Polémica aprobación do PXOM

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que o PP, por intereses partidistas, apresurou a aprobación do PXOM á semana grande para cercenar a labor da oposición e evitar o control da cidadanía. Efectivamente sabedor de que os voceiros dos grupos da oposición máis críticos co PXOM non poderían acudir ao Pleno o convocou adiantandoo de maneira innecesaria porque como ben sabemos a pesares da súa aprobación provisional os trámites administrativos non comezarán até o mes de setembro por ser o mes de agosto un mes practicamente inhábil a nivel administrativo, xa que logo, o adianto do Pleno non trae ningún beneficio para a cidadanía, nin para a cidade, como falazmente pretende facer crer o alcalde, senón todo o contrario ao supoñer a súa convocatoria un novo malgasto, tanto de dietas dos concelleiros como os propios custes de xestión do Pleno.

Así pois se a súa aprobación en plena semana grande non ten beneficio algún, semella que tal desafortunada e pouco demócrata decisión débese a intereses espurios do goberno municipal que pretende favorecer a promotores e facer unha amnistía urbanísitica coas ilegalidades, desvirtuando o documento inicial de Joan Busquets porque  aínda que o número de vivendas descende debido a actual conxuntura económica e o plan incorpora criterios de sustentabilidade ou de mellora da calidade de vida da cidadanía, desgrazadamente séguese a incidir no caduco modelo do ladrillo e o formigón, máis aínda logo das modificacións do PP ao plan aprobado inicialmente

Así, entendese porque o documento se entregou incompleto e con múltiples erros a pesares do grande traballo desenvolvido polos empregados públicos. O PP forzou a situación para que o PXOM pasase desapercibido aos coruñeses e coruñesas, que non teñen opción de alegar, sabendo que estaba a actuar de maneira chapuceira como o demostran as múltiples correcións de erros.

Esquerda Unida considera un grave erro gobernar con espirito revanchista tal e como o está a facer o PP. Todos os sabemos que os anteriores gobernos municipais actuaron con falta de transparencia e o seu espirito democrático limitouse ao mínimo que esixe a lei, como o demostra o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) un regulamento de baixa calidade democrática e participativa. Mais non é desculpa para que agora o goberno municipal actúe de maneira similar e pretenda pagar á oposición coa mesma moeda. Esta é unha actitude hipócrita pois cando o PP estaba na oposición denunciaba constantemente esta situación e se presentaron ás eleccións municipais baixo o eslogan do cambio. Con todo, lonxe de producirse o dito cambio o goberno local está a profundar nas eivas democráticas de anteriores gobernos e é normal escoitar en boca dos seus concelleiros o pueril argumento do  “e ti máis”. Por exemplo cando denunciamos a falta de tempo para estudar os datos do PXOM, máis de 4 Gb. de información en catro días, o concelleiro de urbanismo argumentou que os anteriores gobernos daban menos tempo.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal está a prexudicar os intereses dos coruñeses e coruñesas ao gobernar dende o rencor e a ira, bloqueando as iniciativas da oposición e obviando propostas a pesares de ser beneficiosas para a veciñanza, solicítolle que cambie a súa actitude porque, polo ben da cidadanía, é necesario o diálogo o consenso e a lealdade institucional, dende EU-V estamos dispostos a facelo”.

 

Relacionados