Esquerda Unida esixe que o Concello desenvolva as accións necesarias para que se retire a pluma de construcción que leva abandonada máis dun ano en Eiris, durante todo este tempo non se lle deu ningunha utilidade. Asemade a falta de control e mantemento fai temer a algúns veciños que poida caer co perigo que iso pode supoñer para a seguridade da cidadanía, porque xa temos experiencia do perigo que supón unha pluma sen vixilancia, aínda máis cando está tan preto das vivendas.
Asemade, existen dúas casetas de obra que xa están cubertas polas silveiras, e restos de materiais diseminados arredor, porque non se está a desenvolver ningunha obra. Veciños da zona comentan que de alí saen ratas que cruzan a estrada, cerca das vivendas.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes preguntará no Pleno si o goberno municipal ten intención de actuar diante destas eivas denunciadas pola veciñanza, limpando a maleza e materiais, e retirando pluma e casetas, dado que non se está a facer ningunha obra e non hai constancia de mantemento.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal debe actuar con celeridade diante deste tipo de eivas que producen molestias e temor a cidadanía pero teñen unha rápida e sinxela solución”.