Sendo definido o Urban como un proxecto para a rexeneración urbana dos barrios históricos de orixe da cidade marítima de Ferrol, para Esquerda Unida esta rexeneración tan só pode ter un tratamento integral e non actuacións parciais que nunca acadarán o obxectivo que é o fin de promover un desenvolvemento urbano sostible.
A día de hoxe, e así o sabe a veciñanza de Ferrol, e deste xeito foi transmitido ao Grupo Municipal de EU en diferentes reunións, o Urban está a rexenerar os barrios con obras das que se fai uso electoralista, necesarias pero eivadas, xa que dan un tratamento parcial aos barrios de Ferrol Vello, Canido e A Magdalena.
Como di Javier Galán, potenciar grandes áreas comerciais como a do Boial e crecemento urbanístico no extrarradio é todo o contrario a idea do desenvolvemento urbano sostible e da dinamización do comercio local que propón a Unión Europea a través do Urban. No mesmo sentido, pouco axudan a un urbanismo planificado as decisións improvisadas, como a tomada polo Concelleiro Langtry, que, sen debate nin coa oposición nin cos comerciantes nin cos veciños desas rúas, decide, de motu propio, peatonalizar Pardo Baixo e tramos da rúa Magdalena e María. Lamentamos que ese sexa o máximo respecto que pode amosar o concelleiro cara a cidadanía, respecto sempre subordinado ao amiguismo e aos fines particulares. É tamén nos preguntamos se é esa a negociación coa oposición que sempre procura o goberno municipal, como ven de presumir a voceira Martina Aneiros, con decisións unilaterais e improvisadas, cando está en plena elaboración o proxecto dunha supermazá, que moito nos tememos, volverá responder a intereses partidistas máis que en beneficio da cidade.
Para Esquerda Unida a idea dunha cidade é a de cidade compacta, achegada aos seus veciños, tanto en servizos como en infraestruturas públicas. Pero dende logo non chega con rúas aseadas e modernas se as vivendas caen sen remedio. Asemade, non se entende que existindo unha ordenanza que permite constrinximentos e incluso expropiacións non se lle dea uso á mesma, quizais relacionado co feito evidente do proceso continuado de acumulación de propiedades nestes barrios nos últimos anos, de forma que moitas desas vivendas estean en mans de grupos empresariais ou de catro o cinco particulares, comprometidos co negocio especulativo.
Para Esquerda Unida é necesaria unha política urbanística integral con participación da veciñanza, con desenvolvemento dos órganos de participación, con revitalización da comisión de seguimento do Urban, do consello da Veciñanza, das asembleas de barrio e cos técnicos municipais e concelleiros a pe de rúa. Unha política que consolide a cidade de Ferrol, que centre as súas actuacións nas vivendas que se caen e que non volva a acontecer o que ocorreu no pasado, que se perdan fondos e subvencións por falta de determinación política. Non pode ser que o goberno do PP xogue cos prazos e execución das obras financiadas con fondos europeos en fin dos seus propios intereses políticos, en lugar de velar polos intereses da cidadanía de Ferrol.