Pobreza infantil

Esquerda Unida solicita ao goberno municipal unha resposta fronte ao incremento da pobreza infantil. A pobreza infantil aumentou seis puntos en Galicia dende o ano 2007, cando comezou a crise económica, superando na actualidade ao 22%, da poboación infantil. O INE cifra en 466.000 os galegos e galegas que viven por baixo do umbral da pobreza, e en 30.000 os fogares da comunidade nos que non hai ningún tipo de ingreso. Esta foi a razón pola que os servizos de Cáritas en Galicia pasaron de atender 30.326 a 111.466 persoas nos cinco últimos anos. O propio Valedor do pobo está a investigar este informe.

EU Propón un plan liderado polo Concello que vertebre e coordine a loita contra a pobreza. Creando novos servizos municipais de protección social como a Rede Municipal de Comedores Sociais Públicos instaurada nos distintos barrios e centros educativos, para asegurar que todos os coruñeses teñan acceso a unha alimentación digna, e un Centro Municipal de Inclusión Social (CIMS), un centro polivalente que permita unha acción integral en prol das persoas que se atopan temporalmente en situación de necesidade, pero tamén dar resposta aos elementos estruturais para paliar a situación de emerxencia.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes contrapón a labor de colectivos como Cáritas, fronte á covardía de Negreira, que prefire mirar só polas súas inauguracións con fins electorais. Esta é a realidade como amosan diversos estudos a pesar de que o Sr. Negreira estea empeñado en esconder esta realidade, e o que é máis penoso, en ignorala. Realidade que ten que ver, evidentemente, coa economía da familia, pero tamén coa falla de bolsas para o comedor escolar ou coa escaseza de axudas para os estudos… en definitiva, con todo o círculo de protección social que se ten erosionado polo PP coa desculpa da crise. Ë evidente que sen crecemento económico é imposible a estabilidade das sociedades, pero tamén o é que de nada vale este crecemento si non ben acompañado dun incremento do benestar social da maioría. Por iso todas as políticas sociais teñen que ter un ollo no crecemento económico, pero tamén as políticas redistributivas e de xustiza social.

O voceiro de EU-V, César Santiso, sinalou que “a pesar das múltiples aparicións do Alcalde, inaugurando aquí e acolá as persoas máis empobrecidas e os seus fillos seguen estando aí. Os tempos que corren non son para andar de fachenda, se non para deixarse a pel na procura de por remedio a esta situación dende un prisma público, porque non chega con apoiar ás ONG a modo de beneficencia privada, senón que hai que incrementar servizos sociais públicos, que son outorgadores de dereitos”.

 

Relacionados