Plenos Ofimático y Liquidación 2010

Parque Ofimático

En Esquerda Unida – Os Verdes consideramos que os argumentos esgrimidos polo Goberno Municipal para cancelar as obras de urbanización do parque ofimático teñen escasa credibilidade.

 

A Lei de Contratos do Sector Público é moi clara neste punto: “Non se pode adxudicar unha obra si os técnicos da administración non certifican que os terreos para a súa execución están dispoñíbeis”.

 

No expediente correspondente a este asunto aparecen ditos informes técnicos. Non podemos entender que os funcionarios municipais que no mes de maio certificaron a dispoñibilidade dos terreos, poidan certificar tres meses despois xusto o contrario. É de difícil comprensión que os informes sirvan para xustificar unha decisión co Goberno do PSOE e a decisión contraria con Goberno do PP.

 

Pero independente dos motivos esgrimidos polo Goberno municipal e a súa dubidosa credibilidade, Esquerda Unida – Os Verdes quere expresar alto e claro a súa máis absoluta solidariedade coas 300 familias de cooperativistas que depositaron a ilusión e a esperanza de conseguir un fogar propio neste polígono.

 

Parécenos incríbel que en plena crise económica o Goberno Municipal do PP incumpra o seu programa electoral e en lugar de tomar medidas para favorecer a actividade económica, o que faga sexa conxelar inversións xa comprometidas.

 

Escoitamos todos os días a destacados membros do PP falar do exceso de malgasto nas administracións e da necesidade da austeridade na cosa pública. Tal e como está a prema de risco, financiar con letras do tesouro 41 millóns de euros nos costa aos españois so en intereses máis de 5.000 euros diarios. En Esquerda Unida non entendemos que pagar 5.000 euros diarios de intereses por uns cartos que non se invisten sexa un comportamento austero.

 

A ineficacia é outra forma máis de malgasto, neste casou n malgasto cruel coa veciñanza que o está a pasar moi mal por mor da crise. Ter conxelados durante 6 meses eses 41 millóns de euros significa que os bancos dispoñen de 41 millóns de euros menos para prestar en forma de créditos as PEME, autónomos, cooperativas e pequenos comercios nuns momentos nos que están afogados pola falta de liquidez. Tamén significa que os autónomos e as subcontratas de esta cidade terán que atrasar a súa participación nas obra suspendidas e pospoñer as execucións dunhas actividades que xa tiñan programadas o que lles ocasionará un grave problema de supervivencia.

 

Tamén queremos lembrar que paralizar esta obra está a atrasar os investimentos que cooperativistas e promotores farán cando o grado de urbanización do polígono sexa suficiente para comezar a construcción dos edificios de vivendas previstos.

 

En definitiva o Goberno do PP non so está a faltar a palabra dada en campaña electoral de promover a creación de emprego, senón que está a facer todo o contrario atrasando a chegada dun investimento vital para o futuro económico da nosa cidade.

 

É curiosa a actitude tan diferente do Goberno Municipal en dous temas de máxima actualidade: Por un lado no caso do Edificio Conde de Fenosa, onde os damnificados serían os propietarios de pisos caros do centro da cidade, o Goberno Municipal non ten problema en tranquilizar unha e outra vez os afectados repetindo hasta a saciedade que ningún deles vai saír prexudicado e que en todo caso se pagará a costa dos cartos de toda a cidadanía o que sexa necesario para que ningún deles sufra a máis mínima molestia ou diminución do seu patrimonio.

 

Con todo, no caso do Ofimático, onde os afectados son familias traballadoras que teñen que facer grandes sacrificios para poder manter en pé as cooperativas que promoven as súas propias vivendas, o Goberno do PP actúa doutra maneira: paraliza as obras sen previo aviso prexudicando gravemente ás familias cooperativistas; nom xira as cotas de urbanización; non atende as demandas dos cooperativistas coa dilixencia debida; nin tampouco resolve os problemas de tramitación das parcelas.

 

A explicación deste dobre proceder so se pode atopar na dobre moral dun Goberno de dereitas que o demostra sen pudor.

 

O esforzo desenvolvido polos cooperativistas durante todos estes anos non pode truncarse por unha decisión arbitraria do Goberno Municipal. A mesma Constitución di que as administracións públicas teñen o deber de ordenar o urbanismo co obxectivo de facilitar o acceso da cidadanía a vivenda, xusto o contrario do que está a facer o PP neste momento.

 

A decisión de paralizar a urbanización supón un afogamento económico para os cooperativistas, que teñen que facer fronte, ademais dos gastos da súa vivenda habitual ao pago da hipoteca e aos custos de xestión da cooperativa. A situación xerada polo Goberno Municipal favorece os intereses especulativos dos promotores, entre eles a Xunta de Galicia, que prefiren esperar tempos mellores para construír e facerse mentres tanto coas parcelas dos cooperativistas coa intención de aumentar os seus xa desmedidos beneficios.

 

En Esquerda Unida – Os verdes entendemos que con esta decisión o Partido Popular ponse do lado dos especuladores, a minoría púidente desta cidade, e demostra que antepón os intereses partidistas da Xunta aos da maioría da veciñanza da Coruña, xusto o contrario da postura de Esquerda Unida, pois nos estaremos sempre do lado das familias traballadoras representadas neste caso polos cooperativistas.

 

A Lei de Contratos del Sector Público, no seu artigo 110 di que “previamente á tramitación do expediente de contratación da obra, procederase a efectuar o replanteo da mesma, o cal consistirá en comprobala realidade xeométrica da mesma e a dispoñibilidade dos terreos precisos para a súa normal execución que será requisito indispensable para a súa adxudicación en todos os procedementos.

 

Segundo o argumentado polo Goberno Municipal, no momento de paralización da obra os terreos precisos para o normal desenvolvemento da urbanización do Polígono do Parque Ofimático non estaban dispoñíbeis para o inicio da obra.

 

¿Pretenden dicir sen dicilo que o Goberno Municipal bipartito adxudicou unha obra de 41 millóns  de euros saltándose a Lei de Contratos do Sector Público?

 

Esquerda Unida – Os verdes considera que si a causa que o PP alega para parar un dos maiores contratos de obra pública da historia da cidade é que o Goberno anterior fixo unha adxudicación irregular o que terían que facer é denuncialo ante a fiscalía.

 

Pero o que semella é que todo o fervor reivindicativo que presentaba o Partido Popular cando estaba na oposición en contra da, segundo vostedes mesmos, “nefasta xestión do goberno bipartito”, trócase en camaradería co PSOE nada máis tocar poder.

 

E do mesmo modo que as denuncias feitas na campaña electoral referentes ao Edifico Conde de Fenosa ou ao caso Relámpago trocaron ao día seguinte das eleccións nunha complicidade cos responsábeis do problema que dificulta a depuración de responsabilidades dun dos feitos máis prexudiciais para as arcas municipais da historia da cidade; tamén as denuncias pola nefasta xestión do bipartito no asunto do Ofimático vólvense unha crítica tibia agora que teñen autoridade suficiente como para proceder a unha depuración de responsabilidades que esquivan a toda costa.

 

Algún día terá que explicar o PP porqué en lugar de ter o Sr. Francisco Vázquez, membro relevante do PSOE, sometido a unha comisión de investigación polo asunto do Edificio Conde de Fenosa, o que fan é recibilo nos seus despachos con todas as honras para falar, segundo as súas propias palabras, de asuntos de mutuo interese.

 

Unha cosa está ben clara si as obras do Ofimático están paralizadas o ben cometeu unha irregularidade o PP o ben a fixo o PSOE. Por iso Esquerda Unida – Os Verdes anuncia que si nin uns nin outros levan o caso a fiscalía en relación ás irregularidades denunciadas por ambos neste pleno, seremos nos os que presentemos  o acta desta reunión plenaria ante a fiscalía para que investigue os feitos denunciados por ambos partidos.

 

Nos non faremos o que os demais grupos presentes neste Pleno. Non esperaremos de brazos cruzados a que se produza un novo escándalo que dentro duns anos resulte no pago dunha indemnización millonaria a consta da cidadanía coruñesa. Nos acudiremos inmediatamente a fiscalía.

 

Modificativo de Crédito

O Goberno municipal trae a este pleno extraordinario a aprobación definitiva do expediente de modificación de crédito M1/2011, o cal non sufriu ningún cambio en relación ao aprobado inicialmente, coa abstención de Esquerda Unida, polo Pleno do Concello o día 12 do mes pasado, habida conta que non foron admitidas as alegacións presentadas.

 

Xa que logo, a posición de Esquerda Unida – Os Verdes non varía coa mantida no debate da aprobación inicial. Non podemos aceptar a aplicación regular do recoñecemento extraxudicial de obrigacións pois supoñen, de feito, o recoñecemento da existencia de deficiencias na xestión dos fondos públicos, ben por presupostar incorrectamente, ben por contratar servizos ou subministracións de maneira irregular.

 

So podemos chegar a entender o uso deste recurso con facturas de importes menores e de maneira ocasional e extraordinaria, sempre que sexa para afrontar unha situación de urxencia. Por iso o noso voto non pode ser favorábel pois nunca avalaremos que se aplique esta practica como estrataxema para legalizar unha mala praxe que supera os 5 millóns de euros.

 

Evidentemente bloquear o pagamento das facturas mal orzamentadas ou xestionadas non é para nos unha opción xa que suporía facer recaer sobre a economía das empresas subministradoras os erros da Administración municipal, afogando máis ao tecido produtivo local, incidindo máis na crise económica e a destrucción de emprego.

 

Mais o pagamento das facturas non significa que non se depuren as posíbeis responsabilidades que se deriven destas irregulares actuacións, motivo polo cal instamos ao Goberno municipal a promover unha Comisión de Investigación para que a cidadanía coruñesa coñeza con claridade os feitos. Porque xa estamos cansos de compadreos e que os uns tapen aos outros.  Fieis ao noso compromiso de control e fiscalización adquirido coa cidadanía, esiximos transparencia e limpeza na xestión dos fondos públicos para evitar que se poidan repetir este tipo de comportamentos afastados dunha xestión pública honesta.

 

Tamén esiximos medidas correctoras que eviten a mala xestión dos fondos públicos como a necesidade de desembolsar cartos destinados a intereses de demora por non ter afrontado en tempo o pagamento dalgunhas facturas ou o medio millón de euros dedícanse a paliar o mal funcionamento do tratamento de residuos sólidos da cidade.

 

O Goberno municipal pode ter a absoluta seguridade que contará co apoio do noso grupo municipal para aplicar as medidas correctoras oportunas que permitan resolver as eivas anteriormente citadas.

 

Conta Xeral 2010

Esquerda Unida – Os Verdes non pon reparos a execución técnica da liquidación da Conta Xeral do 2010, motivo polo cal anunciamos o noso voto positivo.

 

Mais isto non significa que apoiemos a xestión do Goberno bipartito, de feito a rexeitamos profundamente. Basta dicir que a intervención xeral, tan só durante o ano 2010 presentou reparos de legalidade a 134 facturas cun importe total de case tres millóns e medio de euros. Facturas que contiñan defectos de forma ou non se axustaban ao procedemento legalmente establecido como o sistema de telecomunicacións da Policía Local, servizos de limpeza ou subministración de gasóleo. Curiosamente as contratacións fraccionadas no 2011 dos dous últimos conceptos son as que vimos de denunciar recentemente con múltiples contratacións por importe superior aos 4 millóns de euros.

 

A devandita coincidencia da argumentos para dubidar das verdadeiras intencións do anterior Goberno municipal. Con todo Esquerda Unida está aquí, entre outras cousas, para velar polo correcto investimento dos cartos públicos. Os coruñeses e coruñesas poden ter a absoluta seguridade de que traballaremos de arreo para que se cumpra estrictamente a legalidade, non cesaremos de investigar e denunciar todas as actuacións que consideremos irregulares.

 

Por outra banda, e como xa transmitimos en anteriores ocasións, a liquidación do 2010 tamén trae consigo a desagradábel nova de que o importe total das débedas que o concello ten pendente de cobro ascende a máis de 70 millóns e medio de euros. Asemade, a cancelación da débeda no exercicio 2010 ascendeu a máis de dous millóns e medio de euros, prescribindo máis de 100.000 euros sen que o concello fose quen de proceder a súa recadación.

 

En definitiva os coruñeses e coruñesas temos secuestrada unha terceira parte do orzamento anual do Concello  debido á pésima xestión dos cartos públicos desenvolvidas polos anteriores gobernos que semella agora terá continuidade co Goberno do PP quen no último pleno ordinario opúxose á solución presentada por Esquerda Unida para resolver esta lamentábel situación mediante un convenio de colaboración coa Deputación provincial da Coruña que no ano 2010 obtivo unha porcentaxe de cobro en executiva aproximada do 50%, mentres a do Concello foi dun 9%.

 

Ata agora a responsabilidade foi do Goberno bipartito, mais de repetirse a situación o PP será o único responsábel de que os cartos da cidadanía coruñesa estean retidos polos morosos.

Relacionados