Polo dereito a unha renda básica

O acto concebiuse como unha oportunidade para dar saída a unha reivindicación política e social de crecente interese que consiste en dotar a toda a cidadanía dunha renda vital suficiente para desenvolver unha vida digna sen esixir contraprestación ningunha.

A consideración da Renda Básica como un dereito inherente a todas as persoas, que lles permita o desfrute real de todos os demais dereitos, está a ser adoptada con decisión por moitos movementos sociais e ata partidos políticos que o incorporan ás súas axendas cada vez con menos reservas.

Esquerda Unida considera que nestes tempos de crise non se poden descoidar propostas solventes como a da Renda Básica, que leva máis de vinte anos de estudos teóricos e debates e que a día de hoxe acredita non só viabilidade económica, senón que está a destacar como vector movilizador de gran potencia e profundamente relacionado como moitos  campos de actuación dentro do marco social e económico (feminismo, ecoloxismo, pobreza, traballo)  e contando, ademais, con exemplos de aplicación parcial  en moitos países con resultados máis que prometedores.

 

En sucesivas ocasións estaremos atentos ás voces que xurdan dentro desta temática para dar cumprida resposta a unha reivindicación que semella imparable dentro dos movementos de esquerdas.

Relacionados