PNL sobre proxecto Corcoesto

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda , a iniciativa dos deputados, Antón Sánchez e Yolanda Díaz, e a través do seu voceiro Xose Manuel Beiras Torrado, presentou unha Proposición non de Lei relativa ao proxecto mineiro de Corcoesto na que se insta á Xunta a elaboración urxente dun Plan Especial de Desenvolvemento Económico da Comarca de Bergantiños co obxetivo de buscar alternativas sostibles para a zona.

Actualmente estase a tramitar o proxecto mineiro de extracción de recursos auríferos, a iniciativa de Mineira de Corcoesto SL, que solicita licencia de explotación mineira para unha área de máis de catrocentas hectáreas de terreo pertencente aos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco.

Dito proxecto terá un impacto ambiental, económico e social moi negativo a longo prazo pola contaminación producida polos residuos do proceso químico de cianurización, pola balsa de residuos e os riscos de rotura da mesma, polo enorme consumo de recursos acuíferos necesarios, e polo evidente impacto negativo nas actividades agrícolas, gandeiras e de turismo na zona.

Aproveitase para xustificar o impacto negativo do proxecto mineiro os altos niveis de paro na zona diante cuxa problemática a administración autonómica leva feito pouco ou nada.

Na opinión do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda as políticas de creación de emprego en Galicia deben de ser con solucións sostibles a todos os niveis e baseadas na innovación, coñecemento e no respecto ao medio ambiente, como fonte de benestar e riqueza.

Diante da inacción da Xunta de Galicia que non foi quen de propoñer alternativas de creación de riqueza e emprego na comarca e por iso o Grupo Parlamentario presentou esta Proposición non de Lei na que se insta ao goberno da Xunta de Galicia a poñer os medios técnicos e económicos necesarios para a elaboración urxente dun Plan Especial de Desenvolvemento Económico da Comarca de Bergantiños, enfocado a desenvolver as potencialidades da comarca con alternativas viábeis e sostibles de creación de emprego e riqueza, a partir do desenvolvemento e aproveitamento sostible dos recursos naturais da zona, a modernización e adecuación da agricultura, o fomento da agricultura ecolóxica, a potenciación do turismo rural de calidade e a implantación de empresas de servizos.

Deste xeito o conxunto de iniciativas resultado deste Plan serán a alternativa escollida para o desenvolvemento da comarca fronte á extracción de ouro a ceo aberto e mediante o método de cianurización

Relacionados