Pola legalidade e igualdade

 

Esquerda Unida anuncia que grazas a súa denuncia, o Concello abre un expediente de reposición da legalidade urbanística aos promotores dunha obra na Avda. das Xubias, en contestación a unha pregunta escrita presentada polo noso grupo municipal o 18 de xaneiro na que denunciabamos a dita situación irregular.

 

Ese mesmo día, EU-V facía pública a devandita situación de irregularidade, logo de que membros da nosa organización comprobasen os feitos denunciados polos veciños e veciñas da zona.

 

Así pois, logo de mostrar o noso interese polo tema, os promotores tentaron legalizar a situación e obtiveron a necesaria licenza, outorgada polo Concello en Xunta de Goberno do dous de febreiro. Ao ter constancia desta situación EU-V esixiu que se abrise o correspondente expediente sancionador.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes inicia unha campaña contra as ilegalidades e a prol da igualdade en canto a dereitos e deberes de todos os cidadáns da Coruña. Porque acadar unha cidade xusta e igualitaria é posíbel si colaboramos entre todos e todas, os cidadáns denunciando e EU-V trasladándoo ao Concello e vixiando para que o Goberno municipal non mire cara outro lado.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, animou a cidadanía a informar ao seu grupo municipal das situacións irregulares que coñezan “a veciñanza pode estar segura de que atenderemos todas as súas queixas, non escatimaremos recursos nin esforzos nesta xusta tarefa”.

 

Batería de preguntas de EU-V e resposta do Goberno municipal:

1.-   Coñecía o Goberno municipal esta irregular situación? Non.

2.-   Como resolveu o ten pensado resolver o devandito problema? Deste asunto deuse traslado á Sección de Disciplina Urbanística para abrir un Expediente de Reposición da Legalidade Urbanística.

3.-   Ten pensado o Goberno municipal actuar contra os infractores? Por suposto, en aplicación da Lei do chan e o seu Regulamento de Disciplina Urbanística.

Relacionados