Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2013.- O desemprego en Galicia volve bater a súa propia marca. 292.823 persoas figuran, logo do mes de febreiro, anotadas no paro. Un 0,7% máis que en xaneiro e un 6,6% máis que hai un ano. As cifras ratifican, de novo, que as políticas de austeridade no gasto público ditadas pola troika ao PP só conducen ao abismo social e á destrución do xa escaso Estado do benestar galego. “Trátase, unha vez máis, de que a Xunta de Feijóo rectifique”, declarou o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, aos medios de comunicación, “ou a praza acabará por entrar no palacio”.
A cada mes que pasa, a situación económica tensa máis a situación social. Datos como os emitidos hoxe polo autodenominado Ministerio de Emprego certifican que o austericidio é letal. Que a estafa que chaman crise segue a se asañar con especial intensidade nas mulleres -147.977 dos parados sono, fronte a 144.846 homes. E que só unha mudanza radical nas políticas económicas da Xunta –arestora inútiles e contraproducentes- pode contribuír a unha saída deste panorama en que os inocentes non paguen os pratos rotos por especuladores e políticos neoliberais ao seu servizo.





