa privada que xestiona o transporte colectivo municipal. Diante destas cifras 0 € en reactivación económica, 0 € en promoción do cambio do modelo produtivo, uns exiguos 75.000 € para emerxencia social e uns irrisorios 5.000 € a un proxecto de colaboración internacional. Este é o reparto económico ao que nos ten acostumados o Partido Popular en todo o Estado: 98% dos cartos para multinacionais e empresas privadas e 2% para a xente do común.
Aparte das consideración políticas, que unha vez máis poñen de manifesto as diferenzas entre os partidos políticos de dereitas que favorecen aos ricos a costa dos humildes e os partidos políticos alternativos, que queremos facer o contrario. Falemos agora das eivas de xestión que este expediente de modificación de crédito pon de manifesto.
En primeiro lugar, repetir o que vostedes se cansaron de dicir durante todos os anos que estiveron na oposición. Cada expediente de modificación de crédito é unha mostra de mala planificación orzamentaria. É incrible que o PP, que sempre quere poñerse a condecoración de partido que mellor xestiona os recursos públicos leve a esta altura do ano o terceiro expediente de rectificación da súa xestión. ¿Non teñen vostedes suficientemente claros os criterios de xestión que teñen que aplicar no manexo do Concello, que teñen que cambialos tres veces en dez meses?
En segundo lugar, subliñar que os informes da intervención xeral do Concello xa advertían ao goberno municipal de que isto pasaría, porque o orzamento estaba realizado baixo unhas premisas irreais que obrigarían a rectificalo, máis vostedes non fixeron caso aos órganos de fiscalización no seu momento, nunha clara mostra de arrogancia e prepotencia e agora atópanse coa tozuda realidade: non hai cartos para facer fronte ás obrigas, pero vostedes seguen a malgastar en festexos.
Con todo, o máis grave é que outra vez máis o Goberno Municipal está a acudir ao mecanismo do recoñecemento extraxudicial de crédito. Non entenden que cada vez que un equipo de xestión utiliza este mecanismo o único que está a facer e recoñecer a súa incapacidade?
En definitiva, nada novo baixo o sol, o goberno municipal aplica as políticas económicas da dereita máis extrema, para que logo afirme o Sr. Alcalde que no século XXI non existen dereitas e esquerdas. Pero o peor de todo é que pretende facernos pasar por parvos aos coruñeses e coruñesas pois o fai baixo o falaz pretexto da austeridade, da solvencia e da boa xestión, algo que deixei claramente demostrado que non está a cumprir este goberno municipal.
É isto o que vostedes propoñer para saíres da crise? Non cabe dúbida de que así o lograrán, claro: as clases ricas e poderosas, é dicir vostedes e os seus amigotes, sairán da crise máis enriquecidos a costas das familias traballadoras.
Xa o temos dito en anteriores ocasións, si vostedes non teñen ideas para promover a reactivación económica local, si se ven incapaces de xerar emprego na nosa cidade, polo ben dos coruñeses e coruñesas, escoiten as nosas propostas, apóiense na oposición para loitar por unha Coruña prospera.
EXPEDIENTE DE MODIFICACIÓN DE CREDITO IMCE (VOTO EN CONTRA)
O goberno municipal trae a este Pleno a aprobación dun modificativo de crédito do IMCE que inclúe o pagamento dunha factura a través dun recoñecemento factura extraxudicial de obligacións constitúe un claro exemplo do porque do slogan do 15M “non hai pan para tanto chourizo”, coreado e asumido maioritariamente pola cidadanía. Con este tipo de accións corporativistas, onde os uns encubren os chanchullos dos outros, non é de estrañar a desafección da xente do común coa política e os políticos, nin tan pouco que a casta política ocupe o terceiro lugar entre as preocupacións da cidadanía como reflicten as enquisas.
Aínda que este escándalo non foi xerado polo actual goberno municipal, quero lembrarlle ao PP que non so é culpable quen comete unha falta, senón que tamén o son aqueles que a agachan e a admite.
No caso que nos ocupa atopámonos diante dunha factura de fai tres anos por un custo que non sabemos se é o adecuado, e que inclúe un pago a Pan Gallego Artesano en compensación polos días que non poio explotar a súa concesión de 15.000 euros más IVE, que tampouco sabemos se é o correcto.
Os recoñecementos extraxudiciais de obrigacións supón, de feito, o recoñecemento da existencia de deficiencias na xestión dos fondos públicos, ben por presupostar incorrectamente, ben por contratar servizos ou suministros de maneira irregular. Motivo polo cal en Esquerda Unida rexeitamos a utilización deste recurso que connota mala praxe na xestión da cousa pública.
Evidentemente bloquear o pagamento das facturas mal orzamentadas ou xestionadas supón facer recaer sobre a economía das empresas subministradoras os erros da Administración municipal, afogando máis ao tecido produtivo local, máis neste caso existen claros indicios de compricidade da empresa cos xestores para saltarse o procedemento administrativo, polo que Esquerda Unida – Os Verdes propón ao goberno municipal que poña inmediatamente este expediente en coñecemento da fiscalía, do Consello de Contas e do Tribunal de Contas e iniciar o expediente sancionador ou de responsabilidade patrimonial contra aquel o aqueles responsables de esta chapuza que custará aso coruñeses e coruñesas preto de 30.000 euros.
Proposta que sen lugar a dúbidas executaríamos nos no caso de obstentar o goberno municipal.
Esta non é a primeira vez que en base á argumentación do enriquecemento inxusto, o Goberno Municipal actúa en complicidade con anteriores gobernos locais pretendendo legalizar irregularidades mediante o sometemento a aprobación do Pleno de chapuzas administrativas que son lesivas as arcas municipais e, xa que logo, prexudican os intereses dos coruñeses e coruñesas. Dende logo non conten con Esquerda Unida para este tipo de trapalladas. Xa esta ben de que os culpables destas desfeitas saian de rositas sen que sen tomen medidas contra os responsables. Si o que a fai non a paga seguiremos a ver como desfilan unha tras outra irregularidades administrativas que lles saíran gratis aos responsables.
APROBACIÓN DEFINITIVA ESTUDO DETALLE PARA ORDENACIÓN DE VOLÚMENES DO COLEXIO PEÑARREDONDA (ABSTENCIÓN)