Pola erradicación da pobreza

 

Cúmprese o sesenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que recorda que tódolos seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos, que a loita contra a pobreza non é un acto de caridade senón un asunto de dereitos económicos e sociais que toca a tódalas persoas. Tódolos nenos e nenas, mozos e mozas, homes e mulleres teñen o dereito humano de ter un estándar de vida adecuado para a súa saúde e benestar, comida vivenda, atención médica e servizos sociais. A crise financeira as metas de axuda o desenrolo, nun mundo interdependente, non pode ser escusa para deixar as persoas atrás.

A Pobreza é unha violación dos dereitos humanos, Alternativa Galega de Esquerda promove un conxunto sólido de políticas sociais e económicas para estimular a inversión e manter un crecemento inclusivo. Os gobernos deben resistir a presión de reducir os servizos e asegurar as redes de seguridade social, é especialmente importante que os agricultores e os pequenos empresarios teñan as proteccións e oportunidades que precisan para mellorar os seus niveis de vida.

Economía local e dereito a vivenda

Yolanda Díaz, segunda candidata pola provincia de A Coruña, defendeu onte “a creación e desenvolvemento de estratexias nacionais de desenrolo e de redución da pobreza que melloren as oportunidades e apoien a súa participación en procesos de desenvolvemento”.

A candidata destacou, neste senso, as medidas de Servizo Integral de Apoio a Emprendedores, incluídas no programa da coalición, encamiñadas a que cooperativas, autónomos e PYMES poidan cubrir as necesidades básicas as que se enfrontan na súa primeira etapa. “Unha taxa que cubra custes de xestión permitirá acceder mediante uso compartido a oficinas, bolsa de locais, servizos de comunicacións, loxística e administrativos, ou asesoramento contábel, laboral e tributario”.

No tocante ao dereito a vivenda, a principal proposta céntrase no parque público de aluguer social. Yolanda Díaz declarou que “nestes momentos os bancos posúen un gran stock de vivendas que, pese ao diñeiro inxectado nesas entidades para rescatalas, non foron recuperadas polos gobernos para garantir o dereito constitucional de acceso á vivenda por parte da cidadanía”. Alternativa Galega de Esquerda propón expropiar tódalas vivendas en mans dos bancos e das grandes promotoras, para crear con elas un parque público de vivenda en réxime de aluguer social, as primeiras en ser expropiadas serían as vivendas que pasasen por un proceso de desafiuzamento, que serían alugadas cunha renda accesible a aquelas familias desaloxadas.

A cuestión alimentaria

Antón Sánchez, terceiro candidato pola provincia de A Coruña, centrouse na cuestión alimentaria e de produción agrícola, onde as propostas pasan por asegurar o aproveitamento dos recursos existentes e a construción dunha Empresa Galega para Asegurar a Soberanía Alimentaria

O candidato mostrouse convencido de que ”a situación actual na que miles e miles de toneladas de comida que son destinadas ao lixo tódolos anos por hipermercados, grandes superficies e supermercados pertencentes a grandes cadeas de distribución non pode continuar”. Alternativa Galega de Esquerda propón sancionar administrativamente esta conduta, obrigando aos hipermercados, grandes superficies, e supermercados pertencentes ás grandes cadeas a depositar en bancos de alimentos aquelas mercadorías que estean próximas á súa data de caducidade, sancionando con fortes multas o seu refugallo. A este fin habilitaríase aos servizos públicos de recollida de residuos como mecanismo de inspección e verificación.

No tocante a soberanía alimentaria, Antón Sánchez acudiu as cifras para expoñer que “preto do 25% dos galegos e galegas atópanse en risco de exclusión social, mentres os prezos dos alimentos medran exponencialmente por mor da crise ecolóxica, enerxética e alimentaria. Diante desta situación cómpre asegurar a soberanía alimentaria mediante a promoción da agricultura ecolóxica no territorio galego para cubrir as necesidades de produtos agrarios básicos, o que permitirá reactivar un sector económico e crear postos de traballo de maneira sustentábel. En definitiva trátase de recuperar a riqueza natural galega como forma de reactivación económica e xeración de emprego estábel e de calidade.”

As medidas de Soberanía Alimentaria incluirían o seguinte:

–      Convenios para converter fincas abandonadas en terras produtivas.

–      Soporte técnico e formación cara unha agricultura ecolóxica autosuficiente.

–      Convenios cos produtores para garantir prezos dignos en orixe.

–      Coordinación de redes alternativas de distribución para asegurar un prezo xusto para os consumidores finais e o abastecemento do banco de alimentos e ONG

–      Promoción de cooperativas agrarias de desempregados para explotar as fincas.

–      Recuperación e transformación de zonas verdes improdutivas para fomentar unha rede de hortos urbanos con verxeis de froiteiras e xardíns sustentábeis

–      Xestionar xardíns, parques e demais espazos verdes.

–     Xestión sustentábel tanto económica como medioambientalmente da limpeza de bosques sustentábel tanto e montes para evitar incendios e recuperar e potenciar os nosos montes como espazos de lecer ecolóxicos, aproveitando os rastroxos para xerar enerxía tanto en formato biomasa como biodiesel e os refugallos para crear abono orgánico (compost) para cubrir as necesidades das cooperativas agrarias galegas de desempregados e outras labregos galegos.

Yolanda Díaz e Antón Sánchez concluíron declarando o firme compromiso de Alternativa Galega de Esquerda de iniciar unha nova etapa de desenvolvemento económico e social no país a partir do día 21 de outubro.

 

Relacionados